fragata

fragata

(

  1. [MAR]
    1. s f

      Buque de vela de tres ou máis paos machos con mastros e velas de cruz en todos eles. Aparece na primeira metade do s XVII e, ata a construción das grandes corvetas de ferro, de catro e cinco paos, no último terzo do s XIX, era o veleiro de maior porte, xa que o seu aparello, polo número de tripulantes que precisa e a complexidade da súa manobra, só é propio de cascos grandes. Había fragatas de guerra e mercantes. Na mariña de guerra a vela, tiñan un aparello igual ca os navíos, pero eran de menor envergadura e contaban cunha soa batería de lado a lado e un armamento inferior aos 60 canóns. Como navío de combate, foi empregado polos aliados durante a Segunda Guerra Mundial para protexer comboios e facer servicios de patrulla. Posteriormente, construíronse diversos tipos de maior tonelaxe (1.500-4.000 T e 100-120 m de eslora) destinadas a misións de escolta antisubmariña e antiaérea, moitos deles dotados de mísiles e de plataformas para o transporte de helicópteros. Tamén recibe o nome de barca.

    2. fragata de vapor

      Buque que no s XIX, ademais de aparello de fragata, tiña unha hélice.

  2. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave mariña do xénero Fregata, da familia dos fregátidos, de ás moi longas e estreitas -de ata 210 cm de envergadura-, cola longa con forma de forquita, peteiro fino, longo e ganchudo e plumaxe negra co peito branco nas femias. Os machos teñen a gorxa de cor vermella e poden inchar, durante o período reprodutor, unha gran bolsa que teñen neste lugar. Capturan peixes na superficie do mar mentres voan e frecuentemente parasitan outras aves, especialmente mascatos, ás que perseguen para obrigalas a regurxitar o alimento que teñen no papo. Non se pousan na auga e dormen en grandes grupos, as máis das veces, en illas arboradas. Son propias dos mares do hemisferio sur. Nas costas galegas a especie Fregata magnificens é unha ave moi rara e accidental.