Fraiz

Fraiz

Familia de impresores establecida en Santiago de Compostela ao redor de 1672. O seu fundador, Antonio Fraiz Piñeiro , puido ter unha orixe lisboeta, ligada ao impresor Antonio Piñeiro, ou ben puido ser oriúndo da Ulla. Tirou do prelo unha Respuesta teológica (1673) e as Ordenanzas de la Real Audiencia de Galicia (1679), entre outros títulos. O seu fillo, Benito A. Fraiz , estivo á fronte da imprenta entre 1700 e 1706. Exerceu ademais como capelán maior do Hospital Real e tivo amizade con profesores da Universidade de Santiago. Tivo como colaborador no obradoiro tipográfico a Jacinto del Canto. O seu irmán, Andrés Fraiz , tivo tres fillos que herdaron o negocio familiar. O primeiro deles, Andrés Fraiz , realizou diversos traballos editoriais entre 1719 e 1760 (Anales del Reino de Galicia. Tomo I, 1733), e mesmo algúns relacionados coa Inquisición. Entre 1760 e 1765, o seu outro fillo Pedro Fraiz estivo á fronte da imprenta familiar. A outra filla, Andrea Fraiz , casou co impresor Sebastián Montero. Entre 1769 e 1798 dirixiuna o fillo destes Sebastián Montero Fraiz , e dela saíu impresa a Vida de Juan de Sanclemente y Torquemada (1769). Ao redor de 1800 figuraba como pé de imprenta Heredera de Fraiz e nos seus obradoiros imprimiuse o primeiro periódico de Galicia, El Catón Compostelano. Nos primeiros anos do s XIX figurou como herdeiro deste obradoiro o seu sobriño Francisco Montero Fraiz . A partir de 1835 pasou a mans de Cristóbal Montero, quen a vendeu en 1837 por 7.000 reais a Francisco Sierra, co que se pechaba un obradorio familiar con máis de 150 anos de historia.