Francia
Estado de Europa Occidental que limita ao NL con Bélxica e Luxemburgo, ao N co mar do Norte e co Canal da Mancha, ao O co Océano Atlántico, ao S con España e o Mar Mediterráneo e ao L con Suíza, Italia e Alemaña, onde o Rin constitúe parcialmente a fronteira (543.965 km2; 58.735.000 [estim 2000]). A Francia metropolitana, que se estende entre os 51° e 42° de latitude N e os 5° de lonxitude O e 8° de lonxitude L, tamén inclúe a illa de Córsega, no Mar Mediterráneo. Ademais posúe a soberanía sobre territorios de ultramar (Guyana Francesa, Martinica, Guadalupe, Wallis-et-Futuna e a Illa Reunión), dependencias territoriais (Saint-Pierre et Miquelon, Mayotte, Nova Caledonia, Polinesia Francesa), e terras antárticas. A capital é París.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Francia é sobre todo un país de chairas, de baixos altiplanos e de serras medianas. As catro quintas partes do territorio non sobrepasan os 500 m de altitude e menos do 10% excede os 1.000 m. Se se trazase unha liña diagonal que unise no plano Aquitania, no treito occidental da fronteira española, e Alsacia, na fronteira oriental con Alemaña, na metade NO situaríanse as terras baixas, mentres que as montañas e os altiplanos estarían situados na outra metade. Esta disposición ten unha grande importancia climática e bioxeográfica, xa que as influencias oceánicas penetran moito no interior do país. O relevo constituíuse cara ao final do Primario e durante o Terciario, feito que permite distinguir unha Francia herciniana e unha Francia alpina. Na Francia herciniana, exceptuando algúns casos de vulcanismo, as cimas culminantes non chegan aos 1.700 m, mentres que na Francia alpina acontece ao contrario, pois as altitudes exceden a miúdo os 3.000 m e chegan aos 4.000 m nos Alpes. A Francia herciniana comprende uns antigos macizos rexuvenecidos (Vosgos, Ardenas, Macizo Armoricano, Macizo Central) e dúas concas sedimentarias (conca de París e conca de Aquitania). Formadas durante o Carbonífero, as montañas hercinianas foron somerxidas no Triásco polas augas lacustres e mariñas. Deste xeito os sedimentos depositados desde o Triásico fosilizaron a superficie postherciniana. Por mor dos amplos movementos, producidos de xeito consecutivo, esta foi tallada de novo por unhas superficies máis recentes que, segundo os lugares, os autores datan do Cretácico, e do Terciario. Na oroxenia pirenaico-alpina, os bloques foron alzados, basculados e posteriormente esgazados en vales profundos. Desta maneira rexuveneceron estes antigos macizos: altitudes máximas de 400 a 1.700 m, horizontes rasos, vales estreitos, desniveis que van dos 150 m (Ardenas) aos 1.000 m (SL do Macizo Central). As dislocacións máis importantes estiveron acompañadas do vulcanismo datado, no Macizo Central, do Mioceno ao Cuaternario. Nas concas sedimentarias, os materiais depositáronse no decurso do Secundario e do Terciario, mentres que desaparecían as ribeiras e aparecían as terras. Deste xeito desenvolvéronse unhas superficies planas. Os movementos da segunda metade do Terciario e despois a acción das redes fluviais posibilitaron a aparición de outeiros que dominan amplos vales. Ao N dos outeiros de Artois, a chaira do N pertence á conca flamenga e ao L dos Vosgos, a chaira de Alsacia corresponde a unha fosa de afundimento. Os Pireneos e as liñas divisorias entre as vertentes provenzais apareceron a partir do Cretácico Superior e formáronse ata comezos do Mioceno. Despois dos movementos precursores que se remontan ata o Cretácico, os Alpes e o Xura formáronse no Plioceno. Entre o Xura e os Alpes, no L, e o Macizo Central, ao O, atópase o paso de Saône-Rhône, desfiladeiro formado por depresións e congostras. Os aspectos morfolóxicos destas montañas van ligados á estrutura (litoloxía, dobramentos e fracturas) e á natureza dos sistemas de erosión que lles afectaron. Entre outras cousas hai altiplanos calcarios (de máis de 2.000 m) cercados por muros xigantescos, de cumios e vales elevados, de amplos canais ou de depresións escavadas en ribeiras con cúpulas traballadas polos glaciares. Nos Alpes, sobre todo, as espaciosas avenidas, elaboradas por potentes glaciares, son unhas vías notables de penetración ao interior dos macizos.
Climatoloxía
O clima está ligado á situación xeográfica e ao relevo. A circulación atmosférica está regulada por uns centros de baixas presións, o máis constante deles é o de Islandia, que dirixen sobre Francia unhas correntes do N, O e do S e uns centros de altas presións que teñen o principal centro nunha extensión do anticiclón dos Açores. As precipitacións proveñen sobre todo do O; como termo medio, todas as rexións chegan a rexistrar os 500 mm anuais. Os sectores menos regados están entre os ríos Oise e o Loire, na Alsacia, e os máis regados nas zonas montañosas (máis de 2.000 mm ao ano). As temperaturas varían coa latitude e o mar atenúa os contrastes térmicos. Na metade SL, o relevo inflúe dunha maneira notable sobre as temperaturas, sobre todo no verán. A duración das xeadas está en función da altitude e da continentalidade: reducida a 40 días nas vertentes marítimas, uns tres meses no NL do país, a partir dos 1.000 m de altitude pasa do trimestre. En Francia setentrional distínguense tres dominios climáticos principais: o oceánico (Finistère), o continental (chaira de Alsacia) e o de transición (centro da conca de París). No S, como mínimo nótanse catro dominios: o oceánico, máis reducido dende os puntos de vista pluviométrico e térmico que o de Finistère, o do L, menos marcado pola continentalidade que en Alsacia, o mediterráneo, máis cálido e moi reducido en precipitacións, e o de montaña, onde a altitude e o relevo crean un clima orixinal. En xeral Francia ten un clima temperado, pero non por isto está libre de accidentes (longas secas, invernos rigorosos), excesos e irregularidades, sobre todo na metade S do país.
Hidrografía
A fértil rexión das chairas está drenada polos ríos Sena, Loire e Garonne. O río Ródano o maior e máis caudaloso do país e os seus afluentes, particularmente o Saona, Isère e Durance, percorren a rexión dos Alpes franceses. A principal arteria fluvial é o río Sena, e os seus principais afluentes son o Aube, Marne, Oise e Yonne. Francia ten poucos lagos, o máis destacado e o Leman, que se atopa na fonteira franco-suíza.
Medio ambiente
Os solos poden clasificarse en dúas familias principais: os solos pardos forestais, a súa variedade explícase polos diversos dominios climáticos (máis claros no oeste oceánico que no leste continental), e os solos mediterráneos, cunhas características que se xustifican en parte pola seca estival (a súa cor vermella é a miúdo unha herdanza dos paleoclimas). Esta distinción fundamental vese perturbada polo relevo, a xeoloxía e o home. Están representadas tres das grandes rexións fitoxeográficas do mundo: a rexión eurosiberiana, de bosque de follaxe caduca, á que corresponde a maior parte do territorio; a rexión mediterránea de aciñeirais sempre verdes; e a rexión boreo-alpina, limitada case exclusivamente á alta montaña dos Alpes e dos Pireneos. Dentro da rexión eurosiberiana, a extensa superficie que vai dende Aude, as Cevenas, Forez, Morvan e Champagne cara ao oeste ata o océano Atlántico, é parte da provincia fitoxeográfica atlántica, húmida, temperada e verdosa. No bosque natural predominan sobre todo o carballo e o carballo albar; e na montaña a faia. Na paisaxe actual humanizada son frecuentes as landas de breixos, toxos, xestas e fentos e os prados húmidos. As terras do noroeste, dende Lyon a Lorena, máis continentais ca as atlánticas, son parte da provincia centroeuropea (carballeiras húmidas, a miúdo con carpes e faias, etc). No sur de Lyon, nas montañas de Provenza e do Languedoc, unha banda relativamente estreita de bosques de carballo pubescente e buxo, ás veces substituído nas terras ácidas por soutos, constitúen a fin das paisaxes de bosque de folla caduca (provincia submediterránea). A rexión mediterránea ocupa a parte SL do territorio, entre o Pireneo oriental e Liguria. A vexetación mediterránea case non se afasta do mar; a extensión da área onde predomina adoita estar comprendida entre os 10 e 50 km, dende o val do Rhône, onde as paisaxes mediterráneas ascenden cara ao norte ata as proximidades de Montelaimar, a uns 120 km do Mediterráneo. A vexetación boreo-alpina das altas montañas comprende un piso subalpino de bosque de coníferas, máis rico nos Alpes ca nos Pireneos, e un piso nival, case inexistente fóra dos Alpes.
Xeografía económica
Economía
A economía tradicional francesa baseouse na agricultura, pero a partir da Segunda Guerra Mundial experimentou un forte desenvolvemento industrial. Durante a posguerra, o goberno levou a cabo unha serie de plans co fin de promover a recuperación e aumentar o control gobernamental na economía. Nos denominados plans Monnet, establecíase o principio de nacionalización de certas industrias e en especial do sistema de transportes ferroviario e aéreo, os bancos máis importantes e as minas de carbón. O estado converteuse no principal accionista das industrias automobilísticas, electrónicas e aeronáuticas. En 1981, o novo goberno socialista comenzou un programa de nacionalización das industrias, sen embargo, a elección dun goberno conservador en 1986, diminuíu o papel estatal na economía. En 1998 o PNB era de 1.465.399 millóns $ USA o que equivalía a 24.210 $ USA per cápita. A partir de 1997 o goberno introduciu reformas nas políticas de promoción do emprego, que fixeron que a finais de 1999 o paro descendese ata o 12,1% da poboación activa, que en 1999 era de 26.588.000 persoas. A inflación no mesmo ano era do 0,5%. A moeda oficial é o euro.
Sector agropecuario
O sector primario proporciona emprego ao 4% dos traballadores franceses (2000) e achega o 25% do PNB. Dos case 30 millóns de hectáreas agrícolas (1992), o 32,7% é terra de labor, o 20,3% destínase a pastos e o 29,1% aos cultivos forestais. O número de explotacións agrícolas reduciuse progresivamente, ao tempo que aumentaba o seu tamaño medio, circunstancia que ten favorecido a mecanización e modernización do sector. Máis da metade das terras cultivadas dedícanse a cereais: trigo (quinto produtor e terceiro exportador mundial), cebada (terceiro produtor e o primeiro exportador mundial), millo, avea, centeo e arroz. Segue despois en importancia a produción de remolacha azucreira, patacas, colza, tabaco e os cultivos forraxeiros. Os cultivos herbáceos esténdense sobre todo polas chairas e altiplanos baixos; algunhas rexións están especializadas en pastos. A viña chega ata unha latitude considerable e pode distinguirse entre a vide de calidade (Bordeos, Borgoña) e a vide corrente (Baixo Languedoc-Rosellón). A produción anual de uva ocupa o segundo lugar mundial. O bosque, moi presente xa que cobre unha extensión de 14,8 millóns h (1992), ten un papel económico importante. A gandería vai asociada coa agricultura e baséase na produción de leite, carne (porcino, bovino, aves) e peles; malia os rendementos elevados que producen, o armentío equino é relativamente modesto. Cómpre destacar a gran cantidade de granxas avícolas e corrais (para carne e ovos) tanto industriais como familiares. Polo que respecta á pesca, captúranse 536.254 toneladas de peixe ao ano (1998), ademais de crustáceos e moluscos. A parte esencial provén dos portos do Atlántico (Lorient) e do canal da Mancha (Boulogne).
Minería e a industria
O sector mineiro, aínda que é importante, non chega a cubrir as necesidades do país. No que se refire ás fontes de enerxía, a produción de carbón acadou valores máximos en 1958 (60 millóns t) e desde entón foi diminuíndo (11 millóns de t de hulla e 2,25 de lignito [1992]), extraído en diversas concas como Nord-Pas-De-Calais e Lorena (a máis importante) e outras diseminadas polo centro do país. A produción de petróleo é mínima (1.780.000 t [1997]), extraídos de Aquitania, polo que ten que importar o 96% do petróleo bruto, especialmente dos países árabes. Case que unha sexta parte do gas extraído provén dos xacementos subpirenaicos de Aquitania; o resto procede das minas de carbón, dos altos fornos e das refinerías de petróleo ou de xacementos estranxeiros. A produción interna de gas cobre unha sexta parte da demanda polo que se importa principalmente dos Países Baixos, Alxeria, Rusia e do mar do Norte. É un dos principais produtores do mundo de electricidade (515.468 millóns de kW/h en 1997), producida nun 72% en centrais nucleares. Complementan a produción as centrais hidroeléctricas (Alpes, Pireneos, Macizo Central, concas do Ródano e Rin) e térmicas. Outros recursos mineiros importantes, ademais dos carbonos e hidrocarburos, son o uranio, minerais metálicos (ferro, bauxita, cinc, chumbo, cobalto) e non metálicos (potasio, xofre, sal común). A industria, ben desenvolvida na época do capitalismo liberal, experimentou un novo florecemento a partir da década de 1960; non obstante a crise da enerxía, a loita contra a inflación e a reconversión industrial dos 80 provocaron graves dificultades nalgunhas das súas ramas. Non obstante , durante o decenio 1970-1980 a industria incrementouse nun tercio, quedando estancada os dous anos seguintes e crecendo un 1,5% en 1983. O sector secundario, que inclúe as manufacturas industriais e a construción, participa co 25% no PNB e proporciona unha porcentaxe idéntica do emprego, o que a converteu na segunda potencia industrial de Europa e quinta do mundo. As ramas máis importantes da industria son a siderúrxica (destacan o aceiro, producido sobre todo no N, en Lorena e Provenza), a metalúrxica de aluminio (417.700 t), chumbo, cinc e a de níquel; a metalúrxica (construción de automóbiles, aeronáutica, tractores, construción naval); a construción eléctrica e electrónica; as industrias téxtiles (algodón, la, xute); e as químicas (Francia ocupa un dos primeiros lugares mundiais na produción de ácido clorhídrico, adobos nitroxenados, sosa cáustica, ácido sulfúrico e caucho sintético); ademais, son importantes as industrias do cemento, do vidro e as alimentarias (vide, cervexa e azucre). Ata a Segunda Guerra Mundial, a Francia industrial coincidía co terzo setentrional do estado, sen embargo, despois a localización industrial desprazouse ao terzo oriental, no L da liña Sena-Ródano, con tendencia a concentrarse no val deste último coa conca do Rin; con todo, a aglomeración de París concentra ao 60% da industria de automoción e o 75% das grandes empresas.
Comercio exterior
Francia é unha das maiores potencias comerciais do mundo, cun amplo abano de artigos de exportación. Máis da metade do comercio exterior realízase cos seus socios da UE, principalmente con Alemaña, Bélxica, Luxemburgo e Italia. Tamén son importantes socios mercantís EE UU, Países Baixos e Xapón. No 2000 o valor das importacións acadou os 147,84 millóns $ USA e os principais produtos foron alimentos, petróleo, maquinaria, produtos químicos e instrumentos de precisión. No mesmo ano o valor das exportacións acadaron os 115,08 millóns $ USA e entre os principais produtos vendidos destancan os vehículos e equipamentos para transporte e produtos téxtiles.
Transportes e comunicacións
Exceptuando as vías fluviais e as marítimas, a orientación xeral das vías de comunicación reflicten a política centralizadora que fai de París a única gran metrópole. Esta tendencia alterouse cos últimos programas de modernización dos transportes e das comunicacións que teñen previsto a descentralización da actividade económica máis alá do núcleo da Île-de-France. As principais relacións fluviais danse entre o N (Lorena, Alsacia, Alta Normandía) e a rexión parisina, cun total de 5.732 km de vías navegables (1998). No que se refire ao transporte de mercadorías, hai 5.951 km navegables, dos cales 4.575 son canais. Nos últimos anos os poderes públicos potenciaron a mellora da rede de estradas, para favorecer tanto ao transporte de mercadorías como ao de pasaxeiros; a rede de estradas intégrana un total de 980.367 km (1998), dos que 892.500 están asfaltados. Francia dispón dunha importante rede ferroviaria, con 31.770 km (1998) dos cales 14.153 están electrificados. A rede aérea, que converxe tamén en París, estase a converter cada vez en máis densa e o tráfico intensifícase especialmente nos tres aeroportos parisinos. Pola contra, a navegación mercante ten en Marsella o seu primeiro porto; líder no transporte de mercadorías, este medio representa un papel marxinal no transportes de pasaxeiros.
Xeografía humana
Demografía
Entre 1946 e 1974 o crecemento anual medio da poboación foi do 1%. Se ben isto era indicio dun certo dinamismo demográfico, a progresión rexistrada non proviña soamente do movemento natural, senón que era, en boa parte, resultado da inmigración. Non obstante , a partir de 1974, experimentou unha desaceleración demográfica, debida a un balance migratorio negativo e sobre todo, a unha baixada da natalidade. En 1999 a taxa de natalidade situábase no 12,7‰ e a de mortalidade no 9,2‰. A estrutura por idades presenta un 16,68% da poboación entre 0-14 anos; o 65,19% entre 15-64 anos e o 13,13% con máis de 65.
Poboamento
A distribución territorial da poboación ten experimentado cambios profundos a partir da Segunda Revolución Idustrial (s XIX). O desprazamento do campo á cidade non parou dende entón, excepto en circunstancias excepcionais, pero non foi ata a década de 1930 cando a poboación urbana (75,6% [2000]) excedeu a poboación rural. Os principais centros de acollida foron as grandes cidades (Lille, Lyon, Marsella e París) e as concas industriais (Nord-Pas-De-Calais, Lorena). As liñas de crecemento da poboación (ou áreas de atracción migratoria) desenvólvense seguindo os cursos dos ríos. Deste xeito, o Sena constitúe o primeiro eixe de desenvolvemento, desde París a Le Havre. O Ródano, segundo eixe importante, entre Marsella e Lyon, estende a súa área de crecemento ata o Rosellón. O curso do Loire, desde o S de París ata a súa desembocadura en Nantes e o do Garonne, de Toulouse a Bordeos, son outras dúas liñas de desenvolvemento. A aglomeración de París inclúe uns 200 municipios e unha poboación de 9.318.821 h (1990), o que equivale ao 19% da poboación en pouco máis do 2% do territorio. A poboación desta megalópole iguala a suma das outras 24 aglomeracións urbanas que superan os 200.000 h. Outras aglomeracións importantes son Lyon (1.262.223 h [1990]), Grenoble (404.837 h [1990]), Bordeos (696.819 h [1990]), Marsella (1.230.871 h [1990]) e Toulouse (650.311 h [1990]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maior parte da poboación é de orixe francesa (93,6%), pero debido á afluencia migratoria existen outros grupos étnicos importantes como os alxerianos (1,1%), portugueses (1,1%), marroquís (1%), italianos (0,4%), españois (0,4%) e turcos (0,3%). O ensino francés é esencialmente estatal e a Convención Nacional establece desde 1792 as liñas xerais da educación en primaria, secundaria e superior. En 1808 inagurouse a división do territorio en academias, fixouse a xerarquía das funcións e foron creados os liceos. O ensino é gratuíto e obrigatorio para os nenos e adolescentes comprendidos entre os seis e dezasete anos. O ensino primario comprende o ensino preelemental, que vai dos dous aos seis anos e non é obrigatorio, e o elemental, que vai ata os once anos. O ensino secundario é impartido en tres tipos de centros: os liceos de ensino profesional, os liceos e os colexios. As reformas introducidas en 1968 tenderon a flexibilizar os métodos de ensino superior e a aumentar a autonomía das universidades, que na década dos oitenta introduciron un bo número de materias docentes. En Francia hai 10.000 escolas privadas cun 15% da poboación infantil. En materia escolar, todo o territorio francés está dividido en 27 distritos, denominados academias, que en xeral coinciden coas rexións administrativas, agás algunha excepción, como París que ten tres. Entre os principais grupos relixiosos destacan os musulmáns (5,5%) particularmente entre os estudiantes e os obreiros estranxeiros de orixe africana ou turca, protestantes (2,4%), que se asentaron en Francia desde o s XVI, os xudeus (entre 500.000 e 600.000) e os católicos (76,3%) que son maioría no estado francés. A pesar da separación entre o estado e as igrexas, a Igrexa Católica exerce unha influencia bastante notable na vida pública.
Situación lingüística
Francia presenta unha extraordinaria variedade lingüística, aparentemente fundida nunha única lingua: o francés (lingua oficial da República Francesa). Esta unidade é froito tanto dunha política de conquistas como dun centralismo cultural e administrativo que ten tentado destruír o uso de toda lingua que non fose o francés. Un primeiro feito histórico foi o da substitución do galo, lingua celta, polo latín en toda a Galia antiga. Esta substitución xa estaba practicamente consumada entre os ss IV e V. Aínda así, o galo puido sobrevivir máis tempo na península armoricana, onde foi substituído por outra lingua celta, o bretón, traído polos invasores das illas británicas. Desta maneira, o bretón chegaba, cara ao s IX, a Rennes. Dende entón perdeu terreo, pero segue a ser a lingua celta máis falada (1.220.000 falantes). O trazado da fronteira norte no s XVII e a constitución do estado belga (s XIX) fixeron que unhas zonas de falantes franceses (o picardo e o valón, sobre todo) permanecesen fóra de Francia, mentres que a área flamenga, xermánica, penetraba cara ao interior (ata os arredores de Dunkerque). A loita entre Francia e o Imperio Xermánico, ata as guerras de 1870, de 1914-1918 e de 1939-1945, terminou coa anexión por parte de Francia da Lorena xermánica e de Alsacia, núcleos de cultura alemana. Nestas rexións mantense o uso dialectal e un coñecemento escolar e administrativo de alemán unificado. O dominio románico de Francia está composto por cinco entidades distintas, dunha importancia histórica e xeográfica moi diferente. A lingua de oïl, primeiramente escrita nas súas grandes variedades dialectais, comezou a unificarse a partir do s XIV arredor do franciano, ou fala parisiense; este deu orixe ao francés oficial, que sempre se rexeu pola norma do uso parisiense. O resto das variedades de linguas de oïl, sobre todo o valón, o picardo e o normando, son os que mellor se conservan e teñen máis falantes, aínda que non hai estatísticas oficiais sobre o seu número aproximado. O francoprovenzal (Savoia, Delfinado, sur de Franco Condado, Val de Aosta e Suíza románica), segue vivo no rural e non chegou a constituírse como lingua literaria. A lingua de oc, ou occitano, lingua da cultura medieval, en que se inclúen as variedades lingüísticas de gascón, lemosino, auvernés, alpino, languedociano e o provenzal, foi minguando gradualmente polo feito, sobre todo, da anexión, no s XIII, dos dominios de fala occitana á coroa francesa. O tratado dos Pireneos (1659) incorporou a Francia a maior parte dos Pyrénées-Orientales (Rosellón, O Conflent), onde se fala o catalán setentrional ou rosellonés. A anexión de Córsega, en 1768, vinculou a Francia outra minoría lingüística: a corsa. A vinculación do pequeno reino da Baixa Navarra a finais do s XVI, implicou a anexión de Be-Nafarroa, Lapurdi e Zuberoa e con elas a lingua vasca. No departamento dos Pyrénées-Atlantiques distínguense varios dialectos do éuscaro (labortano, baixonavarro occidental, baixonavarro oriental e suletino). A vontade de afrancesamento de todo o territorio articulouse nas datas de 1539 (edito de Villers-Cotterêts) e de 1792 (política da Convención), e acelerouse no s XIX coa campaña escolar contra os dialectos e patois.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Francia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 13º posto cun índice do 0,924). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 78,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 94%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 22.897 $ USA.
Goberno e política
A Constitución da Quinta República, aprobada por referendo o 4 de outubro de 1958, definiu o estado francés como unha república indivisible, laica, democrática e social que repousa nos principios do sufraxio universal, a separación dos poderes executivo, lexislativo e xudicial e a responsabilidade do goberno diante do parlamento. Sufriu diversas reformas, entre as que destaca a elección do Presidente da República por sufraxio universal directo (1962), a introdución dun novo Título relativo á responsabilidade penal dos membros do goberno (1993), a extensión do ámbito do referendo (1995), disposicions transitorias relativas o estatuto de Nova Caledonia (1998), establecemento da unión económica e monetaria europea, recoñecemento da xurisdición do Tribunal Penal Internacional (1999), e a redución do mandato presidencial (2000). Trala aprobación da lei de descentralización administrativa de 1982, o territorio metropolitano francés (incluída Córsega) estruturouse en comunas (municipios), en 96 departamentos e en 22 rexións administrativas. A lei transferiu as competencias administrativas e financeiras ás asembleas dos departamentos (consellos xerais) e ás asembleas rexionais (consellos rexionais), elixidas por sufraxio universal. Córsega, que obtivo un status especial de colectividade territorial, ten unha asemblea lexislativa propia. O estado francés tamén ten catro departamentos de ultramar (Guyana Francesa, Guadalupe, Martinica e Reunión), dúas colectividades territoriais de ultramar (Mayotte e Saint-Pierre et Miquelon) e catro territorios de ultramar (Polinesia Francesa, Territorios Antárticos, Nova Caledonia e Wallis-et-Futuna). O poder executivo reside no presidente da república e no primeiro ministro. O presidente da república, elixido por un período de sete anos por sufraxio universal directo é o xefe dos exércitos, dispón de poder diplomático, ten o dereito de disolución da asemblea nacional e de servirse do referendo e do dereito de gracia; en circunstancias excepcionais dispón de plenos poderes. Ademais nomea ao primeiro ministro e aos outros membros do goberno e preside o consello de ministros. O primeiro ministro dirixe a acción do goberno, asegura a execución das leis e exerce o poder regulamentario. Os ministros e secretarios de estado son nomeados a proposta do primeiro ministro, polo presidente da república. O poder lexislativo reside no Parlamento, integrado pola Assemblée Nationale (Asemblea Nacional) que conta con 577 membros elixidos por cinco anos a través do sufraxio universal directo, e polo Sénat (Senado), composto por 321 membros elixidos por nove anos mediante sufraxio universal indirecto, que aseguran a representación dos colectivos locais da república. O poder xudicial, independente por principio do executivo e lexislativo, conta coa garantía do presidente da república, asistido polo Consello Superior da Maxistratura. A administración da xustiza conta con tribunais xudiciais ordinarios ou de dereito común e de tribunais xudiciais de excepción. A Corte de Casación, con sede en París, controla a boa aplicación da lei por parte dos tribunais. O control da constitucionalidade confíaselle a un consello constitucional, composto polos antigos presidentes da república e por nove membros designados por nove anos, tres polo presidente da república e tres por cada presidente das dúas asembleas parlamentarias. O ordenamento xudicial baséase no Código Napoleónico. As principais formacións políticas representadas no parlamento son o Rassemblement pour la République (RPR, Movemento para a República) fundado en 1976; Parti Socialiste (PS, Partido Socialista); a Union pour la Démocratie Française (UDF, Unión pola Democracia Francesa), de centro dereita, fundado en 1978; o Parti Communiste Française (PCF, Partido Comunista Francés), fundado en 1920; a Front National (FN, Fronte Nacional), de ultradereita, fundado en 1972. O 17 de novembro de 2002 o RPR, a UDF e a DL, que mantiñan unha estreita colaboración no apoio ao goberno, constituíron o novo partido dereitista Union pour un Mouvement Populaire (UMP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD); Consello de Europa; Comisión de Seguridade e Cooperación en Europa (CSCE); Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicio (OCDE); Organización Para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE); Organización do Tratado do Alántico Norte (OTAN); Unión Europea (UE); e ONU, na que é membro permanente do Consello de Seguridade.
Historia
A prehistoria
O Paleolítico Inferior (500000 a C-90000 a C) está representado nos socalcos fluviais do Somme e nos xacementos das covas de Lazaret e a Cauna de l’Aragón. A aparición dos restos do home de Neanderthal, nos xacementos de Chapelle-aux-Saints, Le Moustier e La Ferrasse, marcou o comezo do Paleolítico Medio ou Musteriense (90000 a C-33000 a C). O Paleolítico Superior (33000 a C-9000 a C) caracterizouse pola irrupción do Homo sapiens fossilis, que desenvolveu unha intensa actividade artística nas covas de Lascaux, La Font de Gaume, Trois-Fréres. Entre os xacementos desta etapa destacaron: La Gravette, Châtelperron, Arcy-sur-Cure, Solutré. Ao final do período glaciar apareceron as industrias mesolíticas (9000 a C-5500 a C) que estableceron as bases do Neolítico. A neolítización (6000 a C-2000 a C) sufriu a influencia de diversas correntes culturais, entre as que destacaron a mediterránea e a danubiana, e apareceron diversas culturas locais. A civilización megalítica desenvolveuse no territorio francés a finais deste período (2500 a C). Desenvolveuse a metalurxia do cobre e produciuse unha diversificación cultural moi acusada. Na Idade do Bronce as comunidades rexionais experimentaron unha certa estruturación e apareceron rutas comerciais que atravesaban o territorio. Durante a Idade de Ferro, cara ao 800 a C, introduciuse a cultura do Hallstatt, formada por guerreiros e pastores que se desprazaron dende os Alpes cara ao interior de Francia, e introduciron as técnicas da metalurxia do ferro. Posteriormente desenvolveuse a civilización dos celtas ou galos, dotada dunha base agrícola e dividida en tres grandes grupos: os druídas, sacerdotes que regulaban a sociedade e se ocupaban da relixión, a nobreza guerreira e o pobo. Mentres se producíron os primeiros contactos coas culturas mediterráneas durante as exploracións dos fenicios e despois dos gregos polo Mediterráneo occidental. A partir do s VI a C os gregos fundaron a colonia de Massalia (Marsella), que estableceu relacións comerciais co interior a través do val do Ródano. No s V a C a civilización de La Tène, caracterizada pola súa delicada artesanía en armas e cerámica, estendeuse dende o L da Galia. No 121 a C os romanos ocuparon a antiga colonia grega de Massalia, que se tranformou en Massilia e, a partir dese momento fundaron outros asentamentos no interior como Narbona. Xulio César conquistou as Galias entre o 58 e o 51 a C e estableceu o centro administrativo en Lugdunun (Lyon). Os territorios conquistados dividíronse baixo Augusto entre a Galia Bélxica, a Galia Narbonense e a Aquitania. Os galos experimentaron un importante proceso de romanización e adoptaron o latín como lingua. Durante o s III a Galia romana viuse afectada pola inestabilidade política e polo incremento na inflacción e a caída da economía, que foron acompañadas da presión dos pobos xermánicos sobre as fronteiras. Despois das reformas do Emperador Diocleciano acadouse unha relativa estabilidade mentres o cristianismo se espallou e gañou adeptos entre a aristocracia galorromana.
A Galia franca: os merovinxios (481-751)
Os francos apareceron a mediados do s III na marxe dereita do Rin e emigraron gradualmente cara ao S. Instalaron a capital en Tournai e combateron os outros pobos bárbaros xunto cos romanos. No s V o territorio da Galia estaba dividido entre os francos, dirixidos por monarcas que se recoñecían descendentes de Meroveo, os visigodos que se estendían ao S do Loire entre o Atlántico e o Mediterráneo, os burgundios que ocupaban o val do Ródano e do Saône, e os bretóns que se instalaron no NO. Mentres, na rexión comprendida entre o Somme e o Loire, estableceuse un estado galorromano apoiado nos restos do exército imperial e dirixido por Exidio e o seu fillo Siagrio. Na segunda metade do s V os francos salios, dirixidos por monarcas merovinxios, impuxéronse paulatinamente sobre os outros reinos. O rei franco merovinxio Khilderico (463-481), fíxose co poder entre os francos e estendeuse pola Galia co apoio das aristocracias locais. O seu fillo e sucesor Clodoveo (481-511) continuou esta política e, despois de vencer os alamanos (496), converteuse ao catolicismo (498) e conseguiu os apoios da Igrexa e do emperador de Oriente. Despois de vencer o romano Siagrio, aliouse cos burgundios, destruíu o reino visigodo de Tolosa (507) e converteuse no líder xermano das Galias. Á súa morte o reino dividiuse entre os seus fillos e o maior Teuderico (511-533), completou a expansión dos francos coa conquista do reino dos burgundios. Entre os seus herdeiros destacou Teudeberto I (533-548), que estendeu a hexemonía franca cara ao L e someteu os frisios, saxóns e turinxios. Os seus sucesores entraron nunha etapa de guerras civís, que acadou unha especial virulencia entre os herdeiros de Clotario; e estendeuse ao reino de Neustria no reinado de Khilperico I (561-584). Neste período a Galia sufriu unha regresión económica, paralizouse o comercio e a vida urbana declinou, mentres os reinos do N, como Austrasia e Neustria, experimentaron un proceso ruralizador. No s VII produciuse unha transferencia de poder entre os monarcas, debilitados polos sucesivos enfrontamentos, cara á nobreza, integrada polos condes e bispos. Ao mesmo tempo os territorios situados ao S do Loire, que conservaban a estrutura romana xunto con infraestruturas e certa vida urbana dirixida pola vella nobreza, tentou constituír unha unidade política autónoma. Dagoberto I (623-638) evitou a fragmentación territorial, pero á súa morte iniciouse a paulatina autonomía dos mordomos, nomeados pola nobreza rexional. Trala Batalla de Tertry (687), Pipino II de Heristal, mordomo de Austrasia, estendeu a súa autoridade sobre os outros reinos francos. Sucedeuno o seu fillo Carlos Martel que detivo a invasión musulmá en Poitiers (732) e Pipino o Breve, fillo de Martel, que depuxo o rei merovinxio Khilderico III, e foi coroado rei dos francos no 751.
A Galia no Imperio Carolinxio (751-987)
Pipino o Breve consolidou a súa posición aliándose co papado fronte aos ataques dos lombardos e, despois de derrotalos, entregou a rexión de Ravena ao papa. Someteu Aquitania, reconquistou Narbonne aos sarracenos e puxo fin á independencia dos reinos visigodos da Septimania (759). Á súa morte (768) dividiu o reino entre os seus herdeiros, Carlos e Carlomagno, pero a morte do primeiro no 771 unificou o territorio nas mans de Carlomagno (768-814). Este emprendeu numerosas campañas militares e conquistou Lombardía, estableceu a Marca Hispánica na Península Ibérica, e anexionouse Baviera, Panonia e Saxonia. Coroado emperador por León III (800), recibiu o título de Emperador de Romanos. Dividiu o seu imperio nunhas 250 provincias e nomeou condes e inspectores para dirixir e vixiar a administración. Organizou un exército permanente, favoreceu a recuperación do comercio, sobre todo en Renania e cuñou moeda. Durante o seu goberno desenvolvéronse os lazos de dependencia entre os homes, ao tempo que se produciu unha separación entre a Igrexa e o pobo. Repartiu o imperio entre os seus fillos no 806, pero as súas mortes permitiron que pasase todo ao único supervivente, Luís I o Piadoso (813), que se enfrontou aos ataques dos normandos. Fracasou no intento de regular a súa sucesión e polo Tratado de Verdun (843) dividiuse o imperio e Lotario obtivo o título imperial xunto co territorio que se estendía desde o mar do Norte ata a desembocadura do Rin, Luís II o Xermánico recibiu os territorios ao L do Rin e Carlos o Calvo a Francia occidental, limitada ao L polo Escalda e o Saône. No reinado de Carlos o Calvo produciuse a sublevación de Aquitania e Bretaña, que se negaron a someterse á súa autoridade, e a pesar dos seus intentos non puido reconstruír a unidade imperial. A desunión entre os francos facilitou os ataques dos normandos, mentres que os territorios de Aquitania, Gascoña e Provenza se converteron en principados á marxe da autoridade real. No s IX, a consolidación do feudalismo, orixinou que o poder central se diluíse, mentres que a coroa do Reino Franco Occidental permaneceu na dinastía carolinxia. No 911 un importante grupo de normandos recibiu do monarca franco o territorio do Baixo Sena para o seu establecemento permanente. Entre o 922 e o 986 alternaron no trono monarcas carolinxios cos duques de París que usurparon a coroa.
Os primeiros Capetos
Á morte de Luís V, os principais señores elixiron como monarca a Hugo I Capeto, duque de Francia, dono dun pequeno dominio ao redor de París, e incapaz de someter aos grandes señores territoriais. A pesar do escaso poder dos primeiros membros da dinastía dos Capetos, o territorio francés iniciou no s XI unha recuperación demográfica, que favoreceu a concesión de cartas de poboamento, estendeu a superficie cultivada e permitiu a aparición dunha agricultura especulativa, acompañada por melloras técnicas (arado, angazo, muíños de vento e auga). Ao mesmo tempo, apareceu unha economía monetaria apoiada no desenvolvemento de feiras, como as de Champagne, mentres comezou o desenvolvemento das cidades. Luís VI (1078-1137) emprendeu sucesivas campañas para someter ao seu dominio a nobreza que habitaba no territorio da Île-de-France, co apoio das comunas e da Igrexa. Mentres, o eixe das actividades do reino trasladouse cara aos estados occitanos, máis urbanizados e romanizados. Tralo matrimonio do seu fillo e sucesor Luís VII (1137-1180) con Leonor, herdeira do ducado de Aquitania (1137), incorporou aos dominios dos Capetos os territorios comprendidos entre o Loire e os Pireneos. Á volta da Segunda Cruzada, Luís VII repudiou a Leonor, que casou con Enrique Plantagenet, conde de Anjou (1152), polo que engadiu Aquitania ao dominio da coroa inglesa (1154).
O imperialismo dos Capetos (1180-1314)
Filipe II Augusto adquiriu polo seu primeiro matrimonio o Artois, o Valois e o Vermandois e emprendeu a conquista dos feudos de Normandie e Anjou (1204). Derrotou a coalición formada por Inglaterra, Flandres e o Sacro Imperio Romano Xermánico na batalla de Bouvines (1214) e asegurou a posesión da Normandie, Maine, Anjou, Turena e Nord-Poitou. A extensión do catarismo dende finais do s XII nas posesións dos condes de Toulouse, ao tempo que se puxeron as bases dun estado panoccitano integrado por Aquitania, Toulouse e Catalunya, provocou a coalición entre o papa, os baróns franceses e o rei de Francia, que desatou a cruzada albixense, dirixida por Simón de Montfort (1209). A derrota dos occitanos en Muret (1213), permitiulle a Filipe Augusto establecer o dominio sobre a Occitania. A prosperidade manifestouse nun incremento da poboación, que se apoiou nunha agricultura moi produtiva, con rexións especializadas no gran comercio, e reforzouse a rede de cidades, sometidas a tutela real. Á morte de Luís VIII (1226), que participou na cruzada contra os albixenses, quedou como herdeiro o seu fillo Luís IX, sometido á rexencia da raíña viúva Branca. Durante a súa rexencia a raíña enfrontouse cos grandes nobres, apoiada pola baixa nobreza e as cidades. No 1229, trala conquista dos últimos refuxios de Montsegur e Queribus, os Capetos consideraron finalizada a guerra contra os albixenses e comezou a actuación dos tribunais inquisitoriais. Luís IX, san Luís, confirmou os seus dominios territoriais despois de vencer os Plantagenet en Taillebourg e Saintes (1242). Ao mesmo tempo, a través de diversos enlaces matrimoniais o seu irmán Carlos de Anjou conseguiu os dereitos sobre o condado provenzal (1245). A captura de Luís IX polos exipcios na Sétima Cruzada deixou o goberno nas mans de Branca ata a súa morte (1252). O regreso do rei permitiulle asinar tratados con Aragón (1258) e Inglaterra (1259) para confirmar as conquistas territoriais, ao tempo que impulsou o desenvolvemento dunha administración e lexislación comúns a todo o territorio. Á morte de Luís IX na Oitava Cruzada (1270) os seus herdeiros continuaron a concentración territorial e Filipe IV incorporou polo seu matrimonio con Xoana de Navarra, este reino e o condado de Champagne (1285). Un novo acordo subscrito en París cos ingleses (1303) permitiulle a Filipe IV engadir ás súas posesións o Agenais e o L de Gascoña, mentres os británicos quedaron limitados a unha franxa do litoral atlántico. No interior impulsou a centralización e unificación das conquistas, pero os problemas financeiros obrigárono a enfrontarse co papa, pola percepción de impostos sobre as propiedades do clero, e provocaron alteracións urbanas, como as de París (1306). O apoio dos estados xerais (1302) permitiulle reafirmar a autoridade e autonomía do reino fronte ao pontífice. O traslado do papado a Avignon (1309-1377) amosou a súa dependencia dos monarcas franceses.
Francia en crise (1314-1498)
A comezos do s XIV produciuse unha crise na economía, acompañada dun descenso demográfico e da regresión dos cultivos. Á morte de Carlos IV desapareceu a dinastía dos Capetos (1328) e os dereitos de sucesión transferíronse a Filipe de Valois, que reinou como Filipe VI (1328-1350). Enfrontouse co monarca inglés Eduardo III polo control de Flandres, apoiou os escoceses e tentou incrementar os seus territorios confiscando as posesións inglesas da Aquitania. As aspiracións do monarca inglés ao trono francés (1337) provocaron o comezo da Guerra dos Cen Anos (1337-1453). A chegada da peste bubónica a Francia (1348) provocou a morte dunha terceira parte da poboación en menos de dous anos. A caída da man de obra orixinou un brusco incremento dos prezos e dos salarios, que afectaron tamén aos ingresos do monarca. O andazo de peste reproduciuse na segunda metade do s XIV. Mentres, os campesiños, atrapados entre os incrementos nos prezos dos produtos, as subas dos impostos polos terratenentes e as bandas de mercenarios que asolaban o territorio durante a guerra, protagonizaron violentas rebelións. O descontento estendeuse tamén no medio urbano e provocou diversas insurreccións, como a que dirixiu Étienne Marcel en París (1358). A situación empeorou trala invasión, dirixida por Enrique V Plantagenet (1415), que derrotou o exército francés e fíxose co dominio da maior parte de Francia ao N do Loire. Baixo Carlos VII (1422-1461) produciuse a reacción francesa, capitaneada inicialmente por Xoana de Arco, que rompeu o asedio inglés sobre a cidade de Orléans (1429). Coa entrada de Carlos VII en Bordeos (1453), os ingleses cederon ao francés todos os seus territorios no continente excepto Calais. A consolidación da autoridade real no reinado de Luís XI (1461-1483) apoiouse na burguesía e aproveitouse da decadencia da nobreza, minguada pola guerra. Sucedeuno o seu fillo Carlos VIII, baixo a rexencia da súa irmá, que concertou o seu matrimonio coa duquesa Ana de Bretaña. Deste xeito incorporouse o último estado feudal independente á coroa francesa. Trala rexencia da súa irmá o rei asinou o Tratado de Étaples (1492), que rematou coas diferencias con Inglaterra e transformou Francia nunha monarquía nacional que incluía a maior parte dos territorios entre os Pireneos e o Canal da Mancha.
Cara á monarquía absoluta (1498-1610)
A estrutura social dominada ata o s XV pola nobreza terratenente experimentou unha transformación no s XVI como consecuencia da paz interior e do incremento da poboación, xunto á mellora social dos grandes comerciantes, banqueiros e recadadores de impostos. A suba nos prezos favoreceunos, mentres a nobreza que dependía dunhas rendas fixas, viu minguar o seu poder económico e a súa posición social. Neste período prosperaron as feiras de Bellcaire e de Lyon, creouse o porto de Le Havre e definiuse unha política colonial no Canadá. Os primeiros monarcas deste período, Carlos VIII, Luís XII e Francisco I, aproveitaron o crecemento da nación e a estabilidade interna para facerse con Nápoles e o Milanesado, pero na década de 1520, as guerras italianas transformáronse nunha disputa entre Francia e a dinastía dos Habsburgo, que reinaban en España e Austria. Francisco I impuxo un goberno absolutista, que someteu o clero mediante o Concordato de Boloña (1516), mentres os cargos foron vendidos aos burgueses e se comprou a fidelidade dos nobres co pago de pensións. O Edito de Villers-Cotterêts (1539) definiu o francés como lingua administrativa e inaugurou a centralización cultural. As guerras italianas remataron co Tratado de Cateau-Cambrésis (1559), negociada por Enrique II (1547-1559), no que Francia renunciou as súas pretensións en Italia a cambio dos bispados de Metz, Toul e Verdun. A Reforma, que se estendeu dende Alemaña durante o reinado de Francisco I, captou numerosos seguidores e Enrique II emprendeu a súa represión a partir de 1534. Nas décadas de 1540 e de 1550 desenvolveuse unha forma peculiar de protestantismo francés, os hugonotes, que conseguiu numerosas conversións entre a nobreza e o pobo. Os enfrontamentos entre católicos e hugonotes prolongáronse nos reinados de Carlos IX (1560-1574) e Enrique III (1574-1589), nas denominadas Guerras de Relixión (1562-1598). Os católicos organizáronse na Liga Santa e, trala masacre da Noite de San Bertomeu, o país dividiuse en dous bloques. O movemento hugonote, privado dos seus xefes, democratizouse e constituíu en Occitania unhas provincias unidas protestantes dotadas dunha organización militar, xudicial e financeira propia. No 1584 Enrique de Navarra, descendente de Luís IX e dirigente dos hugonotes, converteuse en herdeiro do trono, pero foi rexeitado polos membros do partido católico. Trala morte de Enrique III, accedeu ao trono como Enrique IV de Francia. Enfrontouse coa Liga Santa e aos seus aliados españois polos seus dereitos, apoiado polos católicos moderados e polos hugonotes. En 1593 converteuse ao catolicismo e trala súa coroación en 1594 na catedral de Chartres estableceuse a dinastía dos Borbóns no trono francés. O Edito de Nantes (1598) recoñeceu a liberdade de conciencia, de culto e de acceso aos cargos públicos para aos protestantes. O reinado de Enrique IV caracterizouse polo apoio ao campesiñado, coa anulación dos impostos sobre a terra, e a venda das terras públicas por baixo do prezo do mercado. Volveu loitar a carón dos protestantes alemáns, pero foi asasinado (1610).
O apoxeo do absolutismo (1610-1715)
A Enrique IV sucedeuno o seu fillo Luís XIII e durante a súa minoría de idade a rexencia quedou en mans da súa nai Maria de Medici, asesorada por Concini. Tralo asasinato do conselleiro (1617) produciuse unha ofensiva contra os hugonotes do Bearn. Os hugonotes mobilizáronse e conseguiron a firma do Tratado de Montpellier (1622) no que se confirmaban as condicións outorgadas por Enrique IV. O cardeal Richelieu foi designado presidente do Consello do Rei (1624) e reforzou o papel da monarquía fronte á aristocracia, ao Parlamento e aos hugonotes. A represión caeu sobre as grandes figuras do protestantismo francés coma Montmorency, ao tempo que os protestantes perderon os seus últimos bastións. Para consolidar o absolutismo, Richelieu desenvolveu o exército e a mariña, nomeou intendentes e no exterior reforzou a hexemonía francesa en Europa. Trala morte de Richelieu (1641) e Luís XIII (1643), o goberno pasou ao seu fillo Luís XIV, pero durante a súa minoría exerceuno a súa nai Ana de Austria e o primeiro ministro Mazarino que continuou a política de Richelieu. A crise económica que arrastraba do goberno anterior, obrigouno a incrementar os impostos e provocaron a rebelión da Fronda (1648-1652). Trala firma da Paz de Westfalia (1648), Francia acadou o dominio na rexión e anexionouse Alsacia e parte de Flandres. Polo Tratado dos Pireneos (1659) incorporou o Rosellón, parte da Cerdanya e o Artois. Á morte de Mazarino (1661), Luís XIV asumiu persoalmente o goberno, e reforzou a maquinaria do poder central, estableceu un duro control sobre o Parlamento e os diversos tribunais e consellos, someteu a nobreza, impúxolle o galicanismo á Igrexa e reprimiu as protestas populares. Tamén emprendeu a reorganización administrativa e financeira do reino xunto a Colbert, e impuxo o dirixismo industrial e apoiou o comercio e as manufacturas. Reformou o exército, que se converteu nun dos fundamentos do seu goberno coa axuda de Le Tellier e o seu fillo o marqués de Louvois. Tamén se fundaron colonias, especialmente en América, como a de Lousiana. Construíu o palacio de Versailles, onde se organizou un complexo ritual para a nobreza e os cortesáns para a exaltación do monarca e o culto á súa persoa. A partir de 1667 anexionouse o Franco-Condado e Flandres, completou a Alsacia (1681), e pola Tregua de Ratisbona (1684) fíxose con Luxemburgo, Estrasburgo e o Hainaut. Para incrementar a cohesión social do Estado, Luís XIV impuxo a unidade de fe no reino e revogou o Edito de Nantes no 1685. Como consecuencia disto, máis de 150.000 hugonotes se exiliaron en Holanda, Suíza, Inglaterra e Brandenburgo. A súa agresiva política exterior levou á constitución da Liga de Augsburgo (1686), formada polo emperador austríaco Leopoldo, os reis de España e Suecia, e algúns príncipes alemáns, dirixida por Guillerme de Orange. Os enfrontamentos entre Francia e a Liga, que se prolongaron entre 1689 e 1697, remataron coa Paz de Ryswick pola que ambas as partes renunciaban ás súas conquistas. Cara a finais do s XVII a crise económica, provocada pola ambiciosa política exterior e os gastos da corte de Versailles, obrigou ao establecemento da capitación, un novo imposto que afectaba a todos os franceses e xerou un fondo malestar na poboación. Mentres, a desaparición dos seus principais colaboradores, xunto coa longa Guerra de Sucesión en España (1701-1714) e as crises alimentarias, marcaron os últimos anos do seu reinado. A pesar de todo, estableceu o seu neto Filipe de Anjou no trono de España.
A crise da monarquía (1715-1789)
O reinado de Luís XV (1715-1774) estivo marcado pola crise económica e durante a rexencia de Filipe de Orléans (1715-1723) produciuse unha bancarrota. Trala maioría de idade do monarca o cardeal Fleury converteuse no primeiro ministro (1726-1743) e acadou unha mellora na economía, pero á súa morte o rei deixouse dominar por Madame de Pompadour. A reanudación dos conflitos bélicos coa Guerra de Sucesión Austríaca (1740-1748), continuados posteriormente pola Guerra dos Sete Anos (1756-1763) empeoraron as finanzas e orixinaron a perda do imperio colonial francés. A oposición das clases privilexiadas a reforma fiscal no goberno do duque de Chiseul (1758-1770) prolongou a crise. Sucedeuno o seu neto Luís XVI (1774-1793), que se esforzou por realizar unha reforma económica para acadar a igualdade fiscal, que o enfrontou cos privilexiados, mentres que o endebedamento de Francia se incrementou trala súa participación na Guerra de Independecia americana. Os sucesivos ministros de Facenda (Necker e Calonne) mantivéronse grazas aos empréstitos. Os parlamentos provinciais bloquearon as reformas presentadas polos ministros e improvisaran unha Asemblea de Notables, en maio de 1788, co apoio do exército e do pobo. Ante as reclamación das asembleas provinciais o monarca accedeu a convocar unha reunión dos Estados Xerais en maio de 1789.
A Revolución Francesa (1789-1799)
Trala constitución dos Estados Xerais en Versailles en maio de 1789, o goberno defendeu a votación por estamento nos Estados Xerais, o que provocou o abandono dos membros do Terceiro Estado (17.6.1789), que proclamaron a Asemblea Nacional, invitaron aos outros membros a unirse a eles e comprometéronse a outorgarlle a Francia unha constitución. O 9 de xullo parte do clero e da nobreza uníronse ao Terceiro Estado e formaron a Asemblea Nacional Constituínte. Cando o goberno tentou disolvela pola forza o pobo de París sublevouse, e obrigou o monarca a aceptar a formación da Asemblea. Esta reorganizou a estrutura institucional co establecemento dun novo sistema administrativo provincial e xudicial, que puxo fin ao proceso centralizador. Para solucionar o problema financeiro confiscou os bens da Igrexa e empregounos como fianza para emitir papel moeda, ao tempo que pola Constitución Civil do clero estableceu unha Igrexa nacional sometida ao Estado. O 3 de setembro de 1791 aprobouse a Constitución, que definiu un goberno parlamentario cunha monarquía hereditaria e unha asemblea, elixida por sufraxio restrinxido e indirecto. Luís XVI opúxose, e en xullo de 1791 tentou fuxir e refuxiarse no estranxeiro. En abril de 1792 a Asemblea Lexislativa, declaroulle a guerra a Austria e Prusia, pero tralas derrotas iniciais e ante o temor de que invadisen Francia, liberasen o monarca e acabasen coa revolución, formouse unha comuna popular en París que asaltou as Tuilleries (10.8.1792). A Asemblea destituíu o rei e constituíuse a Convención Nacional, que estableceu a Primeira República Francesa en setembro de 1792. A crise provocada pola invasión, a falta de alimentos e as dubidosas lealdades dos altos cargos permitiu que o poder se concentrase no Comité de Salvación Pública, dominado polos xacobinos, que emprenderon a eliminación dos que xulgaron inimigos da revolución. O monarca foi executado o 21 de xaneiro de 1793, o que provocou un distanciamento entre a revolución e a Europa monárquica. A Convención Nacional, dirixida por Robespierre, emprendeu unha política de salvación pública que conseguiu vencer os inimigos exteriores, ao tempo que Robespierre eliminou os seus adversarios radicais (Hebert) e moderados (Danton, Desmoulins). Estableceuse o control de prezos e o racionamento dos produtos básicos e decretouse o servizo militar obrigatorio. En xullo de 1794, o réxime do terror xacobino privado de apoio popular sufriu un golpe de estado (27.7.1794), a reacción termidoriana. Robespierre e outros dos seus partidarios foron axustizados, mentres os deputados centristas conseguían o dominio da Convención Nacional. Durante o ano seguinte enfrontáronse aos problemas de inflacción e aos motíns revolucionarios populares ao mesmo tempo que limitaron as atribucións do Comité de Salvación Pública. En setembro de 1795 adoptouse a Constitución do ano III, que estipulaba un réxime republicano dirixido por un Directorio de cinco membros, que exercía o poder executivo. O Directorio (1795-1799) dominado polos cidadáns que posuían propiedades, iniciou unha política de expansión, que permitiu a conquista das repúblicas Cisalpina e Ligur (1797), Romana e Partenopea (1799).
O Consulado e o Imperio Napoleónico
Napoleón Bonaparte asumiu o poder (9.11.1799), disolveu o Directorio e constituíu un goberno provisional no que participaron Fouche e Talleyrand. Pola nova Constitución do ano VIII acaparou as funcións lexislativas e executivas e posteriormente someteu ao seu dominio os tribunais de xustiza. Despois da vitoria de Marengo (1800) sobre os austríacos afianzou o seu poder e buscou restablecer a paz en Europa polo que tentou que o Rin fose recoñecido como fronteira oriental de Francia. Puxo fin aos enfrontamentos coa Igrexa católica coa firma dun concordato co Papa Pío VII (1801) e no interior reorganizou a administración, simplificou o sistema xudicial e someteu a todas as escolas a un control centralizado. A Constitución do ano X, ditada por Bonaparte en 1802, otorgoulle carácter vitalicio ao consulado e proclamouse emperador en 1804. Tipificou a lexislación civil francesa no Código de Napoleón, composto polo Código Civil (1804), o Código de Procedemento Civil (1806), o Código de Procedemento Criminal (1808) e o Código Penal (1810), onde se garantían os dereitos e libertades do período revolucionario, incluída a igualdade ante a lei e a liberdade de culto. Deste xeito definiuse un tipo de sociedade na que primaba a orde e a estabilidade nas relacións interpersoais, ademais da centralización e o poder do Estado. Napoleón I desenvolveu un imperio autoritario e emprendeu unha política de agresión bélica apoiada nun grande exército que o levou ao dominio de Europa. Anexionou diversos países e Francia chegou a ter 162 departamentos, pero como reacción ao imperialismo francés espertou un sentimento nacional en diversos estados europeos. A destrución da Grande Armée en Rusia (1812) e a súa derrota e expulsión de Alemaña e España (1813), remataron coa abdicación de Napoleón na primavera de 1814. En maio dese ano produciuse a restauración dos Borbóns no trono de Francia, na persoa de Luís XVIII, irmán pequeno do executado Luís XVI, que estableceu un réxime constitucional limitado, pero a súa política espertou o resentimento popular. Aproveitándose da situación, Napoleón fuxiu do seu exilio en marzo de 1815 ata a súa derrota definitiva en Waterloo.
Monarquía e República (1815-1870)
A segunda restauración veu acompañada dunha campaña de represión contra os bonapartistas e os republicanos, coñecido como Terror Branco, mentres que os monárquicos moderados se fixeron co poder no Parlamento. Trala fin da ocupación estranxeira, despois do Congreso de Aquisgrán (1818), Francia ingresou na Santa Alianza ao tempo que se produciu unha reactivación da economía. Despois do asasinato do herdeiro ao trono, o duque de Berry, en 1820, os ultrarrealistas volveron ao poder e apoiaron a coroación de Carlos X como rei (1824), que favoreceu a industria e o comercio. O establecemento dunha maioría parlamentaria liberal (1827) provocou un enfrontamento co monarca que disolveu as cámaras. Os liberais confirmaron a súa maioría nas novas eleccións, pero o rei rexeitou os resultados e emprendeu diversas medidas para limitar o número de votantes e restrinxir a liberdade de prensa. Como reacción desatouse un movemento revolucionario entre o 27 e o 29 de xullo de 1830, que provocou a abdicación de Carlos X e o acceso ao trono doutro Borbón, Luís Filipe, duque de Orléans. O seu reinado, que estivo dominado pola gran burguesía, caracterizouse polo incremento da produción industrial, apoiada na expansión do ferrocarril e no traslado da poboación rural cara aos núcleos urbanos. A promulgación da lei escolar (1833) impuxo a escolarización masiva en francés, que substituíu os diversos dialectos locais. A rixidez do sistema político, co sufraxio restrinxido e a crise económica que se estendeu dende 1846, provocou a revolución de 1848 e a abdicación de Luís Filipe (24.2.1848). Os enfrontamentos entre republicanos moderados e radicais polo poder prolongáronse entre febreiro e xuño, pero os moderados acadaron a maioría na Asemblea Constituínte. En novembro de 1848 promulgouse unha nova Constitución, que estableceu un rexime presidencialista dotado dun Parlamento unicameral elixido por sufraxio universal masculino. Luís Napoleón Bonaparte foi elixido presidente, co apoio dos moderados, e deu un golpe de estado en decembro de 1851. Restaurou o imperio (1852), asumiu o título de Napoleón III e o seu goberno apoiouse no exército, na Igrexa e na burguesía. Mellorou as infraestruturas das cidades e portos, apoiou o desenvolvemento industrial baseado no carbón e o establecemento dunha rede bancaria. Pero o fracaso na campaña en México (1862-1866) e a derrota contra Prusia, provocaron a caída do réxime (1870) e a proclamación da Terceira República Francesa.
Da Terceira República Francesa ata a Primeira Guerra Mundial
A república dirixida por Gambetta capitulou fronte á invasión prusiana e perdeu Alsacia e Lorena. O goberno monárquico dirixido por Thiers (1871) enfrontouse coa rebelión dos republicanos radicais de París, que constituíron a Comuna de París e mantiveron o control da capital ata finais de maio de 1871. As tropas do goberno fixéronse co poder despois dunha dura represión das forzas progresistas francesas. Os intentos de restaurar a monarquía derivaron en disputas entre os pretendentes borbónicos e orleanistas, que permitiron a aprobación dunha Constitución republicana (1875). Trala súa derrota fronte a Prusia, Francia sufriu un illamento internacional e orientou as súas expectativas cara ao establecemento dun imperio colonial en Asia e África. Os gobernos desta etapa enfrontáronse con dúas graves crises que ameazaron a súa existencia: o boulangismo (1886-1889), que integrou descontentos monárquicos, bonapartistas e ultranacionalistas, aglutinados ao redor do xeneral G. Boulanger e ameazou os fundamentos parlamentarios do réxime e o caso Dreyfus (1894-1899), que descubriu a extensión do antisemitismo en Francia e provocou fondas divisións entre os grupos políticos. As tensións sociais e políticas marcaron este período, con enfrontamentos entre clericais e anticlericais que remataron coa separación entre a Igrexa e o Estado (1905), loitas obreiras, escándalos políticos e financeiros, e atentados terroristas. Ao mesmo tempo, producíronse importantes logros coa promulgación das normas que instituíron a escola primaria obrigatoria e gratuíta (1882 e 1885), a liberdade de prensa (1881), a liberdade sindical (1884), a regulamentación do traballo de mulleres e nenos (1892) e a liberdade de asociación (1901). A pesar das crises conxunturais, Francia proseguiu a modernización económica e foi unha das principais artífices das innovaciones científicas e técnicas da Segunda Revolución Industrial. As tensións internacionais en Europa, motivadas polas rivalidades políticas, comerciais e coloniais entre as potencias, intensificáronse a comezos do s XX polo crecente nacionalismo. Francia integrou a Triple Entente con Rusia (1893) e o Reino Unido (1904). Fronte a este bloque constituíse a Triple Alianza dos imperios centrais formada con Alemaña, Austria-Hungría e Italia. O asasinato do príncipe herdeiro de Austria-Hungría o 28 de xuño de 1914 en Sarajevo, sometido á administración austríaca, provocou o comezo da Primeira Guerra Mundial. Nesta contenda Francia foi atacada polos exércitos alemáns en agosto de 1914, despois de atravesar Bélxica. Avanzaron ata preto de París antes de retroceder na Batalla do Marne e, a partir dese momento, os exércitos atrincheiráronse nunha liña defensiva entre o Canal da Mancha e a fronteira suíza. Tralo fracaso da ofensiva francesa na primavera de 1917, algunhas unidades rexeitaron entrar en combate, pero o xeneral H. P. Pétain restaurou a disciplina das tropas. Mentres o goberno dirixido por G. Clemenceau uniu a todas as forzas políticas para a defensa nacional e someteu as disidencias na opinión pública. Trala vitoria, co apoio dos EE UU e o Reino Unido, conseguiu a recuperación de Alsacia e Lorena pola Paz de Versailles.
O período de entreguerras e o goberno do Front Populaire
As consecuencias do conflito foron traumáticas, o N e o L do territorio francés quedaron devastados, o esforzo bélico esgotou a facenda pública e provocou a morte dun millón e medio de homes. Na década de 1920 a política estivo dominada por unha coalición de dereitas, agás o período entre 1924 e 1926 no que gobernou unha alianza de socialistas e radicais. O Parti Communiste Française (PCF) constituíuse en decembro de 1920 e provocou unha división na esquerda socialista. A crise económica dos anos trinta, as dificultades financeiras e sociais e o deterioro da situación internacional coa chegada ao poder dos fascistas en Italia e do nazismo en Alemaña, agravaron as divisións no país e favoreceron a aparición de diversos movementos antiparlamentarios, conservadores, nacionalistas e de extrema dereita. As manifestacións violentas destas organizacións incrementáronse e provocaron como reacción unha alianza antifascista e de esquerdas na que se reuniron socialistas, comunistas e radicais: Front Populaire. O bloque de esquerdas triunfou nas eleccións de 1936 e o goberno do Front Populaire, encabezado por Léon Blum, realizou importantes reformas sociais: estableceu a semana de traballo de corenta horas, os convenios colectivos e as vacacións pagadas e acometeu as primeras nacionalizacións. Para evitar a hostilidade de Alemaña realizáronse diversas concesións a Hitler en Múnic (1938); pero durante o goberno de Édouard Daladier entrou na Segunda Guerra Mundial xunto cos británicos (3.9.1939). Derrotada polos alemáns en maio de 1940, Francia dividiuse polo armisticio de xuño nunha zona ocupada e outra libre. A Terceira República derrubouse o 10 de xullo de 1940 e o Parlamento entregou os poderes ao mariscal H. P. Pétain, que instalou en Vichy un goberno autoritario, corporativista e colaboracionista cos alemáns, que perseguiu os opositores ao nazismo e entregou os xudíos para que fosen deportados. Mentres, dende Londres o xeneral Charles De Gaulle creou unha resistencia exterior, integrada polas Forces Françaises Libres (FFL) e por un Comité Français de Libération Nationale e constituíuse en Francia, a Resistencia interior, unha rede que contribuíu á vitoria dos aliados polo seu labor de información. Na primavera de 1943 organizouse no N de África liberado o Conseil National de la Résistance (CNR), que agrupou as organizacións de resistentes e permitiu a posterior formación do Gouvernement Provisoire de la République Française, xurdido do CNR e presidido por De Gaulle.
A reconstrución e a Francia de De Gaulle.
En 1945 o goberno provisional do xeneral De Gaulle adoptou un conxunto de medidas urxentes: nacionalización de sectores clave da economía (enerxía, transporte aéreo, bancos de depósitos e seguros) e de grandes empresas (Renault), e implantación da planificación económica. As forzas políticas que xurdiron da Resistencia (comunistas, demócratas-cristiáns e socialistas) apoiaron o goberno pero enfrontáronse ás medidas económicas. O 27 de outubro de 1946 promulgouse a Constitución da Cuarta República que instituíu unha Asemblea Nacional e reforzou os seus poderes fronte ao presidente. De Gaulle retirouse do goberno en xaneiro de 1946, e fundou un novo partido político, o Rassemblement du Peuple Français (RPF) no 1947. O goberno reafirmou o seu atlantismo e incorporouse á Organización Europea de Cooperación Económica (OECE) e adheriuse á OTAN en abril de 1949. Despois da división de Alemaña, Francia achegouse á RFA e no 1951 participou na creación da Comunidad Europea do Carbón e do Aceiro (CECA). O proceso de descolonización provocou unha crise que comezou coa loita pola independencia de Indochina (1948-1954) e prolongouse nos enfrontamentos pola descolonización de Alxeria, (1954-1962). Os disturbios protagonizados polos residentes franceses en Alxer o 13 de maio de 1958, provocaron a caída da Cuarta República e a súa substitución polo xeneral De Gaulle. Investido polos deputados e os senadores, promoveu a elaboración da Constitución da Quinta República, aprobada o 28 de setembro de 1958, que lle outorgou un papel eminente ao presidente da República. De Gaulle enfrontouse aos disturbios en Alxeria e Francia e, polos Acordos de Évian, concedeulle a independencia a Alxeria (1962). A prosperidade económica e o saneamento monetario, simbolizado pola creación do novo franco en 1960, permitiron que De Gaulle emprendese unha política exterior activa, na que afirmou a independencia e o papel no mundo de Francia.
A ruptura de 1968 e a sucesión de De Gaulle
A rebeldía estudantil da primavera de 1968 estendeuse entre os traballadores e propagouse polas provincias, revelando a toma de conciencia das minorías nacionais, que socavaron o réxime de De Gaulle. Trala súa dimisión en abril de 1969 sucedeuno á fronte do goberno G. Pompidou, que continuou os eixes da política gaullista. O primeiro ministro Jacques Chaban-Delmas adoptou importantes medidas sociais para a formación profesional e a protección dos desfavorecidos e dos anciáns. Francia retirou o seu veto ao ingreso do Reino Unido na CEE, que se estendeu a Irlanda e Dinamarca. En 1974 gañou as eleccións o conservador V. Giscard d’Estaing, que impulsou unha política reformista condicionada polo apoio parlamentario da neogaullista Union des Démocrates pour la République (UDR). En 1976 o seu líder J. Chirac dimitiu como primeiro ministro e sucedeuno R. Barre. Giscard impulsou a formación dun novo partido, a Union pour Démocratie Française (UDF), que reforzou a posición do presidente no Parlamento nas eleccións lexislativas de 1978. En política exterior achegouse aos EE UU, pero non volveu á estrutura militar da OTAN. Mentres, as demandas de autonomía de Córsega, Bretaña e Euskadi se intensificaron e ás veces reflectíronse en actos de violencia.
Os gobernos de François Mitterrand
Os problemas económicos, a violencia e o desprestixio de Giscard levaron ao poder ao líder do Parti Socialiste (PS), François Mitterrand (1981). Convocou eleccións lexislativas anticipadas que lle deron a maioría ao PS e formouse un goberno liderado por P. Mauroy e integrado por comunistas, radicais de esquerda e gaullistas disidentes. O seu programa de reformas incluíu a nacionalización da banca e de diversas industrias, un incremento nas prestacións sociais e iniciaron a transferencia do poder dos prefectos aos consellos xerais e rexionais. Non obstante , o déficit comercial agravouse e incrementouse a débeda, mentres a inflacción persistiu e se depreciou o franco. As tensión económicas obrigaron a adoptar unha política de control do déficit público e redución da inflacción. Os malos resultados nas eleccións municipais (1983) e nas do Parlamento Europeo (1984), xunto ás disensións entre comunistas e socialistas polas medidas económicas e a oposición dos conservadores á reforma do sistema educativo levaron á dimisión a P. Mauroy (1984), que foi substituído por Laurent Fabius. A súa intención de continuar a dura política económica fixo que os comunistas rexeitasen participar no novo goberno. En marzo de 1986 a coalición de dereita, composta principalmente pola RPR do neogaullista Jacques Chirac e a UDF de V. Giscard d’Estaing venceu nos comicios lexislativos, e J. Chirac líder de RPR converteuse en primeiro ministro. O goberno de J. Chirac proseguiu a política de liberalización da economía e as finanzas dos últimos anos do goberno socialista, pero conservou a maioría das conquistas sociais. A política restritiva do ministro do Interior, Charles Pasqua, endureceu a lexislación sobre os extranxeiros residentes en Francia, ao tempo que impulsou a colaboración co goberno español para deportar os membros de ETA refuxiados en Francia. As dificultades de goberno pola cohabitación entre o xefe de estado e o de goberno de ideoloxías diferentes, levou á dimisión de Chirac trala confirmación de Mitterrand nas eleccións presidenciais (1988). Michael Rocard foi designado primeiro ministro do novo goberno socialista, que mantivo a política económica da dereita. No 1991, o xefe de goberno Rocard foi substituído por Edith Cresson. Despois de menos dun ano Mitterrand nomeou presidente a Pierre Bérégovoy (1992), ex-ministro de Economía. As acusacións de corrupción a membros do Partido Socialista minguaron a popularidade de Mitterrand, que tentou recuperala e someteu a referendo a ratificación do Tratado de Maastricht, no que gañou o voto afirmativo por unha estreita marxe (1992). En marzo de 1993 Mitterrand convocou novas eleccións lexislativas nas que a coalición de centrodereita formada polo RPR e UDF conseguiu a vitoria, mentres que o PS sufría unha dura derrota. Mitterrand nomeou primeiro ministro o centrista Edouard Balladur, nunha nova etapa de cohabitación. Balladur seguiu unha política liberal, baseada na redución de impostos e de gasto público e na privatización de numerosas empresas. Os gobernos destes anos enfrontáronse aos problemas das minorías baixo a administración francesa. En Córsega aprobouse un novo estatuto especial en abril de 1992, mentres que en Nova Caledonia chegaron a un acordo cos independentistas canacos e adoptaron un estatuto provisional ata a celebración dun referendo sobre a autodeterminación en 1998. O incremento da xenofobia e do racismo reflectiuse no incremento dos partidos de ultradereita como o Front National (FN) de Jean-Marie Le Pen. A gran folga de funcionarios en decembro de 1995 paralizou o país durante tres semanas.
A cohabitación de Chirac-Jospin e o triunfo da dereita
Nas eleccións lexislativas de 1996 venceron os partidos de centro dereita e J. Chirac presidiu o novo goberno, que reformou os lazos coa OTAN e iniciou unha colaboración máis estreita co goberno español contra ETA. A política de austeridade do goberno de Alain Juppé e as leis que restrinxían o ingreso e a permanencia de inmigrantes no país, provocou enfrontamentos cos sindicatos e a sociedade en xeral. Trala disolución da Asemblea decidida polo presidente J. Chirac en abril de 1997, nas eleccións lexislativas os partidos de esquerdas acadaron a maioría e o presidente designou como primeiro ministro a Lionel Jospin, dirixente do PS. A nova cohabitación comezou en xuño de 1997 e definiuse polo incremento da economía francesa, o descenso do desemprego e un incremento no gasto público. O primeiro ministro Jospin impulsou ademais os cambios sociais, como o Pacto de Solidariedade Civil e a lei para igualar a representación das mulleres na política. A derrota de Jospin nas lexislativas e a abrumadora vitoria de J.Chirac nas presidenciais de xuño de 2002, permitíronlle enfrontarse ao seu segundo mandato presidencial en maioría. Despois do seu xuramento (16.5.2002), nomeou primeiro ministro a Jean-Pierre Raffarin. Dende xuño de 2002 J. P. Raffarin dirixe un goberno no que se integran representantes neogaullistas, liberais e centristas, xunto con membros da sociedade civil.