Francisco I de Francia

Francisco I de Francia

Rei de Francia (1515-1547), duque de Milán (Francisco II; 1512-1521 e 1524-1525) e conde de Angulema (1496-1547), fillo de Carlos de Orleans e de Luísa de Savoia. Herdou a coroa do seu curmán Luís XII e casou con Claudia, filla deste e de Ana de Bretaña, de xeito que integrou definitivamente o ducado de Bretaña na coroa francesa. Iniciou o seu reinado enfrontándose a Carlos I en Italia, onde obtivo o ducado de Milán. Trala morte do Emperador Maximiliano I (1519), presentou a súa candidatura á xefatura do Sacro Imperio Romano Xermánico, pero os príncipes alemáns escolleron a Carlos V, que se converteu no seu principal rival. En 1525, o emperador apresouno en Pavia e asinou un tratado polo que renunciaba a Nápoles, Milán e Xénova e cedía Borgoña. Posteriormente, continuou o enfrotamento aínda que polo Tratado de Cambrai (1529) renunciou ás súas pretensións en Italia a cambio da soberanía de Borgoña. Retomou as hostilidades ata que pola Paz de Crépy (1544) renunciou definitivamente a Nápoles e Sicilia e á soberanía de Flandes e Artois. En política interna, o seu reinado caracterizouse polas importantes reformas que acometeu, entre outras, a reorganización do erario público, a poxa de cargos xudiciais e a emisión de bonos do estado; e polo mecenado das artes e as letras, que o levou a contratar a Leonardo da Vinci, a crear unha Biblioteca Real e a fundación dunha cátedra de grego, latín e hebreo que foi a orixe da posterior Université de France.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Cognac

  • Deceso

    Lugar : Rambouillet