Franco Bahamonde, Ramón
Militar, irmán de Francisco Franco Bahamonde. Ingresou na Academia de Infantería (1911), no corpo de Regulares e no Servicio de Aeronáutica Militar, participando como piloto na Guerra de Marrocos. Realizou un voo transoceánico que lle supuxo a condecoración persoal do Rei Afonso XIII. O 22 de xaneiro de 1926, xunto con Ruiz de Alda, saíu de Palos de Moguer co hidroavión Plus Ultra e aterrou en Bos Aires o 10 de febreiro, tras un voo de máis de dez mil kilómetros sen escalas. Durante a Ditadura de Primo de Rivera participou en diversos intentos para acabar co réxime e instaurar a República, polo que o detiveron en numerosas ocasións. Coa instauración do goberno do xeneral Berenguer, participou na creación da Asociación Militar Republicana e foi un dos integrantes do Comité Militar Revolucionario que pretendía provocar unha sublevación militar contra a monarquía. Detivérono novamente e trasladárono a un penal militar do que se evadiu pouco máis tarde. Tras un breve exilio en París, regresou a España coa proclamación da Segunda República. Alcalá Zamora nomeouno director xeral de Aviación, aínda que foi rapidamente cesado pola súa implicación nun suposto complot anarquista, desbaratado pola mediación do xeneral Sanjurjo. Nas eleccións xerais de xuño de 1931 obtivo acta de deputado por Barcelona. Entre 1934 e 1936 foi agregado aéreo na embaixada española en Washington. Regresou a España ao producirse a sublevación militar, poñéndose ás ordes do seu irmán, quen lle encomendou a xefatura da base aérea de Mallorca. En outubro de 1938, o seu avión precipitouse sobre o Mediterráneo, nos arredores de Mallorca, perdendo a vida no accidente.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : Mar Mediterráneo