Franco Condado
Rexión do L de Francia, antigamente provincia, dividida dende 1790 nos departamentos de Doubs, Jura e Haute-Saône (16.202 km2; 1.117.059 h [1999]). Forma unha circunscrición de acción rexional que inclúe, ademais dos departamentos mencionados, o Territoire de Belfort. A capital é Besançon. Comprende a parte central da cadea montañosa do Jura e divídese, en conxunto, en tres partes principais: a montaña, que se estende pola maior parte dos departamentos do Jura e Doubs ata os altiplanos calcarios do NL que limitan co Lomont e que dominan a Porte de Bourgone e o río Doubs; unha comarca de cerros integrada pola montaña mediana, no Doubs, e por Vignole, no Jura; e a chaira, que se estende por unha gran parte da Haute-Saône. A agricultura é de cereais e de forraxe, e a policultura dáse nos cerros da Bresse. A gandería de bovinos dá lugar á elaboración do queixo gruyère. A industria mostra unha certa especialización segundo as rexións: metalurxia en Montbéliard; automóbiles en Sochaux; industria óptica, reloxos e traballo da madeira na rexión de Morez e de Saint-Claude (Jura); téxtil en Luxeuil-les-Bains e en Lure; e fabricación de ferramentas na rexión próxima á Porte de Bourgone. Poboada na Antigüidade polos secuanos, foi denominada polos romanos Maxima Sequanorum. Integrada no reino dos burgundios, pasou aos carolinxios e foi anexionada posteriormente a Lotarinxia (843). Trala caída do Imperio Carolinxio a rexión transformouse nun condado independente. Pasou por herdanza ao Emperador Federico I Barbarrubia (1156), que o cedeu ao seu fillo Otón I (1169), e despois aos condes de Andechs-Meran (1208) e de Chalon (1248). Converteuse en feudo do Imperio (1304) e uniuse á coroa francesa por un enlace matrimonial (1315). Legado a Margarida III de Flandres (1361), tralo casamento desta co duque Filipe II de Borgoña (1369), reconstituíuse a unidade entre Borgoña e o Franco Condado. Trala morte de Carlos I o Temerario (1477), o condado pasou aos Habsburgo. En 1548 pasou a formar parte do patrimonio dos Austrias hispánicos e gozou dunha considerable autonomía. Sufriu as invasións francesas durante a Guerra dos Trinta Anos e á morte de Filipe IV (1665), Luís XIV reclamou a súa posesión, que foi confirmada definitivamente na Paz de Nimega (1678).