Franco González, Xesús

Franco González, Xesús

Oficial da Mariña Mercante e experto en redes comerciais. Colaborou en El Pueblo Gallego e Faro de Vigo, onde levou, baixo a dirección de Francisco Fernández del Riego, as súas páxinas culturais. Durante quince anos fixo programas radiofónicos e foi membro do grupo do Círculo Ourensán-Vigués, creador dos Premios da Crítica Galicia. Foi o piloto do Breogán, o barco de coiro, reprodución das naves galegas prerromanas, co que tentou demostrar a teoría do catedrático Fernando Alonso Romero sobre as relacións atlánticas celtas. Foi xerente de Edicións Xerais de Galicia e Publicações Dom Quixote en Portugal. Autor de numerosos artigos, fundamentalmente sobre o mar, publicou os primeiros álbum-cómics en galego con debuxos de Pedro Bofill, volume titulado As aventuras dun neno galego (1985) que incluía Os homes do fin do mundo, Os fillos de Breogán e A grande viaxe polo río. Así mesmo, publicou Blues para un asasino “First we take Manhattan” (1994), baixo o pseudónimo Joaquim Fariña; Contramar (Premio Martín Códax de Poesía 1995); Matalote (2000) e participou no volume colectivo A memoria de Vigo (1994).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo