Frankfurt
Cidade do länd de Hessen, Alemaña (643.821 h [2000]). Está situada a un lado e outro do Main, ao límite setentrional da alta chaira renana. Desenvolveuse xa na Idade Media pola súa favorable posición na confluencia das vías de comunicación de Hessen con Franconia e o NO de Alemaña. Destruída en gran parte polos bombardeos da Segunda Guerra Mundial, a reconstrución converteuna nunha cidade de aspecto moderno. Gran centro comercial e núcleo industrial, é tamén un centro financeiro e intelectual. É famosa a Feira Internacional do Libro, de periodicidade anual. Dentro da industria predomina a transformadora: química, téxtil, de calzado, de maquinaria para a industria tipográfica, de papel, contrucións mecánicas, etc. Ten ademais refinería de petróleo. Aínda que os primeiros asentamentos datan do Neolítico, a cidade naceu no s I ao redor dun campamento romano e foi engrandecida polos carolinxios que a converteron na capital da Franconia oriental. No s IX o seu carácter de feira europea deulle un importante pulo e en 1356 pola Bula de Ouro converteuse na sede das eleccións imperiais e en 1372, en cidade imperial libre. En 1530 converteuse ao protestantismo. Capital do Gran Ducado de Frankfurt (1810-1813) e sede da dieta da Confederación Xermánica (1815-1866), foi anexionada a Prusia en 1866. En 1871 foi a sede da sinatura do Tratado de Frankfurt. Foi elixida como Sede do Banco Central Europeo. Do seu patrimonio cultural destacan as casas do Ostzeile; os palacios do Römer (s XV), o Kaisersaal (s XV) e a casa Wertheim (s XVI); as igrexas de Leonhardskirche, a Kaiserdom (ss XIII-XV), a Paulskirche (1789-1833); a Hauptwache (1730) e a casa museo de Goethe.