Franquismo

Franquismo
[HIST/POLÍT]

Réxime político ditatorial implantado en España entre 1939 e 1975 como resultado da Guerra Civil e no que o xeneral Franco detentou o poder hexemónico. Inicialmente foi un sistema de poder de oligarquía agraria, financeira e industrial, emparentado co fascismo e coas raíces do tradicionalismo católico e conservador. Ideoloxicamente, non chegou a presentar unha forma clara e coherente, aínda que existía unha monopolización do poder político na persoa de Franco, quen unha vez rematada a guerra, lonxe de cesar a acumulación de cargos e funcións, reasegurou na súa persoa os resortes do mando. Non implantou un programa persoal concreto de goberno, xa que detrás del existían diversas “familias” (falanxistas, católicos, carlistas, monárquicos, clientelas persoais) ou grupos de poder entre os que había notorias discrepancias, e entre os que procurou manter un certo control e equilibrio. Os primeiros anos tentou crear un consenso en torno aos elementos ideolóxicos do fascismo, e posteriormente arredor dos sentimentos nacionalistas feridos polo bloqueo internacional. Dotou ao Estado dunha administración baseada na existencia dunha ideoloxía oficial, dun partido único e dun líder que concentraba todos os poderes. Os estatutos da Falange publicados por decreto o 31 de xullo de 1939, concentraron o poder na persoa de Franco: Jefe Nacional que responde só ante Deus e ante a Historia. O franquismo defendeu a trama ideolóxica dos denominados principios do Movimiento: unidade e integridade da patria, confesionalidade do Estado, monarquía tradicional como forma de goberno e o corporativismo, que definía a representatividade a través da familia, o municipio e o sindicalismo vertical. A institucionalización do novo Estado tivo lugar a través das sete leis fundamentais, que van desde a promulgación do Fuero del Trabajo (marzo de 1938) ata a Ley Orgánica del Estado (xaneiro de 1967), ás que habería que sumar a Ley Constitutiva de las Cortes Españolas (xullo de 1942), o Fuero de los Españoles (xullo de 1945), a Ley de Referendum Nacional (outubro de 1945), Ley de Sucesión a la Jefatura del Estado (xullo de 1947) e a Ley de Principios Fundamentales del Movimiento Nacional (maio de 1958). Co obxecto de unificar o Estado, mantivo o control dos medios de comunicación, exerceu unha forte intervención na produción e forzou a desaparición de elementos disidentes. A normativa de prensa de 1938 permitía non só a censura previa senón o nomeamento polo goberno dos directores dos diarios. O 13 de febreiro de 1939 promulgouse a Ley de Responsabilidades Políticas, aplicable a todos aqueles acusados de terse oposto ao Movimiento ou participado en accións subversivas desde a revolución de Asturias de 1934; era o principio de todo un corpo normativo que afectou a todos os sectores profesionais do país. Unha lei do 15 de febreiro promoveu a depuración dos funcionarios públicos; outra do 24 de maio puxo os medios de comunicación ao servizo da ditadura; o 1 de maio de 1940 publicouse a Ley para la Represión del Comunismo y la Masonería. A Ley de Seguridad del Estado (marzo de 1941) compilaba as leis represivas anteriores. A Ley de Bases de la Organización Sindical de 1940 concibía España coma un gran sindicato de produtores, organizados dentro do sistema do sindicalismo vertical. No campo mantívose o réxime de propiedade mentres os braceiros e pequenos propietarios quedaban supeditados aos equivalentes dos sindicatos obreiros verticais, as Hermandades de Labradores y Ganaderos. Dotou o exército, base da existencia do réxime, de facultades que cubrían unha ampla gama de delitos políticos. Os vicepresidentes de todos os ministerios franquistas foron militares e moi a miúdo tamén os altos cargos do ministerio de Gobernación. Coa axuda deste aparato institucional, e sobre todo coa ameaza da utilización do aparato coactivo, o franquismo conseguiu da poboación unha obediencia pasiva. O inicio dunha etapa de crecemento económico e a existencia de tensións laborais e universitarias provocaron que nos anos cincuenta se iniciase unha etapa de adecuación do aparato estatal para adaptarse ás novas circunstancias e prepararse constitucionalmente para o día en que desaparecese o ditador. Entrou entón na escena política unha elite de tecnócratas empeñados no desenvolvemento económico e na integración da economía no mercado internacional. No interior, considerouse eliminado o movemento guerrilleiro e no ámbito exterior superouse a hostilidade cara ao réxime e conseguíronse importantes acordos. A Guerra Fría modificou o panorama internacional e trouxo consigo a aceptación do réxime franquista. Este recoñecemento plasmouse na sinatura do Concordato coa Santa Sede (1953) e de pactos económicos e militares cos EE UU (Convenio de Amistad e Cooperación). En 1955 España ingresou na ONU e anteriormente xa o fixera na Organización Mundial da Saúde (OMS), na UNESCO e na Organización Internacional do Traballo (OIT). A economía pasou por unha primeira etapa autárquica (1939-1951) na que España viviu unha auténtica depresión na que confluían o illamento internacional e a posguerra. A década dos cincuenta actuou como bisagra debido á mellora das relacións internacionais e á chegada de ingresos provenientes da abundante poboación emigrante. Na década dos sesenta o réxime, aínda que mantivo os seus ingredientes totalitarios, estableceu baixo a súa dirección unha política económica de liberalismo planificado. A partir de 1962, os plans de desenvolvemento e a liberalización dos investimentos estranxeiros, contribuíron á maior integración de España en Europa. Os cambios lexislativos foron modestos; a Ley Orgánica del Estado (1967) deu lugar á denominada “monarquía limitada”, a Ley de Prensa (1966) permitiu a aparición de publicacións non afectas ao réxime e a lexislación laboral de 1965 flexibilizou o funcionamento interno dos sindicatos e modificou o carácter delituoso da folga. En xullo de 1969, Xoán Carlos de Borbón foi designado sucesor como futuro rei e, en xuño de 1973, Luis Carrero Blanco foi nomeado presidente do goberno, desvinculado dos cargos de estado e de goberno. A confluencia de diversos factores (morte en atentado de Carrero, crise económica, oposición política crecente e envellecemento de Franco) levaron a unha radicalización do réxime nos seus últimos anos. Coa morte do ditador (novembro de 1975) desapareceu o franquismo a medida que a nova monarquía se dotaba de institucións democráticas propias. A oposición política estivo representada pola guerrilla, organizada a partir dos anos corenta, e polas organizacións no exilio, reunidas no Congreso de 1962, coñecido pola prensa franquista como “contubernio de Múnic”; nos anos sesenta súmanse as organizacións obreiras, estudiantís e a independentista ETA. O proceso de consolidación do franquismo en Galicia iniciouse acto seguido ao alzamento militar, pasándose en poucos días da votación do estatuto de Autonomía a un panorama dominado polos militares rebeldes e polos falanxistas, encargados de eliminar o labor social e galeguista levado a cabo pola República e ás persoas que a fixeron posible. Á Falange e á CEDA fóronse sumando amplos sectores da Igrexa, da burocracia, da burguesía e do campesiñado. O franquismo combinou a represión cos intentos de atracción das masas a través da creación de institucións corporativas, como os sindicatos verticais. O Partido Galeguista pasou á clandestinidade e ao exilio; a única organización antifranquista con certa presenza social en Galicia era a do PCE, como dinamizador da guerrilla e como única organización que podía levar a cabo unha relativa actividade de axitación e propaganda.

Palabras veciñas

Fránquila | Fránquila, san | Franquin, André | Franquismo | franquista | franxa | franxado -da