Fregenal de la Sierra
Municipio da provincia de Badajoz, Extremadura, drenado polo río Ardila, afluente do Guadiana (5.416 h [1996]). É un centro agrícola e gandeiro. Tamén hai minería (ferro) e unha certa actividade industrial. Afonso X o Sabio cedeuna ao territorio de Sevilla e en 1283 outorgou o seu castelo á orde do Temple. No s XVI as numerosas industrias de olería, do ferro e do coiro convertérona nun importante centro comercial. Recibiu de Amadeo I de Savoia o título honorífico de cidade (1873). Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, o xacemento prerromano de Nertóbriga; a ermida visigoda de San Miguel; o castelo, que alberga no seu interior o mercado e a praza de touros; as igrexas de Santa María de la Plaza (ss XIII-XV), da Señora de Santa Ana (s XVI) e de Santa Catalina Mártir (s XV); e os conventos da Paz (1602-1606), de San Francisco (1563-1620) e de Santa Clara (s XVII). O conxunto da vila foi declarado Ben de Interese Cultural en 1992.