Freinet, Célestin

Freinet, Célestin

Pedagogo francés. Entrou en contacto co movemento da escola nova e cos seus promotores. En 1927 creou a Coopérative de l’Enseignement Laïc (CEL) e, en 1948, o Institut Coopératif de l’École Moderne onde puxo en práctica o seu ideal educativo. A través da revista L’Éducateur Prolétarien fóronse estendendo as súas ideas pedagóxicas e as súas técnicas didácticas ao servizo dunha escola popular (ou escola moderna, segundo a súa denominación). De tendencias laicistas e socializantes, defendía unha escola en que o traballo cooperativo autoxestionado e experimental fose a base de todas as adquisicións dos nenos. Técnicas ou actividades que introduciu na escola foron, entre outras, o texto libre, o periódico escolar, a correspondencia interescolar, os plans de traballo semanal, a asemblea de clase ou o uso da imprenta escolar, e o diálogo entre as individualidades e o grupo de referencia. Dende antes da Segunda República e a partir das terras de Lleida estendeuse o número de ensinantes seguidores e reelaboradores da pedagoxía Freinet. Durante o franquismo, estivo prohibida a práctica escolar baixo esta orientación, aínda que a finais dos anos sesenta do s XX volveu reiniciarse a asociación de profesores que seguían esta orientación. Cómpre destacar as súas obras L’éducation du travail (1947), Essai de psychologie sensible apliquée à l’éducation nouvelle populaire (1948), Les techniques audio-visuelles (1964) e Bandes enseignantes et programmation (1965).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Gars, Provenza

  • Deceso

    Lugar : Vence, Provenza