Freire Castrillón, Manuel

Freire Castrillón, Manuel

Xornalista e escritor. Estudiou teoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. En 1793 foi nomeado secretario perpetuo da Sociedad Económica de Amigos del País. Foi procurador persoeiro (1788 e 1796), deputado do Común (1793 e 1798) e síndico procurador xeral (1814) do concello santiagués, ademais de deputado nas primeiras Cortes de Cádiz por Mondoñedo e secretario do Tribunal da Inquisición de Galicia en 1819. Colaborou en diversos periódicos da Coruña e Santiago e foi o fundador e principal redactor do quincenario Estafeta de Santiago (1813-1814), de carácter realista, onde empregou os pseudónimos de El estafetero e Agustín Verísimo Vilabella y Reytengo. Publicou os folletos: Causas de nuestros males (1810), Derechos del hombre (1811) e varios discursos en defensa da relixión católica, da Inquisición e dos xesuítas. Escribiu El dicionario razonado y manual, impreso en Cádiz, obra que foi cualificada de subversiva pola censura e duramente criticada polo bibliotecario das Cortes, Bartolomé Gallardo. Escribiu tamén poesía. Por inxuriar a memoria de Carlos III foi xulgado polo Tribunal Superior de Galicia, que o encarcerou no convento coruñés de San Domingos, de onde se fugou en 1820. Morreu no exilio.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela