Frente Popular
Coalición política formada por diversos partidos de esquerda, republicanos e asociacións sindicais constituída en 1936. As súas orixes están na resistencia á supremacía política da dereita nos anos 1934-1936, que deu lugar á creación dunha alianza de forzas republicanas de esquerdas. O proceso de negociación culminou o 15 de xaneiro de 1936 cun programa común aprobado por Izquierda Republicana, Unión Republicana, Partido Federalista Republicano, PSOE, UGT, Federación Nacional de Juventudes Socialistas, PCE, Partido Sindicalista e Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), que avogaba fundamentalmente pola amnistía para os presos políticos e sindicais e por unha política de reformas progresista. Trala vitoria nas eleccións do 16 de febreiro, o goberno da FP adoptou as medidas acordadas; entre outras, a liberación de presos, o impulso da reforma agraria e do proceso autonómico, o restablecemento de políticos nos seus cargos e o traslado de mandos do exército sospeitosos de involucionismo. O Partido Galeguista (PG) aprobou, en asemblea extraordinaria do 25 de xaneiro de 1936, o ingreso do partido na FP, cos seguintes candidatos: Castelao, por Pontevedra; Alexandre Bóveda, por Ourense; X. Álvarez Gallego, por Lugo; e Ramón Suárez Picallo e A. Villar Ponte, pola Coruña. Nas eleccións de febreiro saíron elixidos Castelao e Suárez Picallo. Durante o breve período de goberno da FP, ata o estoupido da sublevación militar, foi plebiscitado e presentado nas Cortes o Estatuto de Autonomía de Galicia.