freo

freo

(

  1. s m
    1. [TECNOL]

      Dispositivo capaz de absorber a enerxía cinética dun sistema mecánico en movemento para producir unha diminución da velocidade, provocar a parada completa ou impedir a aceleración. Segundo o principio de funcionamento distínguense tres clases: de rozamento, de fluído e eléctricos. Os freos de rozamento transforman a enerxía cinética en enerxía calorífica por rozamento entre dúas superficies, unha fixa e outra móbil. Os máis simples están formados por unha ou dúas zapatas ou unha cinta que roza cos elementos móbiles (na roda, nun tambor, nun eixe, etc). O de tambor, empregado principalmente nos automóbiles, consta de dúas partes: unha, o tambor, que vai fixado á roda, e outra, solidaria ao eixe fixo, está formada por dúas pezas articuladas recubertas de forro de freo, que fan presión sobre a cara interna do tambor cando se acciona o freo. No de disco, a parte móbil, o disco, é pinzado por unhas mandíbulas recubertas dunhas pastillas de freo que exercen presión sobre ambas as dúas caras do disco. Todos os freos de rozamento poden estar accionados por sistemas mecánicos, hidráulicos, pneumáticos ou eléctricos. Nos turismos o sistema de accionamento consiste, xeralmente, nun cilindro hidráulico cun émbolo que, ao ser accionado polo pedal, despraza un pequeno volume de aceite, simultaneamente, por dous condutos independentes (dobre circuíto de seguridade) que chega aos pequenos cilindros auxiliares que accionan os freos das rodas. Para a seguridade da freada, nos automóbiles modernos existen limitadores ou moduladores de freada (sistema ABS ou antibloqueo), que evitan que se poida aplicar ás rodas unha forza de freada superior á forza de adherencia de esta sobre o substrato. Debido a que a forza muscular do pé é xeralmente insuficiente para proporcionar a enerxía de freada necesaria, o pedal de freo non actúa directamente sobre o émbolo do cilidro senón mediante un servofreo. No caso de vehículos, como os camións ou os trens, o esforzo de freada é proporcionado polo aire a presión contido nun depósito. Nos freos de fluído, un dispositivo asociado á parte móbil do sistema móvese no interior dun fluído, que actúa como medio resistente. Distínguense tres tipos: os rotativos, formados por un rotor e un estator dentro dun cárter cheo de fluído; os aerodinámicos, formados por unha hélice con pas ou unha superficie (perforada ou non) que aumenta a resistencia do aire ao movemento do sistema; e os alternativos, que empregan a resistencia dun fluído ao pasar dunha parte a outra do cilindro a través dun pequeno orificio que existe no pistón. Os freos eléctricos poden actuar pola disipación de enerxía mecánica, pola creación dunhas correntes aplicadas nunhas masas metálicas ou por recuperación desta enerxía e a súa transformación en enerxía eléctrica. Este tipo emprégase principalmente nos ferrocarrís. Nalgúns casos faise funcionar como freo a contramarcha, é dicir, facer funcionar o motor impulsor no sentido inverso ao da marcha do mecanismo.

    2. Peza metálica que se coloca na boca das cabalerías para suxeitalas e gobernalas.

  2. s m
    1. [ANAT]

      Dobramento membranoso que, a xeito de brida, limita o movemento dun órgano ou dunha parte del. Son exemplos desta estrutura o freo da lingua, que se atopa na cara ventral da lingua, ou o freo do prepucio, que une o prepucio ao glande.

    2. [ENTOM]

      Sistema de unión das alas das bolboretas que fai que a ala anterior se mova conxuntamente coa posterior.

  3. s m

    Cousa que impide ou limita o desenvolvemento de algo.

    Ex: Cómpre poñer freo á ambición materialista da sociedade.

Frases feitas

  • Botar o freo. Deixar de facer algo que se estaba facendo.

  • Sen freo. Sen moderación nin límite.