Friburgo
Capital do cantón de Friburgo, ao L de Suíza, sobre o altiplano que separa os Alpes de Friburgo do lago Morat (Murtensee) e da chaira de Vaud (31.900 h [estim 2000]). Está situada nun alto macizo rochoso rodeado por un meandro do Saane (Sarine). É o centro intelectual católico de Suíza desde o s XVI. O ensino é bilingüe (francés e alemán). Na industria destaca a elaboración da cervexa e do chocolate. Fundada en 1157 polo duque alemán Bertoldo IV de Zähringen, pasou á familia Kibourg en 1218, que a vendeu en 1277 aos Habsburgo, aos que pertenceu entre 1277 e 1447. Foi propiedade do ducado de Savoia entre 1452 e 1477 e, en 1481 integrouse na Confederación Helvética. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, as casas e as fontes góticas do barrio do Bourg; a catedral gótica de Saint-Nicolas (1283-1490); as igrexas de Notre-Dame (s XII), de Saint Jean (s XIII) e da Visitation (s XVII); as capelas de Notre Dame de Bourguillon (s XV) e de Lorette; o colexio gótico de Saint Michel, os conventos dos Cordeliers (s XIII), dos cistercienses da Maigrauge (s XIII), dos agostiños (s XIII), e dos franciscanos de Montorge (ss XVII); as pontes de Berne (s XVIII), de Saint Jean (1746) e de Zähringen (1924); e o edificio do Banque Cantonale de Fribourg, realizado polo arquitecto Mario Botta.