Frisia

Frisia

Rexión do N de Europa, comprendida entre o NL dos Países Baixos e o NO de Alemaña. É unha rexión plana, bañada polo mar do Norte, cunha serie de illas (illas Frisonas) e formada por dunas de area, polders e grandes extensións de turbeiras. Cómpre distinguir a Friesland setentrional, rexión costeira occidental da península Címbrica, incluída no land de Schleswig-Holstein; a Friesland oriental, que ocupa a chaira baixa entre o Ems e o Weser, na Baixa Saxonia, Alemaña; e a Friesland occidental, que corresponde ao territorio do NL do antigo golfo de Zuiderzee (actual lago de Ijssel), nos Países Baixos. A economía está baseada na gandería (vacas frisonas) e na agricultura. No 12 a C foi sometida ao Imperio Romano por N. C. Druso. A desaparición do Imperio Romano permitiulle o predominio no Mar do Norte e estendeuse ao S do Rin. Carlomagno ocupou o territorio (785) e impulsou a cristianización que comezara Willibrod cara ao 690 a C, pero respectou as leis frisonas que foron codificadas no 802 nas Lex Frisionum. Trala división do Imperio Carolinxio, pasou ao Imperio Xermánico; e, mentres a Frisia Occidental pasou gradualmente ao dominio dos condes de Holanda, a Frisia Central conservou a súa independencia ata que Carlos V a incorporou ao seu patrimonio (1524). Trala revolta contra Filipe II converteuse nun dos sete estados que formaron a república das Provincias Unidas (1579). Mentres, a Frisia Oriental foi condado imperial (1464) e logo incluíuse no principado de Frisia Oriental.