Friuli-Venecia-Xulia

Friuli-Venecia-Xulia

Rexión do NL de Italia, que comprende as provincias de Gorizia, Pordenone, Trieste e Udine (7.855 km2; 1.180.375 h [estim 2001]). A capital é Trieste. Limita ao N cos Alpes Cárnicos, ao NL cos Alpes Xulianos, ao L con Iugoslavia, ao S co Mar Adriático e ao O coa rexión do Veneto. O relevo presenta dous sectores ben diferenciados: o norte, montañoso, formado polos Alpes Cárnicos, Xulianos e os Prealpes, e o sur, plano e baixo, constituído por unha chaira aluvial formada, entre outros, polo río Tagliamento. O litoral é baixo e areoso, e forma abundantes lagoas; destaca o golfo de Trieste. A poboación está formada por italianos e friulanos (retorrománicos). A chaira é o sector máis aproveitado agricolamente; os produtos principais son os cereais, as patacas, as hortalizas e a viña. Na montaña os principais recursos son a gandería e a explotación forestal. A industria está en pleno desenvolvemento.