Fröbel Froebel ou Frœbel

Fröbel Froebel ou Frœbel

Pedagogo alemán. Na súa doutrina pedagóxica hai influencias do idealismo alemán, sobre todo de F. W. J. Schelling, das realizacións educativas de J. H. Pestalozzi, que visitou en Iverdon, e das teorías da formación humana mediante o xogo (Gutsmuths, Schiller e Richter). A súa teoría é de raíz individualista, dentro do movemento romántico. Mantivo contactos co krausismo e contribuíu á súa difusión. A base ideolóxica que inspira a súa pedagoxía é a intuición da unidade do real e o panenteísmo. En 1837 abriu o primeiro kindergaten (‘xardín de infancia’), en Blankenburg, concepción de raíz rousseauniana, cun fondo filosófico naturalista, de comunicación co contorno. Con el naceu a educación preescolar propiamente dita. A partir de 1840 fundou a sociedade Allgemeiner deutscher Kindergarten, co fin de crear establecementos modelo para a educación infantil. A pedagoxía fröbeliana intenta manter e fortalecer a forza creadora do neno; a posibilidade de ocuparse e exercitarse. O seu sistema foi obxecto de duras críticas, baixo acusacións de liberalismo e irrelixiosidade. Tamén foi acusado de “rigorismo matemático e xeométrico”, polo que algúns dos seus partidarios foron introducindo outros materiais que ofrecesen maior flexibilidade na aplicación dos métodos. Unha das súas achegas máis importantes ao sistema escolar foi o modelo de espazo arquitectónico, un dos modelos onde mellor se pode observar o simbolismo da arquitectura escolar. Ademais de escritos e institucións, legou un gran conxunto de medios (o material fröbeliano) e, desde o punto de vista didáctico, o máis importante foron os “dons” ou regalos (formas xeométricas que o neno manipula). Tanto a súa obra escrita como as realizacións institucionais influíron no movemento europeo da escola nova. A súa obra máis importante é Die Menschenerziehung (A educación do home, 1826), pormenorizada descrición do método fröbeliano de ensino.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Oberweissbach, Turinxia

  • Deceso

    Lugar : Marienthal, Meiningen