Frómista, San Martín de
Igrexa situada en Frómista. De orixe románica, sufriu unha polémica restauración entre 1896 e 1904. Prototipo da arquitectura románica do s XI, caracterízase polas súas proporcións e polo equilibrio entre as liñas horizontais das naves e a verticalidade das ábsidas e das torres e entre os elementos arquitectónicos e escultóricos. Ten tres naves, a central máis ancha e alta ca as laterais, con cúpula no cruceiro e tres ábsidas semicirculares, a central de maior desenvolvemento. As naves cóbrense con bóvedas de canón. No interior destaca a variada decoración dos capiteis con representacións vexetais, zoomórficas e humanas. As portadas sobresaen do muro e cóbrense con beiril soportado por canzorros de animais, motivos vexetais e personaxes humanos. Declarárona Ben de Interese Cultural en 1894.