fronteira

fronteira

(

    1. s f [POLÍT/HIST]

      Límite entre dous territorios fronteirizos. O termo foi aplicado primeiro ao conxunto de fortificacións, campamentos e instalacións de todo tipo que servían de base para estender o territorio propio e dar cobertura defensiva. Máis tarde foi aplicado ao territorio máis ou menos elástico, onde as autoridades eran soamente militares. Finalmente, acadou unha técnica cartográfica e loxística suficiente e adquiriu o sentido actual. Xeograficamente, fíxose tradicional a distinción entre fronteiras naturais e artificiais. As fronteiras naturais poden ser ríos, montañas, pantanos, bosques e desertos. Non obstante , os ríos só poden establecer fronteira se son moi difíciles de atravesar e xeralmente centran a vida dos estados; de todos os xeitos, a divisoria hidrográfica é fácil de modificar, mediante a captura fluvial, como nas disputas arxentino-chilenas. No referente ás montañas, só cando a altitude, a extensión dos glaciares ou a dificultade do relevo imposibilitan o tránsito convértense en fronteira. Normalmente dise que a fronteira natural definitiva é o mar; pero se se trata de mar aberto, equivale a decir que é a ausencia da fronteira. Unha característica común ás fronteiras naturais é que o seu valor é relativo: facilitar o establecemento das verdadeiras fronteiras, que son as convencionais. Se a rexión está ocupada de forma estable, estas adáptanse ás divisións administrativas preexistentes, polo que son sinuosas e imbricadas; mentres que se está despoboada ou ocupada por pobos non autónomos, a liña é a máis cómoda, a máis curta entre dous extremos. A fronteira constitúe, de cotío, un problema xeográfico, cando se esquece que o elemento máis importante da natureza é o home e que as fronteiras naturais son as humanas. Historicamente non apareceron ata finais do Neolítico, cando o home se sedentarizou. Nunha segunda etapa apareceu a Gran Muralla chinesa e o limes romano (entre os ss III a C e o III d C). As fronteiras pasaron de barreiras ofensivas a barreiras defensivas na época carolinxia. A finais das guerras napoleónicas as liñas convertéronse en continuas. No s XIX apareceron os boundary maker británicos, especialistas en atopar a fronteira óptima entre dous estados. A xeopolítica alemá e outras escolas xeneralizaron unha mística da fronteira como estímulo do patriotismo. A partir da Segunda Guerra Mundial a aviación, os proxectís teledirixidos e os satélites de comunicación restaron importancia á vixilancia do espazo terrestre.

    2. fronteira bioxeográfica / [BIOL/ECOL]

      Liña máis ou menos laxa que limita a área de distribución dunha especie de ser vivo. Pode coincidir con barreiras xeográficas naturais, pero tamén pode coincidir cun determinado valor climático, latitudinal, altitudinal, etc.

    3. fronteira lingüística [LING]

      Límite que separa dous dominios lingüísticos.

  1. s f

    Calquera cousa que limite algo.

    Ex: A enfermidade púxoo na fronteira entre a vida e a morte.

  2. s f [MAT]

    Conxunto de puntos que separan o interior dunha rexión do seu exterior. Topoloxicamente, a fronteira dunha parte A dun espacio topolóxico é a intersección da adherencia de A coa adherencia do seu complementario.