Frosinone
Frosinone
Capital da provincia homónima, no Lazio, Italia (47.676 h [2000]). Está situada na comarca da Ciociaria, á beira do río Cosa, afluente do Sacco. É un centro agrícola importante (viña, oliveiras e cereais) e ten un mercado de animais relevante. Cidade do pobo itálico dos ernicos, foi ocupada polos romanos no 306 a C e promovida ao rango de colonia co nome de Frusino en época imperial. Pasou a ser dominio eclesiástico no s XIII. Do seu patrimonio cultural destacan os restos do anfiteatro de época romana e as igrexas de Santa Maria Assunta (s XIII), da Delibera, da Madonna della Neve, de San Magno (s IX) e de San Benedetto, do s XII e reconstruída no s XIX.