Fucus
Xénero de algas, da familia das fucáceas, de cor parda escura ou alaranxada, e ramificación dicotómica cun nervio central patente. No ápice dos talos están os receptáculos sexuais que son estruturas enchidas de mucilaxe, de forma alongada, oval ou esférica, e finamente punteadas polos conceptáculos, que expulsan os gametos ao medio. Moi abundantes na zona intermareal dos mares fríos, na costa galega están presentes as especies: Fucus ceranoides, de ata 40 cm de lonxitude e propia das augas salobres dos esteiros; Fucus serratus, de ata 1 m de lonxitude, coa marxe regularmente dentada ou serrada e propia do litoral inferior ou infralitoral de costas protexidas; e Fucus vesiculosus, de ata 60 cm de longo, caracterizada por presentar aos lados do nervio aerocistes, e estar presente en todo tipo de costas. Utilizadas de xeito tradicional na costa galega como abono e para alimentación animal, constitúen unha importante fonte de alxinatos, iodo, sodio, potasio e antibióticos. Empréganse tamén como laxantes e antifúnxicos. Reciben a denominación popular de boches do mar.