Fuente Domínguez, Xenaro de la
Arquitecto. En 1871 obtivo o título de mestre de obras e en 1874 conseguiu a praza de mestre de obras militares de terceira clase e foi destinado á comandancia de Vigo, cidade na que acadou o posto de director facultativo das obras municipais. Foi profesor de debuxo da Escola de Artes e Oficios. Paralelamente ao seu emprego como técnico militar, desenvolveu un amplo labor como arquitecto civil e, ao non ter o título oficial de arquitecto, tivo problemas coa Junta Central de Arquitectos e coa Asociación de Arquitectos de Galicia, pero contou co apoio do concello vigués. A súa obra, de carácter ecléctico e monumental, asumiu as novas tendencias modernistas. Entre as numerosas obras que realizou en Vigo destacan as casas de Manuel Bárcena na rúa Policarpo Sanz (1879-1884); a de Pedro Román, sede do antigo Casino e convertida en Biblioteca Central (1889); a de Prudencio Nandín na praza de Compostela (1892-1902); a casa de Ledo na porta do Sol (1893); a de Felipe Collazo na avenida de Montero Ríos, esquina con Concepción Arenal (1904); o edificio Bonín na rúa Areal (1909); e a casa de Pardo Labarta na porta do Sol (1911). Fóra da cidade olívica realizou o Hotel-Balneario de Mondariz e o pazo de Lourizán de Montero Ríos en Pontevedra.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Valladolid -
Deceso