Fuente Obejuna
Municipio da provincia de Córdoba, Andalucía, situado na cabeceira do río Guadiato, en Sierra Morena, no límite coa provincia de Badajoz (6.243 h [1996]). Destaca a agricultura (horta, oliveiras e cereais) e gandería (ovina, porcino e aves), xunto cunha certa actividade industrial e mineira (esfalerita e feldespato). De orixes prehistóricas, estivo ocupado polos romanos e polos árabes. Señorío da orde de Calatrava, protagonizou unha serie de revoltas populares contra o comendador da orde, que Lope de Vega inmortalizou, e que trasladaron o seu señorío ao concello de Córdoba. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, o dolmen de El Dorado, a mina romana de La Loba, a casa dos marqueses de Valdemoro, a igrexa de Nuestra Señora del Castillo (s XV) e o convento da Presentación de María (s XVI).