fútbol
(
-
s
m
[DEP]
Deporte de oposición con balón disputado entre dous equipos de 11 xogadores cada un que teñen como obxectivo introducir o balón na meta defendida polo equipo contrario, para o cal se axudan fundamentalmente dos pés, cos que desprazan e guían o balón.
Regulamentación
O terreo de xogo é de forma rectangular, delimitado por liñas denominadas de banda, ao longo, e de gol, ao largo. As súas dimensións son variables. O terreo de xogo divídese en dúas metades iguais. A meta sitúase sobre un segmento da liña de gol delimitado por unha portería. Un dos xogadores do equipo debe actuar como porteiro; a este permíteselle empregar as mans para interceptar o balón en accións defensivas no interior da súa área de portería. Unha área do porteiro e unha área de penalti delimitan espacios nos que o porteiro goza deste privilexio. As infraccións ás regras de xogo sobre o contrario que cometan os xogadores na súa propia área de penalti sanciónanse cun lanzamento desde un punto situado a 11 m da portería (lanzamento de penalti). Como excepción, tamén se lles permite aos demais xogadores tocar o balón coas mans durante a execución do saque de banda, que só se pode realizar dese xeito. Durante o transcurso do partido, que dura 90 minutos divididos en dous períodos de 45 minutos cada un, os equipos poden realizar ata tres substitucións de xogadores. As infraccións ás regras do xogo pódense sancionar disciplinariamente con amoestación e expulsión; neste segundo caso o equipo do xogador expulsado proseguirá o partido cun xogador menos ata a súa conclusión. O número de goles obtidos por cada un dos equipos determina o resultado do partido: o equipo que consiga máis é o vencedor; o partido considérase empatado se os dous equipos conseguen o mesmo número de goles, ou ben se non conseguen ningún.
Historia
Malia que se poden citar numerosos precedentes deste deporte, como o tsu chu chinés (200 a C), o episkuros grego e o harpastum romano da Antigüidade, ou o giuoco di calcio italiano do s XVI, as orixes do fútbol remóntanse ao s XIX. No college de Rugby (Inglaterra), Thomas Arnold, director entre 1828 e 1842, desenvolveu un xogo no que dous equipos defendían un punto do terreo de xogo empregando un móbil, o balón, como referencia ofensiva. Arnold inspirouse nos xogos populares que se practicaban en Gran Bretaña dende o s XII, que deran lugar ao desenvolvemento no s XVIII de disciplinas locais como o Eton wall game ou Eton field game, o Harrow football e o Winchester football. Coa divulgación deste xogo noutros centros do país, xurdiu a necesidade de codificación das regras do xogo e, posteriormente, a de estruturar as actividades. En Rugby concedíaselle unha grande importancia á posibilidade de correr co balón entre as mans, pero noutras localidades preferiuse restrinxir esa opción, co cal xurdiron dous xogos totalmente diferenciados: fútbol e rugby. En 1846 rexistrouse unha primeira tentativa de establecer o regulamento do fútbol, por iniciativa de H. de Winton e J. C. Thring da Cambridge University, da que xurdiu o código de 10 artigos coñecido como Regras de Cambridge. En 1855 fundouse o Sheffield Football Club, o club máis antigo do mundo. En outubro de 1863 fundouse a Football Asociación (FA) en Londres. Nove anos máis tarde a FA celebrou a súa primeira competición, que disputaron 15 equipos. Ese mesmo ano (1872), disputouse o primeiro partido internacional, entre as seleccións de Inglaterra e Escocia. A competición de liga da FA comezouse a disputar en 1888. As tripulacións dos mercantes británicos, da primeira potencia comercial e colonial daquela época, difundiron o xogo do fútbol polos principais portos e as capitais de todo o mundo, onde se foron fundando os primeiros equipos, integrados por membros da colonia británica ou por mozos locais que se medían cos soldados e tripulantes dos navíos ingleses. Austria e Dinamarca foron dous dos primeiros países en constituír os seus campionatos. En 1879 fundouse o primeiro club en Copenhaguen e 10 anos despois fundouse a federación danesa (1889); Bélxica xa fundara a súa en 1885. En 1887 introduciuse en Rusia, onde a finais da década de 1890 xa se disputaba a liga moscovita. A expansión seguiu coa fundacións das federacións suíza (1895), italiana (1898), neerlandesa, alemana (1900), húngara (1901), checa (1901), norueguesa (1902), sueca (1904), finlandesa (1907), luxemburguesa (1908), romanesa (1908) e española (1913). Diante esta difusión tan amplia, en 1904 fundouse a Federación Internacional de Asociacións de Fútbol ( FIFA). Coa súa inclusión no programa oficial dos Xogos Olímpicos de Londres 1908, esta modalidade incorporouse ás grandes competicións internacionais. O crecente profesionalismo no seo do fútbol, incompatible co estricto carácter amateur do movemento olímpico contemporáneo, redundou na redución da calidade do torneo dos Xogos, pois os mellores xogadores tiñan que ficar á marxe dese acontecemento. Así a FIFA centrou os seus esforzos en organizar unha competición internacional propia, aberta á participación dos xogadores profesionais. Deste xeito xurdiu o Mundial, que celebrou a súa primeira edición en Montevideo (Uruguay) en 1930. Para o campionato Mundial, no que participan seleccións representativas das asociacións afilidadas á FIFA, estableceuse unha periodicidade de catro anos, que emula a dos Xogos Olímpicos. Pola súa banda, as asociacións americanas comezaran en 1916 a disputa da Copa América, que mantivo periodicidade anual ata 1929; coa disputa dos primeiros mundiais desapareceu, pero recuperouse en 1935; en 1987 estableceuse como torneo bienal. En 1960 disputouse a primeira Copa de Europa de Nacións, que se disputa dende entón nos anos olímpicos. Os Xogos Olímpicos, reservados en principio aos amateurs, convertéronse despois nunha competición para xogadores menores de 23 anos, aínda que dende 1996 permítese que tres xogadores máis vellos formen parte de cada unha das seleccións. Polo que respecta ás competicións internacionais de clubs, houbo que agardar a mediados do s XX para que se consolidasen os grandes torneos de ámbito continental, de periodicidade anual. A Copa de Europa, na que se enfrontaban os campións das principais ligas do continente, celebrou a súa primeira edición na tempada 1955-1956. A competición homóloga sudamericana, a Copa Libertadores de América, estreouse en 1960. Os campións europeo e sudamericano enfrontáronse ese ano na primeira edición da Copa Intercontinental.
O fútbol en Galicia
Como aconteceu noutros moitos lugares, as tripulacións dos buques británicos introduciron o fútbol no último terzo do s XIX nos portos galegos onde facían escalas (Vigo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña ou Ferrol). Vilagarcía de Arousa foi o primeiro lugar de España onde se celebrou un partido de fútbol; segundo referencias da prensa contemporánea, os mariños do mercante inglés Go-Go xogaron ao fútbol nos areais arousáns en xuño de 1873, cando fixeron no porto vilagarcián unha escala na súa viaxe ás minas onubenses de Riotinto. O gusto polo fútbol espallouse e axiña se formaron os primeiros equipos. O primeiro conxunto destacado do fútbol galego foi o Real Vigo Sporting, subcampión de España en 1908. Dous anos antes, en 1906 disputárase o primeiro campionato galego de fútbol. Tres anos despois, en 1909, fundouse a federación galega. Os clubs vigueses Real Vigo Sporting e Real Club Fortuna mantiveron unha pugna hexemónica no campionato galego (7 e 10 títulos, respectivamente) ata que en 1923 se fusionaron no Real Club Celta de Vigo, que se adxudicou os tres campionatos seguintes. En 1927 o Real Club Deportivo de La Coruña inscribiu o seu nome no palmarés da competición e a partir de entón converteuse no gran rival dos célticos, cos que se repartiron os títulos seguintes, a excepción do de 1929, que se adxudicou o Rácing de Ferrol. Trala sétima vitoria céltica, rexistrada en 1935, o campionato suspendeuse por mor da Guerra Civil (1936-1939). As dúas últimas edicións celebráronse en 1939 e 1940 e rexistraron a segunda vitoria dos ferroláns e a quinta dos coruñeses, respectivamente. Daquela a principal competición era o Campionato Nacional de Liga, que se fundara en 1928. A liga, estruturada en tres divisións, inaugurouse con polémica, pois ao Celta non se lle respectaron os dereitos adquiridos como herdeiro do Real Vigo Sporting, e non se lle recoñeceu como propio o subcampionato de copa que lle tería permitido acceder directamente á primeira división. Así pois, o debut dun equipo galego na primeira división pospúxose ata 1936, ano en que ascendeu o Celta. Cinco anos despois, en 1941, ascendeu o Deportivo. Na primeira metade do s XX os logros máis destacados do fútbol galego foron o subcampionato de Liga obtido polo Deportivo na tempada 1949-1950 e os dous subcampionatos de Copa logrados polo Rácing en 1939 e o Celta en 1948. No último lustro do s XX acadáronse os primeiros títulos oficiais do fútbol galego, despois dun dilatado período no que só cabe destacar a clasificación do Celta para disputar a primeira Copa da UEFA en 1971, así como o paso do Pontevedra Club de Fútbol pola primeira división (seis tempadas, entre 1963 e 1969). Na década de 1990 asistiuse a un rexurdimento do fútbol galego: en 1991 o Deportivo ascendeu á primeira división logo de case que 20 anos de ausencia, nos que Galicia só estivo representada na elite polo Celta, inmerso tamén nunha relativa inestabilidade deportiva que significou a alternancia entre a primeira e a segunda división ata 1992. O segundo subcampionato de Liga para o Deportivo en 1994, no mesmo ano no que debutou nas competicións europeas e no que os vigueses se proclamaron de novo subcampións de Copa, foi o preludio do ascenso da Sociedade Deportiva Compostela á máxima categoría por primeira vez na historia: daquela Galicia converteuse na comunidade máis representada na primeira división, ao manter durante catro tempadas consecutivas estes tres conxuntos. A Copa do Rei gañada polos deportivistas na tempada seguinte (1994-1995), constituíu o primeiro título nacional oficial dun equipo galego. En 1998 o Celta retornou á Copa da UEFA e en 2000 foi o primeiro club galego en gañar un torneo internacional oficial, a Copa Intertoto. Tamén en 2000 o Deportivo conquistou o título de campión de Liga, que lle permitiu inaugurar a participación galega na Liga de Campións da UEFA a partir da tempada seguinte. O s XXI iniciouse con dous novos subcampionatos no 2001, o de Copa para os vigueses e o de Liga para os coruñeses, que repetiron ao ano seguinte, no que tamén acadaron a súa segunda Copa do Rei. Individualmente destacar que moitos futbolistas galegos obtiveron éxitos destacados, ben coa selección española, ben con grandes clubs europeos. Coa selección Luís Otero e Moncho Gil acadaron a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Anveres 1920; Marcelino, campión de Europa en 1964, anotou na final o tanto que significou a vitoria para un equipo no que tamén se aliñaban Luis Suárez e Amancio Amaro; en 2000 Pablo Couñago e Pablo Coira, formaron parte da selección que se proclamou campiona mundial sub-20; Couñago foi, ademais, máximo goleador daquel torneo. Nas competicións de clubs destacan os títulos de campión de Europa de Luis Suárez (en dúas ocasións) co Internazionalle de Milán e de Míchel Salgado (noutras dúas) e Amancio co Real Madrid. Ademais Luís Suárez obtivo en 1960 o Balón de Ouro ao mellor xogador europeo. No plano organizativo, o acontecemento máis destacado que acolleu Galicia foi a fase final do Campionato Mundial de 1982, cando os estadios municipais de Balaídos (Vigo) e Riazor (A Coruña) foron, respectivamente, sede e subsede do grupo primeiro da rolda previa. -
fútbol americano
[DEP]
Disciplina deportiva baseada no xogo do rugby. Walter Camp, xogador da Yale University redactou as primeras regras da nova disciplina en 1876. Os equipos compóñense de 11 xogadores sobre o terreo de xogo.
-
fútbol sala
[DEP]
Disciplina deportiva émula do fútbol que se disputa nun terreo de xogo de dimensións idénticas a un campo de balonmán, de 40 m de longo por 20 m de largo, normalmente en recintos cubertos. Para adaptarse ás dimensións e características do terreo de xogo tamén se modifican as especificacións do balón, máis pequeno e pesado, e da portería (de 3m de longo por 2 de alto). Tamén difire o calzado dos xogadores, pois ao desenvolverse o xogo sobre unha superficie homoxénea de pavimento artificial, non se precisa o uso de tacos para obter adherencia, como no fútbol. Ten a súa orixe en Uruguay. A gran superficie requerida para o acondicionamento dun terreo de xogo de fútbol non podía ser asumida polos centros escolares, pero, malia todo, o profesor Juan Carlos Ceriani observou que os rapaces xogaban á pelota de xeito similar nos patios dos que dispuñan e mesmo nas rúas e prazas. Ceriani elaborou unha regulamentación baseada noutros deportes: reduciu as dimensións do terreo de xogo e das porterías ás dun campo de balonmán; reduciu a cinco o número de xogadores de cada equipo no terreo de xogo; e tamén reduciu a 40 minutos o tempo dos partidos.