Galicia, Reino de
Estado soberano que se constituíu no territorio de Galicia e as terras portuguesas ao N do Douro durante a Idade Media e que tivo como antecedente o Reino Suevo da Gallaecia. O primeiro período de Galicia como reino independente foi entre o 910 e o 914, cando Ordoño II a gobernou co título de Rei. Posteriormente Sancho I (926), expulsado de León por Afonso IV, refuxiouse en Galicia e gobernouna ata finais do 929, cando Galicia volveu a anexionarse ao Reino de León. No 1065, como consecuencia da repartición do reino efectuada por Fernando I, Galicia volveu ser independente e García I foi coroado rei. O novo monarca estableceu a capital do reino en Ribadavia e someteu a vasalaxe aos reis musulmáns de Badajoz e Sevilla. Tralo ataque de Afonso VI e Sancho III ao seu irmán García I, Galicia volveu incorporarse ao Reino de León de forma definitiva. Finalmente, en 1833 desapareceu formalmente o termo.