Galicia Emigración, Fundación
Fundación sen ánimo de lucro constituída en Santiago de Compostela e declarada de Interese Galego. Os seus obxectivos son promover, incentivar e executar as accións encamiñadas a potenciar e difundir a galeguidade en calquera parte do mundo, en especial nos lugares onde existan comunidades galegas, e realizar accións tendentes a apoiar galegos e os seus descendentes residentes fóra da Comunidade Autónoma. O seu padroado, baixo a presidencia de honra do presidente da Xunta de Galicia, está presidido polo conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior e formada por un representante da consellería de Economía e Facenda, de Sanidade e de Asuntos Sociais e un membro da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas. Ademais forman parte do padroado as persoas e/ou entidades que acheguen unha cantidade igual ou superior a 30.000 euros. Conta tamén cunha Asemblea de Colaboradores formada por aquelas persoas e/ou entidades que acheguen unha cantidade igual ou superior aos 3.000 euros.