Galicia Emigrante

Galicia Emigrante
[PUBLIC]

Revista mensual editada en Bos Aires a partir de xuño de 1954. Cesou a súa edición en maio de 1959 (nº 37). Dirixida por Luís Seoane, na súa elaboración participaron destacados intelectuais galegos, a maior parte deles exiliados, como D. García Sabell, Ánxel Fole, Xulio Camba, E. Blanco Amor, Florentino Cuevillas, I. Díaz Pardo e R. Otero Pedrayo, entre outros. Trátase dunha das publicacións máis relevantes da prensa galega no exterior na que se incluíron crónicas sobre Galicia, biografías, noticias e reportaxes, xunto cunha sección para textos, poemas e recensións literarias. Atendeu tamén aos autores non galegos que escribiron sobre Galicia e engadiu artigos críticos sobre a realidade teatral e cinematográfica en Arxentina. En moitos dos seus artigos defendeu a República española e o Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1936. No apartado gráfico, cómpre subliñar os debuxos de Seoane, Maside, Castelao, Cebreiro, Xohán Ledo, Leopoldo Nóvoa e Curtis, ademais das fotografías de Xosé Suárez.