Galicia-Empresa, Fundación

Galicia-Empresa, Fundación

Fundación sen ánimo de lucro constituída o 26 de novembro de 1996 por iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e que ten como obxecto a promoción, vertebración e divulgación da empresa galega como entidade específica, caracterizada pola súa vinculación á realidade socioeconómica e cultural de Galicia. En particular, son obxectivos a normalización do uso do galego na empresa, tanto nas súas relacións internas coma externas, e sen prexuízo do apoio á poliglosia como factor esencial da actividade empresarial; a promoción da investigación das características peculiares da empresa galega e da súa potenciación e desenvolvemento; o apoio á aplicación dunha estética diferenciadora dos seus produtos; e a creación e fomento de centros de diálogo e de publicacións relativas á vinculación da empresa coa realidade económica, social e cultural de Galicia. Entre os membros do padroado inclúense Manuel Puga Pereira, actual presidente, Ramón Barral Maquieira, Xosé Mª Fonseca Moretón, Santiago Sineiro García, Bieito Ledo Cabido, Xavier Súarez-Vence Santiso, Manuel Rodríguez Vázquez, Emilio Pérez Nieto, Ricardo Fernández Villar e Paulino Novo Folgueira. Constituída por cincuenta empresas, publicou o libro Fundación Galicia-Empresa, unha filosofía (2001).