Galilei, Galileo
Astrónomo, matemático e físico italiano. Estudiou medicina na Universidade de Pisa, pero en 1589 abandonou os estudios médicos e aceptou unha praza de profesor de matemáticas na mesma universidade. As súas ideas, (como a de que todos os corpos, sexa cal sexa o seu peso, caen á mesma velocidade) contrarias á física aristotélica, e os seus experimentos sobre mecánica ocasionáronlle problemas cos seus compatriotas. Refuxiouse en Venecia, e entre 1592 e 1610 deu clases de matemáticas na Universidade de Padua. Tivo noticia do invento do telescopio e el mesmo construíu un e comezou a observación do espacio. Descubriu os cráteres da Lúa, que a Vía Láctea é un conxunto de estrelas, os catro maiores satélites de Xúpiter e tamén observou as manchas solares. Expuxo estes descubrimentos en Sidereus Nuntius (1610), entre outras obras. Todos estes descubrimentos convenceron a Galileo das teorías de Copérnico, que afirmaban que a Terra é un planeta que xira ao redor do Sol. A defensa do sistema heliocéntrico, que se consideraba herético, ocasionoulle conflitos coa Inquisición, e no ano 1616 o cardeal Roberto Bellarmino fíxolle prometer que abandonaría a tese copernicana. Cando foi elixido papa o seu amigo o cardeal Maffeo Barberini (Urbano VIII), Galileo publicou, co permiso da censura, a obra Dialogo sopra i due massimi sistemi del mondo, tolemaico e copernicano (1632), obra que non gustou ao papa e pola que foi acusado de herexía e xulgado polo Santo Oficio, obrigado a abxurar do que consideraban os seus erros e condenado a reclusión domiciliaria. Confinado en Artreci, e malia estar enfermo, xordo e case cego, escribiu Discorsi e dimostrazioni matematiche intorno a due nuove scienze attenenti alla meccanica (1638), coa que desterrou definitivamente a física escolástica e puxo as bases da nova mecánica, que rematou de estruturar Newton. O 31 de outubro de 1992 o Papa Xoán Paulo II recoñeceu publicamente que a condena imposta polo tribunal eclesiástico que xulgou a Galileo foi inxusta.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pisa -
Deceso
Lugar : Arcetri, Toscana