galiña

galiña

(< lat gallīna)

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Ave de lonxitude variable, entre os 15 e 45 cm, que se caracteriza por ter unha cabeza relativamente pequena, bico robusto e curto, unha crista carnosa e ás máis ben pequenas. A galiña doméstica descende dunha das catro especies de galiña silvestre do sueste de Asia. A data da súa domesticación estímase entre o 3200 a C na India e o ano 1400 a C na China. Charles Darwin considerou as galiñas descendentes dunha única especie silvestre, o galo bankiva (Gallus gallus), que vive en estado salvaxe dende a India a Filipinas. Posúen un corpo grande e pesado, ás curtas incapacitadas as máis das especies para o voo, agás a curtas distancias. O tamaño das diferentes razas varía entre os 5 Kg do galo brahma e o bantam de 570 g. O boche é grande e a moella moi musculosa. Nos adultos a cabeza está adornada cunha crista e carnosidades a ambos lados do peteiro. A cor da plumaxe varía entre o branco, gris, amarelo, azul, vermello, castaño e negro. As patas teñen en xeral catro dedos, e están adaptadas para rabuñar o chan. Son aves estritamente diúrnas, gregarias e polígamas. Críanse, sobre todo, como animal doméstico para aproveitar a súa carne e os seus ovos e son a especie animal que achega máis proteínas (ovos e carne) na dieta humana. As produtoras de ovos máis destacadas son as razas mediterráneas, entre as que destacan a ancona, a andaluza e a leghorn; delas, a leghorn branca é a variedade máis popular. A clase americana está formada por razas de uso tanto para a obtención de ovos coma de carne; a raza new hampshire, de crecemento rápido, cruzouse coas cornish e as plymouth rock brancas para obter especies produtoras de carne de forma máis rápida e eficiente. Noutros lugares, estas razas teñen un uso ornamental e participan en exposicións e mostras avícolas como as galiñas bantam, silky, frizzle e xaponesa. As galiñas destacan pola súa elevada taxa de reprodución; o período de incubación dura unhas tres semanas. Os polos son nidífugos e están cubertos de plumón ao eclosionar. En Galicia, a raza galiña de Mos está en perigo de extinción. Orixinaria da comarca da Terra Chá, toma o seu nome da parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei. É unha galiña de formas redondeadas, peito amplo e grande abundancia de masa muscular en todo o corpo. Coloración da plumaxe acastañada, clara no dorso e máis intensa no pescozo; as ás dos galos mostran tons verdosos, cor da pel dos tarsos e peteiro amarela, crista vermella en piña, e plumas da cola negras. Debido á súa excelente aptitude cárnica, utilízase na produción dos afamados capóns de Vilalba.

    2. galiña de Guinea/pintada [Numida meleagris, Fam dos numídidos]

      Paxaro da orde dos galiformes. Mide ao redor dos 60 cm. Presenta a cabeza e o pescozo sen plumas. As plumas do corpo son de cor negra con manchas brancas. Aliméntase de herbas, sementes e insectos. Existen subespecies domésticas e en estado salvaxe. Vive en Etiopia, Sudán, Eritrea e o SL de Arabia.

    3. galiña doméstica

      Femia do galo que se distingue deste porque non ten espolóns e polo tamaño, xa que a galiña é máis pequena e a súa crista e cola tamén son menores. Existen diferentes razas que se basean zootecnicamente por posuír ou non coxa e por ter catro ou cinco dedos nas patas. As principais razas de galiñas poñedoras son a de Leghorn, a hamburguesa, a de Prat e a de Menorca; como razas produtoras de carne destacan a de Langsham e a de Cochinchina; e como mixtas, a de Plymouth Rock, a de Wyandotte, a de Dorking, a de Red Cap e a de Faverolles.

    4. galiña gris araucana [G. inauras, Fam das galináceas]

      Ave aínda en estado salvaxe, ao S de Chile e na illa de Pascua. Probablemente provén da época precolombina.

    5. galiña gris da xungla [G. sonnerati, Fam das galináceas]

      Ave orixinaria da India, con plumas que se utilizan na pesca de salmónidos.

    6. galiña gris da xungla [G. varius, Fam das galináceas]

      Ave orixinaria de Xava, Bali e doutras illas de Indonesia ata Timor.

    7. galiña da xungla de Lafayette [G. Lafayettei, Fam das galináceas]

      Ave orixinaria de Sri Lanka.

  2. s

    Persoa que ten unha actitude covarde.

    Ex: Non lle dixo a verdade porque é un galiña.

Frases feitas

  • Cando mexen as galiñas. Nunca.

  • Carne de galiña. Aspecto que adquire a pel cando se ten frío, medo ou se recibe un disgusto.

  • Deitarse canda as galiñas/ Facer coma as galiñas: ir co sol para o galiñeiro. Deitarse moi cedo.

Refráns

  • A galiña que non pon, non lle enche ao seu dono o bulsón.
  • Cada día a galiña amarga a cociña.
  • Cando a galiña pica ao galo ¡malo, malo, malo!
  • Cando ten máis plumas a galiña, é cando ten o galo enriba.
  • Galiña que cacarexa, algo venta ou ovo pon.
  • Galiña que canta coma un capón, na túa casa; na miña, non.
  • Galiña que na casa fica, sempre pica.
  • Galiña que non pon, comela é o mellor. •
  • Galiña que non pon, comela ou, mellor, vendela.
  • Galiña que non quere galo, pon o ovo sen galealo.
  • Na casa varrida non pica a galiña.
  • Non pon a galiña polo galo senón polo papo.
  • Pola santa Mariña deita a galiña.
  • Pola vendima vende as túas galiñas, polo Nadal vólveas mercar.
  • Primeiro a galiña cá sardiña.
  • Viva a galiña coa súa pebida.