Galitsia
Rexión histórica do L de Europa situada entre Polonia e Ucraína. Poboada polos eslavos entre os ss IX e XI, formou parte dos principados de Kiev e de Vladimir. Principado autónomo no s XII, Casimiro III incorporouna a Polonia (1349). Ao repartir Polonia (1772-1795) pasou a mans de Austria, que emprendeu a súa xermanización. O desenvolvemento do nacionalismo polaco, encabezado polas universidade de Cracovia e L’viv afectoulle. Austria tentou debilitalo enfrontando ás dúas etnias e rexións: os polacos, que pertencían a unha clase burguesa e eran terratenentes, e a minoría rutena, que pertencía á clase campesiña. No último terzo do s XIX a parte occidental da Galitsia acadou unha certa autonomía e o polaco converteuse en lingua oficial. Trala desmembración do Imperio Austro-húngaro (1918) uniuse a Polonia malia a oposición dos rutenos, que desexaban incorporarse a Ucraína. No 1939 produciuse o ataque de Hitler contra Polonia e a URSS ocupou a Galitsia oriental, a zona de L´viv, e máis tarde anexionouse a Ucraína.