Gambia

Gambia

Estado de África occidental que limita ao N, L e S con Senegal e ao O co Océano Atlántico (11.295 km2; 1.305.000 h [2000]). Esténdese entre os 14° 13° S de latitude N e os 17° 14° de lonxitude O. A capital é Banjul.
Xeografía física

Relevo, climatoloxía e hidrografía
Está formada por unha estreita franxa de terreo de 330 km de lonxitude de L a O e entre 35 e 45 km de media de N a S. O seu relevo é baixo e pantanoso ao O, e lixeiramente ondulado ao L. Todo o país forma parte da conca inferior do río Gambja, que o percorre de L a O. O clima é subtropical, cunha estación cálida, outra húmida e temperada, e outra seca. Durante a estación temperada, de decembro a abril, sopran ventos secos e poirentos do Sáhara, con escasas precipitacións e humidade moderada. O monzón do SO trae a estación das chuvias con grandes tormentas desde xuño a outubro. A temperatura anual varía entre os 7°C ata os 43°C. A precipitación media anual é duns 1.016 mm. As precipitacións disminuíron un 30% nos últimos anos, feito que provocou que o mar avanzase río arriba e provocase a salinización das terras de cultivo e o aumento da desertización. O principal río é o Gambja, que atravesa o país de N a S.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
O PNB en 1998, segundo estimacións do Banco Mundial, era de 480 millóns $ USA. Ten unha gran dependencia da produción de cacahuete que supera as 125.718 t anuais. O 73% da poboación dedícase á agricultura. Os principais produtos son o arroz, o millo e as noces, sobre todo para consumo local. Tamén son importantes para a súa economía a cría de gando vacún, caprino e ovino. O arroz está adquirindo cada vez máis importancia como cultivo de autoconsumo. O cacahuete cultívase, sobre todo, para a exportación. O goberno favoreceu os cultivos de algodón, cítricos e tabaco, para diversificar a produción agrícola. Na actualidade tamén se exportan fiados de algodón, coiro e peles. Os pobos costeiros basean a súa economía na pesca, cun total de 32.258 t en capturas (1997). A industria limítase, sobre todo, á transformación de produtos primarios e á construción de barcos. Outras industrias de menor importancia son a elaboración de bebidas, roupa, calzado e artesanía. O turismo desenvolveuse dunha maneira rápida nos últimos vinte anos, e pasou a se converter nun dos sectores que máis divisas proporcionan á economía.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo deficitario. O valor das importacións en 1999 foi de 194 millóns $ USA. Os principais produtos son derivados petrolíferos, maquinaria e equipamentos de transporte. O valor das exportacións no mesmo ano foi de 8 millóns $ USA. Os principais produtos son o peixe, o algodón e os produtos agrícolas. Os principais socios comerciais de Gambia son China, Italia, Francia, Bélxica, Luxemburgo e Xapón.
Transportes e comunicacións
As comunicacións terrestres están aínda pouco desenvolvidas, dispón de 2.640 km de estradas, o 35% asfaltadas e ningunha vía férrea. O río Gambja é navegable para pequenas embarcacións, ata uns 240 km da costa. Banjul é o principal porto comercial.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (3,6% [1999]), debido a un alto índice de mortalidade infantil (85,4‰ [1998]) que contrarresta a elevada natalidade (43,3‰ [1998]). Na estrutura por idades presenta un 45,22% entre 0 e 14 anos, o 52,13% entre os 15 e 64 anos e o 2,65% con máis de 64 anos.
Poboamento
É un dos países africanos menos poboados. A densidade de poboación é elevada 115,53 h/km2, aínda que está desigualmente repartida. As zonas costeiras e o curso do río Gambja son as zonas máis densamente poboadas. As principais cidades son a capital Banjul (42.326 h [1993]), Brikama (41.761 h [1993]) e Bakau (28.882 h [1993]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos mandingo, que representa o 34% da poboación. Outros grupos importantes son os fulbe (16,2%), situados sobre todo na parte occidental do país, os wolof (12,6%), os serahuli (7,7%) e os jola (9,2%). O 95,4% da poboación é musulmana, o 3,7% cristiá e o 0,9% animista. A lingua oficial é o inglés, pero tamén se falan outras linguas do phylum níxer-congo (o fulbe, o mandingo, o jola e o wolof). Como linguas francas empréganse, sobre todo, o wolof (especialmente nas áreas urbanas da costa) e o mandingo (lingua maioritaria, falada sobre todo nas áreas rurais). A porcentaxe de alfabetización de adultos é baixa, cun 59% no 2001. A educación primaria é gratuíta pero non obrigatoria.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Gambia entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 149º posto cun índice do 0,398). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 45,9 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 35,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 45%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.580 $ USA.
Goberno e política
Autónoma no ámbito da Commonwealth dende febreiro de 1965, converteuse nunha república independente en 1970. Segundo a nova Constitución, que entrou en vigor en xaneiro de 1997, o poder executivo teno o presidente da república, elixido por sufraxio universal para un período de cinco anos e que designa os membros do goberno. O poder lexislativo reside na asemblea nacional, de carácter unicameral, composta por 49 membros, 45 elixidos por voto directo e 4 designados polo presidente. O sistema legal baséase na common law británica, nas leis coránicas e no dereito consuetudinario. Os principais partidos políticos son: People’s Progressive Party (PPP, Partido Progresista Popular), Alliance for Patriotic Reorientation and Constrution (APRC, Alianza para a Reorientación e Reconstrución Patriótica), United Democratic Party (UDP, Partido Democrático Unido). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: CEDEAO, ONU, OUA, Commonwealth, Organización para o Desenvolvemento do Río Gambja, e é membro asociado da UE.
Historia

O comercio de escravos portugués e a colonización británica.
Dende o s XIV o territorio foi colonizado pola etnia mandinga e impúxose o dominio do Imperio de Malí sobre o val do Gambja. Ao mesmo tempo, fundáronse numerosos reinos mandingas que controlaron o comercio costeiro e acadaron un gran desenvolvemento económico e cultural. A chegada de navegantes portugueses, a partir de 1455, desviou a maior parte do comercio interior cara á costa atlántica e provocou a decadencia dos reinos do interior. Converteuse nun próspero enclave portugués na ruta de Oriente ata que en 1618 a coroa portuguesa vendeulles os seus dereitos comerciais e territoriais aos británicos. A partir de 1644 estes crearon un enclave como base do comercio de escravos e os mercadores estableceron alianzas cos príncipes dos territorios do interior para aprovisionarse de escravos. Polo Tratado de Versailles (1783) recoñeceuse a posesión británica de Gambia, que pasou a depender das autoridades británicas de Serra Leona (1807). Trala supresión do tráfico de escravos o territorio perdeu a súa importancia económica, pero adquiriu valor estratéxico pola súa situación no medio do Senegal, principal colonia francesa na África subsahariana. En 1843 o territorio recibiu o estatuto de colonia e gañou importancia estratéxica. No interior sucedéronse as guerras relixiosas entre os principados mandinga e os reformadores musulmáns. Francia e o Reino Unido chegaron a un acordo respecto aos límites das súas colonias (1889), feito que trouxo a paz á rexión. A explotación colonial dende comezos do s XX limitouse ao cultivo do cacahuete para a exportación.
A independencia e os gobernos de Dawda K. Jawara
Autónoma dende 1963, acadou a independencia dentro do marco da Commonwealth (1965) con Dawda K. Jawara como primeiro ministro. Despois dun referendo (1970), converteuse en república baixo a presidencia de Dawda K. Jawara. A política estivo marcada pola preeminencia do grupo progobernamental PPP e pola figura de D. K. Jawara, reelixido presidente nas sucesivas convocatorias electorais (1972, 1977, 1982, 1987 e 1992). En xullo de 1981 o goberno tivo que lle facer fronte a un golpe de estado esquerdista, que foi reprimido coa axuda do exército senegalés e do Reino Unido. A colaboración que ata eses momentos mantiñan Gambia e Senegal concretouse en 1982 na federación de ambos os países (Senegambia). Despois dun período sometida ao estado de excepción (1982-1985) e tutelada polo exército senegalés, adoptouse un programa económico destinado a reflotar a economía, afundida pola crise do cacahuete e unha drástica diminución do turismo, deseñado polo Banco Mundial e o FMI. A federación de Senegambia disolveuse en 1989, pero en 1991 asinouse un tratado de amizade con Senegal.
O golpe militar de Yahya Jammeh e a Segunda República.
En 1994 un golpe militar liderado polo capitán Yahya Jammeh depuxo a D. K. Jawaraa, suspendeu os partidos e encarcerou os opositores. Os EE UU, Xapón e a UE suspenderon a axuda ao país. Jammeh creou en 1996 un partido político, a APRC, e renunciou ao seu cargo militar para concorrer ás eleccións presidenciais como civil, segundo as esixencias da nova Constitución. Finalmente venceu nas eleccións, tomou o poder en outubro, e nas lexislativas de 1997 venceu a APRC. En 1998, Gambia iniciou o período denominado Segunda República e adoptou un programa de axuste económico determinado polo FMI. En xaneiro de 2000 xurdiron denuncias de corrupción gobernamental que vincularon o presidente Jammeh coa ocultación de contas millonarias en Suíza xeradas pola venda de petróleo doado por Nixeria entre 1996 e 1998. O clima de tensión político exacerbouse no ano 2000 coa desarticulación de dúas sublevacións militares en xaneiro e xullo, e a violenta represión policial dunha manifestación de estudiantes, en abril, que causou unha ducia de mortos. As eleccións presidenciais de outubro de 2001, precedidas por movementos de oposición popular dirixidos por Ousseynou Darboe, líder do UDP, déronlle de novo a vitoria a Jammeh nunhas eleccións avaladas polos observadores da Commonwealth. As lexislativas de xaneiro de 2002, que foron boicoteadas pola UDP, outorgáronlle a vitoria á APRC nuns comicios limpos.