gandería

gandería

(< gandeiro)

  1. s f [GAN]

    Conxunto de actividades relacionadas coa utilización, a cría e o comercio do gando. A súa orixe remóntase aos primeiros intentos de domesticación de gando a finais do Paleolítico, para asegurarse unha mellora no sustento. A aparición da agricultura e o sedentarismo favoreceron así mesmo o cultivo da forraxe para a alimentación do gando controlado, que foi tamén utilizado para os traballos agrícolas e de transporte. O desenvolvemento da gandería, un dos trazos fundamentais da denominada Revolución Neolítica, tivo lugar no Oriente Próximo onde a domesticación se centrou en dous grupos: os animais utilizados para obter alimento (ovella, cabra, reno) e os que se podían incorporar á explotación e colaborar nas tarefas agrícolas e de transporte (cabalo, burro, boi). O primeiro caso rexistrouse fundamentalmente nas culturas desenvolvidas en medios esteparios e é o cazador quen somete os animais á domesticación, mentres que no segundo é o agricultor. En sucesivas etapas, a gandería pasou pola práctica do nomadismo, a transhumancia e a fase de granxa estabulada. As melloras técnicas e científicas permitiron aumentar a eficacia da cría de gando, e trouxeron consigo a aparición da práctica intensiva fronte á tradicional forma extensiva de aproveitamento. A crecente mecanización agrícola permitiu unha baixada relativa do custo da forraxe e tamén dos cereais, aínda que os sectores ovino e bovino tiveron unha evolución máis lenta polo papel que ocupan os pastos na súa alimentación. A gandería industrial está moi ligada coa evolución dos pensos e emprégase especialmente para o sector porcino. Avanzaron tamén as técnicas de conservación e desecamento da forraxe, feito que permitiu a creación de explotacións máis grandes nas zonas de prados. Existe así unha tendencia á desaparición da vella asociación gandería-agricultura, cando menos na xeografía. A moderna explotación gandeira tende a situarse preto dos mercados, feito que a escala mundial significa que os países produtores, como os EE UU e os países do NO de Europa, dependan máis que antes da importación de produtos do exterior, porque deben adquirir pensos ou, máis a miúdo, as materias primas para a súa elaboración. A propia redistribución vaise producindo no interior de cada país. A gandería concéntrase ou ben onde a man de obra é abondosa ou ben nas proximidades das zonas de forte consumo. Estas transformacións tamén influíron na estrutura dos circuítos de comercialización, acurtando os circuítos entre produción e consumo por eliminación de intermediarios. Ás veces o produtor perde a súa independencia e queda integrado dentro das cadeas de distribución para as que traballan os gandeiros. Os progresos da gandería van encamiñados cara a un incremento da produtividade pola selección de razas, o aumento do nivel sanitario e o proceso tecnolóxico, máis que por un incremento da cantidade. Desde o punto de vista económico a gandería pódese dividir, segundo os produtos principais que se obteñan, en tres grupos: gandería para leite e carne, gandería só para carne e gandería de traballo. Xeralmente o leite procede de catro especies: a vaca, o búfalo, a ovella e a cabra. O gando ovino está máis relacionado coa extensión dos pastos, de acordo coas prácticas máis tradicionais, o nomadismo primitivo e a transhumancia de montaña. En cambio as especies non produtoras de leite, nas dúas vertentes de gandería doméstica e de granxa ou industrial, son as máis independentes dos pastizais. O gando para carne é máis característico das zonas de grandes concentracións humanas. A carencia casi absoluta de porcino en Asia sudoriental e occidental e na maior parte de África explícase pola cultura islámica. A gandería de traballo, que proporciona a denominada enerxía de sangue, nos países desenvolvidos perdeu esta función e polo tanto diminuíu moito. Existen ademais outro tipo de explotacións dedicadas ao cultivo de especies utilizadas para a industria peleteira, como é o caso da cría de visóns.

  2. s f

    Conxunto de gando dunha comarca, país, etc.