Gante
Capital da provincia de Flandres Oriental, Bélxica, situada na confluencia dos ríos Escalda e Leie (224.074 h [1998]). A través de canais navegables a cidade enlaza con Bruxas e Ostende. O porto únese ao mar do Norte a través do canal de Terneuzen. É unha cidade industrial, con fábricas téxtiles, metalúrxicas, químicas, alimentarias, automóbiles e unha refinería de petróleo. A orixe de Gante remóntase ao 630 coa fundación por parte de santo Amando de Maastricht da abadía de Bavó. No s IX o conde de Flandres construíu alí o seu castelo ao redor do que se desenvolveu a vila. Convertido nun importante centro téxtil, durante a Guerra dos Cen Anos o tribuno Jacob van Artevelde recoñeceu o rei de Inglaterra como o señor lexítimo e instaurou un goberno democrático. As guerras relixiosas (ss XVI-XVII) causaron a decadencia da cidade, pero a partir de 1750 a economía volveu recibir un novo pulo grazas á produción de téxtiles de fío e á introdución do algodón. A mecanización da industria téxtil e a conversión da cidade nun porto marítimo durante a unión con Holanda (1815-1830) impulsaron a industrialización. No s XIX, converteuse no centro do movemento socialista en Flandres. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas de Sint-Niklaaskerk (s XIII) e Sint-Baafskathedraalk (s XII), as rúas medievais de Graslei e Koornlei, o Gravensteen ou castelo dos condes de Flandres (s XII), o medieval Vrijdagsmarkt, o mercado de panos ou Lakenhalle e o Kinderen Alijns Gogshuis (s XIV).