García, Nani
Músico e compositor. Estudiou música en Suecia entre 1976 e 1980. De volta a Galicia formou parte dos grupos de jazz Parabara, Filloa Express e Clunia. Con este último grupo obtivo diversos galardóns e gravou varios discos, entre os que destacan Clunia Jazz (1982), Rúa Cega (1986) e Carpe Diem (1995). A partir dos anos noventa compaxinou a súa actividade de solista coa de compositor musical e produtor doutros artistas e grupos como Xocaloma (Rosas de luz, 1990), Manuela e Miguel (Barco na alba, 1990), Uxía Senlle (Danza das areas, 2000) ou Luar na lubre (Espiral, 2002). Como compositor destaca o seu traballo de creación de material didáctico para nenos, entre o que cómpre mencionar Arrolín arrolán (1994) ou Cantos de berce (2001). Tamén realizou un gran número de composicións para ambientar obras de treatro, entre as que salientan A fiestra valdeira (1994), A noite das tríbades (1996), Don Perlimplín con Belisa no xardín (1998), O cerco de Leningrado (1999), ou Footing (2001). Realizou, así mesmo, composicións musicais para distintas longametraxes (Un viaje por Galicia, 1992; Blanca Madison, 2001; Ojos que no ven, 2003; Fragments, 2003), curtametraxes (Macana de dote, che, 1989; O resplandor da morte, 1990), series de televisión (Os outros feirantes, 1988; Pratos combinados, 1995), documentais (Océanos, 1997; Gran Sol, 2002) ou anuncios publicitarios (Acuarium Finisterrae, 2001). No ano 2001 creou, xunto con Javier Ferreiro e Carlos Gil, a súa propia compañía discográfica, Xingra.com, a través da que pretende promocionar novos valores da música tradicional e do jazz.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña