García Abalo, Ánxela
Actriz de teatro, cine e dobraxe. Iniciou a súa actividade teatral en Vigo e participou na creación, en 1978, da Sala Carral, onde ademais da exhibición de espectáculos se programaban outras actividades como cursos de formación, conferencias e debates. Logo participou no espectáculo da Compañía Luís Seoane, As criadas (1980, a partir do texto de J. Genet con dirección de Manuel Lourenzo), e entre 1981 e 1986 traballou como actriz e produtora en Portugal, con grupos como o Teatro Universitário do Porto, o Teatro Experimental do Porto e Os Comediantes. De volta a Galicia traballou en espectáculos realizados pola Compañía Mari-Gaila (Acto Cultural, 1982), Centro Dramático Galego (A noite vai coma un río, 1986), O Moucho Clerc (Da Vinci levaba razón, 1987) ou con Teatro da Lúa (Mullieribus, 1988). En 1989 funda, con Gustavo Pernas Cora, Áncora Producións, na que vén traballando como actriz (O galego, a mulata e o negro en 1990, Ladraremos en 1995, Fábula en 1996 e Anatomía dun hipocondríaco en 1998), e tamén como produtora, figurinista e, finalmente, codirectora.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vilagarcía de Arousa