García Balboa, Pedro Joseph ou frei Martín Sarmiento
Ilustrado. Aos catro meses do seu nacemento, a súa familia trasladouse a Pontevedra e alí residiu ata os quince anos. Dos seus primeiros estudios e formación non se sabe nada con certeza; pode ser que entre 1705 e 1709 seguise o ciclo de humanidades no colexio pontevedrés dos xesuítas, como formación previa para acceder aos estudios universitarios que estes ofrecían. En 1710 ingresou no mosteiro bieito de San Martín de Madrid, onde profesou o 24 de maio de 1711 e, en outubro dese mesmo ano, trasladouse ao mosteiro-universidade de Irache (Navarra) para realizar os estudios universitarios de Artes ou Filosofía. En 1714 regresou ao mosteiro de San Martín e entregouse por completo ao estudio, á escritura e á copia de moitos pregos da súa biblioteca. En outubro marchou ao mosteiro de San Vicente en Salamanca para iniciar os estudios de teoloxía na Universidad de Salamanca, no rexistro da cal xa consta como Martín Sarmiento. Á fin deste ano foi enviado ao mosteiro de Eslonza (León) como profesor pasante de filosofía dos monxes novos que estudiaban artes. En 1720 foi ordenado presbítero e enviado ao mosteiro asturiano de Celorio, onde ensinou teoloxía ata 1723. Entre 1723 e 1725 exerceu a docencia de teoloxía no mosteiro de San Vicente de Oviedo, lugar tamén no que se relacionou co padre Feijoo. En 1725 abandonou Oviedo e, antes de incorporarse ao mosteiro de Madrid, realizou a súa primeira viaxe por Galicia. En 1726, con Diego Mecolaeta, foi enviado á catedral de Toledo co fin de realizar o rexistro e catalogación do seu arquivo e biblioteca. En 1727 comezou os seus escritos crítico-burlescos, Martinus contra martinum, e redactou unha sátira contra C. Montoya Unzueta e en defensa do Teatro Crítico Universal. En 1728 comezou a facer correccións e índices das obras de Feijoo e en 1732 publicou a súa única obra editada en vida, Demostración Crítico-apologética del Teatro Crítico Universal, en defensa dos escritos e posicións de Feijoo (moitas das súas obras foron editadas por X. L. Pensado). En 1733 foi nomeado Cronista Xeral da orde beneditina de Valladolid e, en 1750, Cronista Maior de Indias, cargo que desenvolveu ata 1755. Entre 1741 e 1745, por encargo de Valentí Gonzaga, redactou Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles, que enviou a Roma co título de Historia de la poesía y poetas españoles. En 1743 escribiu Reflexiones literarias para una Biblioteca Real, obra na que sinalou un amplo programa para a organización de bibliotecas públicas e deixou entrever as súas concepcións sobre a educación ilustrada e a utilidade da ciencia, e os pregos que lle enviou ao Rei Filipe V coas súas notas de adornos para a construción do palacio real de Madrid. En 1745, con motivo da súa asistencia ao Capítulo Xeral da orde en Valladolid, trasladouse a Galicia, e aproveitou esta segunda viaxe para exercer como naturalista, historiador e lingüista, tal e como quedou reflectido nos pregos que escribiu: lugares visitados, topónimos, inscricións arqueolóxicas e nomes de plantas, vexetais, peixes, cunchas, mariscos, aves e outros animais cos seus nomes en galego, acompañando os nomes latinos e casteláns. De volta a Madrid (1746), escribiu 1.201 coplas en galego -editadas por X. L. Pensado como Colección de voces y frases gallegas (1970)-, primeira obra na que se recolle o galego oral popular; pouco despois iniciou o Glosario ou Comento complementario de carácter fundamentalmente etimolóxico que o consagrou como fundador da lingüística galega. En 1748 redactou a versión definitiva de Sistema de adornos de escultura, interiores e exteriores para el nuevo Real Palacio de Madrid para o Rei Fernando VI e realizou, por encarga do marqués de Aranda, o Catálogo de libros selectos. En 1750 comezou a preparar o Índice individual de los 6.500 volúmenes de libros y algunos más que este año de 1767 actualmente poseo “ad usum”, catálogo en que recolle os 6.500 libros da súa biblioteca. Nestes anos tamén escribiu obras como Sobre el sistema de hacer una descripción general de toda España (1751), Plano de un nuevo e fácil método para formar una descripción geográfica de España (1751) e Archivo de Samos y archiveros (1752). Entre 1754 e 1756 realizou unha terceira viaxe a Galicia que lle permitiu enriquecer as súas notas lingüísticas e redactar o Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1754-1758) que, xunto co Catálogo (1745), son un instrumento imprescindible para o coñecemento do galego do s XVIII. Antes de rematar 1755 aínda puido escribir sobre códices góticos e arábigos, en contacto co padre Rábago, e emprender outros traballos: unha proposta de Caminos Reales a petición do marqués de Aranda (Sobre los caminos reales de toda España, 1757), correspondencia co duque de Medina Sidonia, varios traballos de historia natural, de historia literaria (Sobre la patria de Cervantes (Alcalá)), poñendo maior atención na temática galega e na educación dos nenos (Obra de 660 pliegos, iniciada en 1762). Entre 1765 e 1766 escribiu numerosos pregos para un Onomástico gallego de historia natural, Elementos etimológicos según el método de Euclides (iniciada en 1758) e Sobre el origen de las lenguas (1766). En 1758 escribiu El porque sí y el porque no del Padre Sarmiento; satisfacción crítico-apologética de su conduta, en que realizou unha exposición sobre os motivos políticos e persoais que provocaron o seu retiro en Madrid e a súa negativa a publicar. Aínda que escribiu e reflexionou sobre distintos temas, pódese dicir que tres son os eixes temáticos que tratou nas súas obras: a lingua e lexicografía galega, a educación e a ciencia (máis concretamente a historia natural). As súas observacións ou digresións sobre o léxico ou a lingua galega están espalladas polos seus distintos escritos, pero o traballo de recompilación das voces galegas faino fundamentalmente na Colección de voces y frases gallegas, no Catálogo de voces y frases de la lengua gallega e no Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables. O seu traballo de campo centrouse no léxico, en particular botánico e zoolóxico, e nas etimoloxías (Onomástico etimológico de la lengua gallega,1757e 1762 e Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares, 1770), pero tamén prestou grande atención á onomástica, en especial á toponimia. Defende o galego como lingua diferenciada do castelán e do portugués e considera que a lingua popular e vulgar debe ser a base para coñecer unha lingua. Ademais recoñece a marxinación e o desprestixio do galego con respecto ao castelán -no Discurso apologético (1770) e en Elementos etimológicos según el método de Euclides responsabiliza da práctica castelanizadora (a sociedade galega fala galego pero maioritariamente escribe en castelán) os casteláns que a principios do s XVI chegarón ao Reino de Galicia-. Segundo el, a solución desta negativa situación ten que partir dun aumento da estima social do galego. Para isto cómpre converter o galego en lingua da escola e en lingua habitual dos sectores máis privilexiados da sociedade (avogados, curas, etc). Non obstante , Sarmiento era consciente de que faltaban materiais escritos en galego que permitisen acadar un bo coñecemento desta lingua e refírese reiteradamente á necesidade de escribir unha gramática galega, un dicionario galego -na Carta a Terreros e no Onomástico fai un esbozo metodolóxico para a confección do dicionario galego que tiña as súas principais fontes na oralidade-, un dicionario das voces latinas específicas de Galicia nos textos medievais e outro coas voces galegas sacadas dos documentos galegos anteriores a 1500. Dos seus traballos lexicográficos cómpre citar o Catálogo de voces y frases de la lengua gallega (1746, 1754-1755), o Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1754-1758), que recolle voces vulgares sobre botánica para as que trata de encontrar un equivalente científico nalgunha das nomenclaturas de que dispuña (Tournefort, Bahuino, Dodoneo, Linné, etc), o Onomástico latín-gallego de los vegetables que vio el Padre Sarmiento, según el sistema de Monsieur Tournefort (antes de 1767) e o Borrón de varios nomes gallegos de vegetables, posterior a 1751, en que agrupa as voces por campos léxicos. As súas frecuentes reflexións e informacións que atinxen á educación dos nenos e mozos aparecen tamén espalladas polos seus traballos xa que só escribiu unha obra en que maioritariamente diserta sobre educación, Tratado de la educación de la juventud (1768). En moitas ocasións denunciou a situación educativa e a metodoloxía didáctica das escolas: criticou o saber tradicional, formalista e autoritario centrado na memorización e non na comprensión. A súa orientación didáctica e pedagóxica estaba baseada no espazo cultural e antropolóxico e no contexto estrutural que rodea a todo proceso de ensino-aprendizaxe; neste sentido considera que é fundamental unha aprendizaxe racional desde a cultura galega e, polo tanto, desde o galego, con profesorado coñecedor do galego e con libros escolares e didácticos escritos en galego. Esta proposta educativa recolle o empirismo que defendía Locke e Comenius e entronca coa orientación xeral que a Ilustración europea preconizaba para o ensino: a linguaxe ten unha función comunicativa e serve de instrumento e vehículo dos coñecementos, por iso é necesario aprender primeiramente o galego e despois o resto das linguas. Na defensa desa educación que debe partir da natureza, o coñecemento da historia natural confórmase como un piar básico no ensino. O seu labor como naturalista queda reflectido nas moitísmas anotacións que, durante o seu percorrido por Galicia, fixo sobre os lugares polos que pasou, os vexetais cos seus nomes galegos e o debuxo correspondente, os nomes dos peixes, cunchas, mariscos, aves e outros animais, etc. No campo da botánica redactou traballos como Pensamientos crítico-botánicos (1753-1762), Respuesta sobre unas plantas remitidas de Asturias a Madrid (1755), Sobre el mostajo en castellano, en León, Asturias y El Bierzo mostayo, en Liébana mostazo (1755), a segunda redacción en 1759 De la planta carqueixa, Sobre el árbol betula, en gallego bidueiro, en castellano abedul, a terceira redacción en 1761 da Descripción, efectos y virtudes del vegetable carqueixa, Papel curioso sobre la planta que en Galicia es muy común y se llama seyxebra (1762) e Sobre el vegetable bangué, exótico y oriental (1968). Contribuíu á creación do Real Jardín Botánico e reclamou a necesidade de establecer bibliotecas públicas e xardíns botánicos en todas as cidades e a creación de cátedras de Historia Natural, Agricultura e Botánica. Con respecto á historia natural escribiu, entre outras obras, Sobre el phenicópero o flamenco ave, Sobre los atunes o almadrabas (1759), Sobre el animal cebra que se criaba en España (1761) e Noticia de un cuerno de rhino-ceronte (1762). En canto ao resto das ciencias, decantouse polos sistemas naturais de clasificación, que utilizan diversas características e non unha soa para clasificar os mixtos, achegándose nesta concepción a Buffon, e subscribiu o sistema sexual de Linné. Foi ademais un dos mellores coñecedores de química en España: ocupouse da obtención do platino, partindo da platina, indicando que debe ser o oitavo metal, e non cría na transmutación dos metais. Tamén deixou as súas reflexións sobre as aplicacións médicas da súa época: critica moitas das prácticas galénicas como as purgas e sangrías, xa que non facían máis ca poñer atrancos á acción da natureza, principal recurso que había que preservar, e mostrou o seu interese pola aplicación de remedios procedentes do mundo natural, sobre todo de plantas medicinais. En canto á súa concepción do dereito, esta é semellante á de Monstesquieu en L’esprit des lois (1728): as leis deben estar vinculadas á sociedade, á xente. Condena os medios que utiliza o dereito penal (tortura, crueldade das penas e pena capital) para chegar á verdade dos feitos; segundo o bieito, a medida dos delitos vén determinada polo dano social, e o castigo debe estar en función da súa utilidade social (Obra de 660 pliegos, 1764). Estivo influído por Bacon, Descartes, Gassendi, Locke, Newton e a escola newtoniana holandesa, Buffon, Voltaire ou Rousseau, así como de eruditas ilustres: Anna von Schurman, sor Juana Inés de la Cruz, Hypatia de Alexandría, que contribuíron a erixilo como defensor da igualdade das mulleres situándoo no máis avanzado das reivindicacións sobre a igualdade de xénero -en Demostración crítico apologética (1732) considera que un dos defectos da educación é considerar inferiores as mulleres-. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas (2002).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Villafranca del Bierzo -
Deceso
Lugar : Madrid