García de Bouzas, Xoán Antonio
Pintor. Formouse en Madrid con Lucas Jordán. Dende 1707 estivo vinculado á catedral compostelá, da que foi nomeado mestre pintor en 1726. A súa primeira obra na catedral foi unha representación da Verónica para o retablo da Soidade realizada en 1707, época na que tamén puido realizar a Visión de Storta, no retablo de Santo Ignacio na igrexa da Compañía, obra os dous retablos de Domingos de Andrade. A comezos do s XVIII realizou unha serie dedicada á vida de san Francisco de Asís por encargo do bispo frei Damián Cornejo para o convento de San Francisco de Ourense, que mostra a influencia do seu mestre no emprego das luces douradas, das gamas cromáticas frías e da pincelada rápida. Cara a 1716 pintou o altar e o pedestal da capela catedralicia das Ánimas, con Francisco Sánchez, e en 1719 comezou a colaborar con Fernando de Casas na capela do Pilar, onde ademais de pintar os elementos e estruturas arquitectónicas realizou A aparición da Virxe a Santiago Apóstolo e aos seus discípulos en Zaragoza, que remata o retablo. O convento dominico de Lugo encargoulle en 1721 o lenzo da Virxe entregando un retrato de san Domingos ao monxe de Soriano. Na catedral compostelá realizou o dourado e pintado do Tesouro e da Porta Santa con Francisco Sánchez (1723), un cadro sobre o tema da Verónica (1736), a pintura das esculturas da fachada do Obradoiro (1747), o lenzo do Apóstolo Santiago sedente (1748) da antesancristía e a pintura e dourado dos altares da capela de don Lope (1749). En 1751 encargáronlle un Retrato de Fernando VI e en 1752 o cadro Noso Señor Xesús Cristo e a Conversión de san Paulo para a sala capitular. Fóra da catedral realizou a pintura do retablo da capela do Rosario en San Domingos de Bonaval, dos retablos maiores de Santa María de Salomé e San Paio de Antealtares (1727), a decoración mural da capela do Socorro en San Martiño Pinario e diversos retablos para os xesuítas de Pontevedra. No eido do retrato realizou o Retrato de don Alonso de la Peña y Montenegro, Bispo de Quito e atribúenselle os de Frei Hernando de Carvajal y Rivera e Francisco García Pardiñas Villar de Francos en Santa María a Real de Conxo. Ademais atribúenselle, entre outras obras, o altar de santa Liberata e o altar da Inmaculada Concepción da capela de San Telmo, ambos na catedral de Tui, a Aparición da Virxe ao Apóstolo, na colexiata de Iria Flavia, e A Virxe entregando un retrato de san Domingos ao monxe de Soriano, no convento de Nosa Señora de Valdeflores en Viveiro.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso