García de Buciños Vázquez, Manuel
Escultor. Licenciouse en Belas Artes na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid (1962). Traballou con Pablo Serrano e Enrique Pérez Comendador. Instalouse en Ourense en 1963, onde se vinculou aos Artistiñas de Vicente Risco, e realizou a súa primeira exposición en Madrid en 1966. A súa obra, expresionista e neorrealista, está enraizada na tradición galega. Nos seus comezos traballou na madeira, para acadar a súa máxima expresión nas obras en bronce, ás que chegou a través do coñecemento da fundición e dos procesos da soldadura autóxena, en obras nas que acadou unha maior expresión ao prescindir do accesorio e traballar o oco como materia. Traballou tamén a pedra. A súa obra é dinámica e espontánea e nela están presentes a muller e a maternidade. Realizou, entre outras esculturas públicas, os monumentos a Castelao e Otero Pedrayo en Ourense, a Castelao en Pontevedra, ao afiador en Luintra (Nogueira de Ramuín) e moitas das esculturas do Centro Cultural Caixanova de Vigo. Entre as súas obras destaca Calpurnia, figura feminina que representa a primeira muller ourensá da que se ten constancia e que se entrega como galardón no Festival de Cine Independente de Ourense. Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas e recibiu, entre outros galardóns, o premio da Deputación de Tarragona na Exposición Nacional do ano 1961, as medallas da Bienal de Pontevedra e o Pedrón de Ouro (1995). A súa obra atópase, entre outros, no Museo Municipal de Lugo, no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo e nos museos Municipal e Provincial de Ourense.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Buciños, Carballedo