García Domínguez, Raimundo
Xornalista, coñecido polo pseudónimo de Borobó. Estudiou filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1936 adheriuse á UGT e loitou na Guerra Civil, na que foi comisario de Transporte no III Corpo do exército republicano. Durante a contenda colaborou no periódico de campaña republicano Estímulo. En 1939 afiliouse ao PSOE. Trala finalización da guerra, estivo prisioneiro en diversos campos de concentración. A partir de 1940 colaborou nos periódicos El Español e La Estafeta Literaria, a revista Fantasía e o diario Madrid. Foi director do diario La Noche de Santiago de Compostela. Neste xornal publicou os seus “Anacos”, crónicas variadas da vida real e de noticias de actualidade, ademais de coordinar as páxinas literarias e universitarias dende as que se deron a coñecer os integrantes da xeración de La Noche. En abril de 1960 pasou a dirixir El Correo Gallego. Posteriormente trasladouse a Madrid para exercer como subdirector do diario económico 3 E e como colaborador de Arriba. Na axencia EFE foi redactor xefe de Arquivos. Ademais, dirixiu a revista Chan, foi editor de Qué e colaborador de Blanco y Negro, El Imparcial e El Socialista. Formou parte da executiva federal do PSOE e foi o encargado de investigar a implantación da Internacional Socialista en España. Escribiu varias comedias, como Duce, Duce e Quién mató al Meco?, e narracións como Fantasma de Valle-Inclán, Libro de los tropiezos, Raíz mágica del primero de mayo, Primeiros anacos santiagueses, Pablo Iglesias, el gallego, La tremenda niñez de la Bella Otero e Xan Pernas, burlador de diablos. Académico correspondente da Real Academia Galega, recibiu o premio Pedrón de Ouro e o Premio Julio Camba de xornalismo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontecesures