García Iglesias, Xosé Manuel
Historiador da arte. Licenciado en Xeografía e Historia (1973) e licenciado (1974) e doutor en Historia da Arte (1979) coa tese La pintura en Galicia durante la Edad Moderna: el siglo XVI, pola que recibiu en 1980 o Premio Extraordinario e o Premio da Deputacion de Pontevedra. Catedrático de Historia da Arte Moderna e Contemporánea dende 1986. Foi bolseiro da Accademia de Belle Arti de Roma e do Instituto de Investigaciones Estéticas de México. Foi director do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM, 1993-1997) e dende 1996 é vicepresidente do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). As súas investigacións centráronse na arte galega. En 1974 comezaron os seus estudios sobre a pintura galega, especialmente a do Renacemento, entre os que destacan El pintor de Banga (1984), La pintura manierista en Galicia (1986) e Pinturas murais de Galicia (1989). Entre 1984 e 1990 a principal liña de investigación foi o Barroco. Froito destas investigacións destacan Pazos de Galicia (1989), A catedral de Santiago e o Barroco (1990), Galicia, tiempos de Barroco (1990) e Fernando de Casas Novoa (1993). En 1987 comezou a súa actividade investigadora sobre a Idade Contemporánea e o eido expositivo. Entre outras obras cómpre destacar Quessada (1987), Manuel Prego. Su obra (1989), De Labra (1994), Vidal Abascal, matemático-pintor, universitario-artista (1995) e Galicia. Hacia la modernidad (1998). Compaxina a docencia e a investigación co comisariado de exposicións e a dirección de diferentes plans culturais. Entre outros proxectos expositivos foi comisario xeral de Galicia no Tempo (1990-1991), Gallaecia Fulget (1995-1996), Galicia, Terra Única (1996-1997) e Xacobeo 99 (1998-1999). Asesor da Enciclopedia Galega Universal, colaborou na Gran Enciclopedia Gallega, Galicia Arte e Artistas Galegos Pintores e, entre outras publicacións, en Boletín Auriense, Boletín do Museo de Mondoñedo, Compostellanum, Cuadernos de Estudios Gallegos, Goya, Museo de Pontevedra e Porta da Aira, Revista Galega de Ensino, ademais de xornais de ámbito autonómico e estatal, entre outros El Ideal Gallego, El Correo Gallego e ABC, e en diferentes proxectos audiovisuais na Radio e Televisión de Galicia.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela