García Lorca, Federico

García Lorca, Federico

Escritor. Licenciado en Dereito, viviu na madrileña Residencia de Estudiantes, onde contactou coa elite literaria e intelectual dos anos vinte e pertenceu ao grupo de poetas vinculados á Xeración de 1927. No bienio de 1929-1930 visitou EE UU e Cuba e no período 1933-1934 estivo en Arxentina e Uruguay. Republicano e intelectual de esquerdas, foi asasinado en 1936, ao pouco de comezar a Guerra Civil española. Como poeta iniciou a súa traxectoria en 1921 con Libro de poemas, ao que seguiron Canciones (1927), Poemas del cante jondo e Primer romancero gitano (1928). Posteriores son Llanto por Ignacio Sánchez Mejías (1935) e Seis poemas galegos (1935). Con carácter póstumo apareceron Diván del Tamarit e Poeta en Nueva York, ambos os dous publicados en 1940. Máis serodia aínda foi a publicación dos Sonetos del amor oscuro. No terreo teatral é autor de dous dramas modernistas, El maleficio de la mariposa (1920) e Mariana Pineda (1927). No ámbito da farsa destacan, ao longo dos anos vinte, as súas pezas La zapatera prodigiosa, Amor de don Perlimplín con doña Belisa en su jardín, Tragicomedia de don Cristóbal e Retablillo de don Cristóbal. Nos anos trinta a súa dramaturxia chegou ao cumio coas traxedias rurais andaluzas Bodas de sangre (1933), Yerma (1934) e La casa de Bernarda Alba (1936), co drama Doña Rosita la soltera (1935) co tema da muller solteira como eixe, ou coas pezas El público (1930) e Así que pasen cinco años (1931). Entre 1932 e 1933 desenvolveu unha intensa actividade como director do teatro universitario La Barraca, co que percorreu media España nunha campaña de promoción e difusión teatral, creando un repertorio singular no que partiu de pezas clásicas do teatro clásico español, como pasos e entremeses. Un capítulo da súa vida e obra está directamente vinculado con Galicia, onde viaxou por vez primeira en 1916, cando era estudante de Filosofía e Letras na Universidade de Granada e alumno do catedrático Martín Domínguez Berrueta e visitou Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo. As impresións da viaxe publicounas nas páxinas de Lucidarium (1917), revista da universidade granadina e, posteriormente, no seu libro Impresiones y paisajes (1918). A segunda visita a Galicia produciuse nos primeiros días de maio de 1932. Foi invitado polos Comités de Cooperación Intelectual que funcionaban en Galicia para pronunciar varias conferencias; así, falou en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, lembrando a figura de Pedro Soto de Rojas e falando sobre poemas da súa autoría que logo incorporaría ao volume Poeta en Nueva York. Manifestou o seu entusiasmo por Santiago de Compostela e visitou o monumento a Rosalía de Castro, para a que propuxo unha homenaxe nacional. Relacionouse cos mozos universitarios galegos, artistas e escritores que comezaban daquela a darse a coñecer: Carlos Martínez Barbeito, Luís Seoane, Luís Manteiga, Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego, Ánxel Fole, Feliciano Rolán, Arturo Souto e tamén Arturo Cuadrado ou Carlos Maside. En Santiago tivo nas súas mans o primeiro número da folla poética Resol, que saía impulsada e dirixida por Arturo Cuadrado e Luís Seoane. Nela, no nº 1 (maio de 1932), apareceu o romance “La monja gitana” e no nº 6 (decembro de 1932) o “Madrigal a cibdá de Santiago”, primeiro poema escrito e publicado por Lorca en lingua galega. No mes de agosto do mesmo ano, 1932, volveu a Galicia (a súa terceira viaxe), agora coa compañía teatral La Barraca, que levaba un repertorio de entremeses de Cervantes para representar en funcións populares. O grupo percorreu A Coruña, Santiago de Compostela, Noia, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Ribadeo, e a prensa galega informou puntualmente das representacións. Por fin, en novembro de 1932 retornou a Galicia; foi a súa cuarta e última viaxe. En Pontevedra e despois en Lugo falará sobre a pintura española de María Blanchard. Na capital pontevedresa é recibido polos membros do Comité de Cooperación Intelectual e mais polo grupo de poetas e artistas fundadores da revista Cristal, que no seu nº 5 (novembro de 1932) anunciaba a chegada á cidade do poeta. Na súa breve estancia en Pontevedra, coñeceu e tratou a Luciano del Río, Xosé María Álvarez Blázquez, Xoán Vidal Martínez, Antonio Díaz Herrera e Evaristo Mosquera. No café Moderno escribiu unha segunda versión do soneto “Yo sé que mi perfil será tranquilo”, que deixou para a súa publicación en Cristal (nº 6, decembro de 1932), onde xa anteriormente se reproduciran os romances “La monja gitana” e “Prendimiento y muerte de Antoñito el Camborio” (nº 5, novembro de 1932) e despois se publicaría “Asesinato” (nº. 7, xaneiro de 1933). En Lugo, onde chegou o día 22, repetiu a conferencia pronunciada en Pontevedra e contactou con Ramón Martínez López, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro e outros escritores lugueses. Para a revista Yunque, que dirixía Ánxel Fole, entregou o “Madrigal” dedicado a Santiago de Compostela, que apareceu no nº 6 (outono de 1932) da revista por vez primeira, aínda que ao mes seguinte aparecese en Resol, e pouco despois en El Pueblo Gallego. En 1933 viaxou a Arxentina e Uruguay, onde as súas pezas teatrais coñecen un grande éxito, e o contacto coa Galicia emigrante en Bos Aires inspirará “Cantiga do neno da tenda”, incorporada despois aos Seis poemas galegos, un poema cheo de solidariedade e compaixón cos galegos que soñan coa terra á que non volverán. O poeta posuía un coñecemento da lingua galega fundamentalmente literario polas súas lecturas dos cancioneiros medievais e de poetas como Manuel Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro ou Amado Carballo; tamén foi amigo do musicólogo Xesús Bal y Gay, que coñecía a música popular galega e que aínda en xuntanzas con amigos galegos cantou pezas como “Estando cosendo”, “Asubía que fai vento”, ou “Campanas de Bastabales”. A súa obra dramática foi obxecto de diversas escenificacións en Galicia, entre as que hai que destacar as realizadas polo Centro Dramático Galego (Yerma, 1990), con dirección de Xosé Manuel Blanco Gil, e polo Teatro do Atlántico (Seis poemas galegos e Amor de Don Perlimplín, 1998), con dirección de Xulio Lago.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Fuentevaqueros, Granada

  • Deceso

    Lugar : Víznar, Granada