García Márquez, Gabriel José
Escritor e xornalista colombiano. Estudiou o bacharelato no Liceo Nacional de Zipaquirá (1940-1946) e, posteriormente, matriculouse na facultade de Dereito e Ciencias Políticas na Universidad Nacional de Bogotá. Participou en 1950 no Grupo de Barranquilla, liderado por Ramón Vinyes, e tomou parte na revista Crónica do mesmo grupo. Colaborou nas publicacións Juventud (1942), El Universal (1946), El Heraldo (1948-1952), El Espectador, El Nacional, Élite (1956), Momentos (1957) e Venezuela Gráfica, entre outras. Foi correspondente de El Espectador en Xenebra e Roma, e da axencia cubana Prensa Latina (1959-1961) en Colombia, Cuba e Nova York; ademais, colaborou nas axencias de publicidade J. Walter Thompson e Stanton. En 1957 realizou unha viaxe pola República Democrática Alemana, Checoslovaquia, Polonia, Hungría e a Unión Soviética, que reflectiu no seu artigo “Noventa días en la Cortina de Hierro”. En 1967, despois de recoller numerosos premios pola publicación da súa novela Cien Años de Soledad, marchou a vivir a Barcelona, onde coincidiu co escritor peruano Mario Vargas Llosa. En 1974 fundou en Bogotá a revista política Alternativa e en 1975 instalouse definitivamente en México, onde colaborou con diversas revistas do país, redactou guións cinematográficos e se relacionou con destacados escritores, como Carlos Fuentes, Juan Rulfo e Manuel Barbachano. No eido político tratou en diversas ocasións cos líderes Omar Torrijos, Fidel Castro, Felipe González e François Miterrand, e con presidentes e embaixadores de diversos países; froito desa experiencia foi a súa participación nas negociacións establecidas entre o goberno colombiano e a guerrilla a comezos da década dos oitenta. En 1991 decidiu regresar a Colombia e poñer fin ao seu longo exilio. Creador do realismo máxico e influído por Rubén Darío, James Joyce, William Faulkner e Virginia Woolf, nas súas novelas e relatos breves mestura o realismo con elementos de natureza fantástica. Da súa produción destacan La hojarasca (1955), El coronel no tiene quien le escriba (1961), Los funerales de la Mamá Grande (1962), La mala hora (1962), Cien años de soledad (1967), Relato de un náufrago (1970), La increíble y triste historia de la cándida Eréndira y de su abuela desalmada (1972), Cuando era feliz e indocumentado (1973), Ojos de perro azul (1974), El otoño del patriarca (1975), Operación Carlota (1977), Crónica de una muerte anunciada (1981), El amor en los tiempos del cólera (1985), Diatriba de amor contra un hombre sentado (1987), Los cuentos de mi abuelo el coronel (1988), El general en su laberinto (1989), Notas de prensa 1980-1984 (1991), Doce cuentos peregrinos (1992), Del amor y otros demonios (1994), Noticia de un secuestro (1996), Por la libre (1974-1995). Notas de prensa. Obra periodística (1999) e Vivir para contarlo (2002). Ademais dos guións cinematográficos que escribiu, moitos dos seus contos foron adaptados para filmes, series de televisión e representacións teatrais. Foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Columbia en Nova York (1971), Santo Domingo (1993) e Cádiz (1994) e, entre outros galardóns, recibiu o Premio Esso (1961), o Premio Nacional de Literatura de Colombia (1961), o Premio Rómulo Gallegos, a Lexión de Honor do goberno francés (1981) e o Premio Nobel de Literatura (1982).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Aracataca, Magdalena