García Negro, María Pilar

García Negro, María Pilar

Filóloga e política. Desde 1985 pertence ao departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña. A súa tese de doutoramento, Lingua galega e lexislación (1991), foi a primeira realizada sobre lingua galega e lexislación iuslingüística. Ademais, ocupouse (1978-1979) da sección “O idioma” do semanario A Nosa Terra, primeira do seu xénero (divulgación de bos usos na práctica oral e escrita da lingua), publicada en medios de comunicación galegos. Membro do Consello Nacional do BNG e deputada no Parlamento galego desde 1989, foi a impulsora da creación da Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres (1994) na Cámara galega. Destacan as súas obras 33 aproximacións á literatura e a língua galega (1984), en colaboración con X. Mª Dobarro, O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991), O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995), en colaboración con X. Costa Casas, Poesia galega de Valentin Lamas Carvajal (1998), Direitos lingüísticos e control político (2000) e Arredor de Castelao (2001). Presidiu (1983-1988) a Agrupación Cultural da Coruña Alexandre Bóveda e colabora coa AS-PG, a Asociación de Escritores en Língua Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística. Cofundadora do comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo en Galicia (1985-1990).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo