García-Bodaño Zunzunegui, Salvador

García-Bodaño Zunzunegui, Salvador

Escritor. Obtivo o título de procurador dos tribunais e posteriormente seguiu diversas actividades comerciais. Pertencente á Xeración das Festas Minervais, participou nos parladoiros do Café Español e ao longo da súa traxectoria colaborou en distintas revistas e xornais. Foi cofundador do grupo O Galo e en 1963 participou cun recital xunto a outros autores na celebración do primeiro Día das Letras Galegas. En 1980 foi elixido directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega e presidente do Ateneo de Santiago de Compostela. Na política, estivo vinculado ao Consello da Mocidade e en 1963 participou na constitución do Partido Socialista Galego (PSG). Da súa produción destaca Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (Premio da Crítica Española l978), 37 debuxos para un país (1985), Compostela (1989) Obra poética (1993), Conto de Reis (1991), Os misterios de Monsieur D’Allier (Premio da Crítica 1993) e Rafael Dieste. Vida e obra en lingua galega (1995). Traduciu a obra de diversos autores, como Jules Verne, Claude Roy e G. Borrow (Viaxe a Galicia en 1837). Publicou unha selección de artigos titulada De onte a hoxe. Ensaios xornalísticos dende Compostela (1993). Membro numerario do novo Seminario de Estudos Galegos na Área de Arte/Comunicación (1983), promoveu diversas iniciativas culturais, como a revista Teima, e cofundou ou integrou numerosas institucións, como a Fundación Padroado do Pedrón de Ouro; foi patrón fundador do Museo do Pobo Galego, membro fundador do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), do Instituto Galego da Información (IGI), fundador da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do PEN Club de Galicia, membro iniciador da Fundación Castelao, e membro da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. En 1992 ingresou como membro numerario da Real Academia Galega e recibiu, entre outros galardóns, os primeiros premios e a Flor Natural en Lingua Galega e Castelá no certame universitario con motivo das Festas Minervais (1959), o I Premio nos Xogos Florais Rosalía Castro do concello de Betanzos (1971) e o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo