Garibaldi, Giuseppe
Militar e político italiano. En 1833 uniuse ao movemento revolucionario de Mazzini, Giovine Italia, polo que foi condenado a morte, pena que conseguiu evadir coa fuxida a Sudamérica, onde permaneceu doce anos, nos que participou en rebelións en Brasil e na guerra civil uruguaia. Volveu a Italia en 1848, e uniuse ao Risorgimiento en favor da liberación e unificación de Italia. Combateu os austríacos en Milán e defendeu a República contra as tropas francesas en 1849. Refuxiado no Piemonte, despois da caída de Roma, foi expulsado e viviu de novo no exilio entre 1850-1854. Ao seu regreso encabezou a expedición contra as forzas austríacas nos Alpes (1859) e dirixiu a expedición dos camisas vermellas na conquista de Nápoles e Sicilia. Proclamado o Reino de Italia baixo Víctor Manuel II, enfrontouse a este na cuestión da anexión da cidade de Roma. Loitou contra o rei e foi apresado en Aspromonte (Calabria), en 1862. Unha vez indultado, organizou un novo grupo de voluntarios en 1867 para anexionar os Estados Pontificios ao Reino de Italia, que resultou derrotado polas forzas conxuntas de Francia e o Papado. Trala anexión de Roma (1870), foi elixido membro do Parlamento italiano en 1874. Nos últimos días da súa vida decantouse cara a un socialismo de tipo comunitario.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Niza -
Deceso
Lugar : Caprera, Sardeña