Gas, Hilaire-Germain-Edgar de
Pintor, gravador e escultor. Coñecido como Edgar Degas, nome co que asinaba as súas obras. Recibiu a influencia de Ingres, aínda que a súa formación se debeu principalmente ao estudo dos antigos mestres no Musée du Louvre e ás súas estancias en Italia (1854-1859). Formou parte do grupo do Café Guerbois (1866) e foi un dos organizadores da primeira exposición dos impresionistas (1874). Participou nas outras mostras impresionistas, agás a de 1882. Comezou facendo cadros de historia, entre outros, Jeunes filles spartiates provoquant des garçons à la lutte (1860), pero centrouse no retrato, dos que destaca La famille Bellelli (1858-1867), e nas carreiras de cabalos, como Joquies davant les tribunes (1869-1872). Asiduo á l’Opéra de Paris, pintou escenas de ballet e danza, entre outras, L’École de danse (1874) e Danseuse à la barre (1880), que tamén cultivou na escultura, entre outras, La petite danseuse de quatorze ans (1881). As dificultades económicas levárono, dende 1876, a aumentar a súa produción e a empregar con maior asiduidade o pastel. O seu impresionismo era máis conceptual ca óptico, pois achegou un enfoque que rompeu co equilibrio da composición tradicional coas imaxes cortadas polo marco e co emprego dos primeiros planos e da perspectiva máis alta ca a habitual, características que o relacionan coa fotografía e que tinxen as súas obras dunha instantaneidade.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso