gato

gato

(< lat cattu)

  1. [ANIMAL]
    1. s

      Animal no que se engloban varias especies de mamíferos, da familia dos félidos, da orde dos carnívoros. Presenta corpo esvelto, cabeza redondeada co fuciño curto e orellas redondeadas e móbiles, ollos grandes con visión binocular, e pelame suave. Na dentición, caninos afiados e fortes, e lingua recuberta de papilas córneas. Dixitígrados, poden retraer as unllas. De costumes solitarias e territoriais, está presente de maneira silvestre en todo o mundo, agás nas rexións polares e en Australia e Madagascar (onde a súa presenza de orixe antrópica puxo en perigo a supervivencia de numerosas especies autóctonas). Na tradición oral recóllense ditos como: “Máis vale ser cabeza de rato que rabo de gato. Gato berrador, mal murador. O que has dar ao rato, dállo ao gato. Na casa na que non hai gatos, campan os ratos. Máis come o gato dunha “ves”, que un rato nun mes. O can e o gato non poden comer nun prato. Un ollo no gato e outro no prato. Ao gato escaldado a auga fría faille dano. Fillos da gata, ratos mata. Sardiña que leva o gato, tarde ou nunca volve ao prato. Non digas “pillei o gato” mentres non o teñas no saco.”

    2. gato caseño/doméstico [Felis catus, Fam dos félidos]

      Gato duns 70 cm, dos que 20 corresponden ao rabo. Ten as orellas pequenas e rematadas en punta; o rabo longo, delgado e acabado en punta; a pelaxe de coloración diversa, segundo as razas; e unllas retráctiles. É menor ca as especies salvaxes, procede da especie Felis silvestris lybica, domesticado en Exipto hai 4.000 anos. En relación ao gato bravo presenta a cola máis estreita e puntiaguda. Utilízase como animal doméstico para combater ratos; existen numerosas razas e variedades, entre elas, o gato de angora , que é de pelo longo e espeso, xeralmente branco, e de carácter indolente; o gato persa ten o corpo macizo, as patas curtas e o rabo groso e acabado nun guecho de pelo; o gato siamés é de cor leonada e ten a cabeza, o rabo e as patas da cor do chocolate. É de hábitos nocturnos e nútrese de ratas, ratos, leite, peixe e, ocasionalmente, vexetais.

    3. gato bravo/fero/do monte/montés [Felix silvestris, Fam dos félidos]

      Animal que mide 60 cm de longo e mais 30 cm da cola. A cor do pelame é gris ou parda, con franxas transversais escuras e cunha liña negra ao longo do dorso, cola grosa e anelada co extremo negro. Ten cabeza ancha e ollos alaranxados. Está distribuído por toda Europa, Asia e África. Habita en áreas de mato ou boscosas, con escasa presenza humana, posto que son animais solitarios e territoriais. Dedícanse esencialmente á caza de pequenos mamíferos, aves ou réptiles.

    4. gato murador/pescador/rateiro

      Gato caseño que é bo cazador de ratos.

    5. gato salvaxe [Felis silvestris, Fam dos félidos]

      Gato duns 45-80 cm de lonxitude ata o rabo e uns 35-40 cm de altura ata a cruz. O seu aspecto é similar ao do gato doméstico, pero é máis macizo, co rabo curto e de extremo romo, e coa pelaxe de cor crema con bandas escuras transversais. É de hábitos nocturnos, corredor e saltador, e nútrese de paxaros pequenos e medianos e de mamíferos diversos. Habita na Europa central, meridional e oriental, en terreos preferentemente de bosque, ata altitudes de 1.800 m.

  2. s m

    Xénero de peixes da orde dos carcariniformes que miden de medio a un metro, coa cabeza aplanada e o corpo delgado, de cor gris rosada con manchas circulares escuras de diámetro variable segundo a especie.

  3. s m [TECNOL]

    Aparello mecánico ou hidráulico, portátil ou fixo, empregado para elevar cargas pesadas (ata unhas dez toneladas) a unha altura xeralmente entre 100 e 700 mm. Os primeiros constan xeralmente dun mecanismo de cremalleira accionado por unha manivela ou por un xogo de pancas a través dun desmultiplicador de rodas dentadas; outros modelos baséanse na deformación dun paralelogramo articulado mediante o xiro dun parafuso de dobre rosca. Os segundos baséanse na acción dun pistón de gran corte que ao enchelo con aceite bombeado sobe por outro pistón accionado á man mediante unha panca.

  4. s m
    1. Ferramenta que consiste nunha barra con dous saíntes, un deles móbil que se aproxima ao outro para apertar e suxeitar entre os dous algunha peza.

    2. Instrumento de ferro, semellante a unha grampa, que se emprega para suxeitar ou manexar a madeira.

  5. s m

    Ferramenta do cubeiro que se emprega para apertar os aros da cubas, pipas, etc.

  6. s m

    Parte da pechadura na que encaixa o pasador para pechar.

  7. s m [ETN]

    Cada unha das dúas abrazadeiras que leva o carro no mión.

  8. s m [BÉL]

    Instrumento que consiste nun pau que ten no seu extremo tres ou máis ferros flexibles e acabados en punta, formando unha estrela. Úsase para recoñecer as paredes interiores dos canóns.

  9. s

    Persoa atrevida e desvergonzada.

Frases feitas

  • Andar/Ir coma o gato polas brasas. Andar ou ir con precaución.

  • Buscar tres/cinco pés ao gato. Buscar ou ver dificultades ou complicacións onde non as hai.

  • Catro gatos. Haber moi pouca xente.

  • Dar/Meter gato por lebre. Enganar facendo que unha cousa pase por outra que é mellor.

  • Facer a gata. Non ir á clase.

  • Fino coma la de gato. Expresión coa que se dá a entender ironicamente que alguén é moi agudo cando lle convén.

  • Lavarse coma os gatos. Aplícase á persoa que se lava superficialmente e mal.

  • Levarse coma o can e o gato. Levarse mal ou ser incompatibles dúas persoas.

  • Pincho/Tumbo de gato. Volta que alguén dá sobre si mesmo cando cae ou se bota coa cabeza para adiante, apoiando as mans ou a cabeza no chan e impulsándose cos pés para acabar caendo de costas. SIN: capitón, pinchacarneiro.

  • Que gato estarán esfolando? Aplícase a un grupo de persoas que se supón está criticando a alguén.

Refráns

  • As veces a carne está no prato por falta de gato.
  • Bo amigo é o gato, se non rabuñara.
  • Cando os gatos lavan a cara, sinal de visita na casa.
  • Carne que leva o gato non volve máis ao prato.
  • Come o gato o que atopa mal gardado.
  • Come o gato o que non topa ben gardado.
  • Con fillos, o gato ben caza o rato.
  • Facédelle festas á gata e saltaravos á cara.
  • Facédelle festas ao gato é rabuñaravos.
  • Gata roxa, tal as fai, tal as coida.
  • Gata vermeUa, tal as fai, tal as pensa.
  • Gato do mes de xaneiro vale un carneiro.
  • Máis come o gato dunha ves, que un rato nun mes.
  • Mal lle vai aos gatos cando andan aos gorrións.
  • Non deites a gata na túa cama nin lle deas couces despois de deitala.
  • Non está a carne no garabato por falta de gato.
  • O gato leva o mal gardado.
  • O gato saca as unllas, cando as ha mester.
  • Sempre que botes a gata na cama, ten coidadiño de non mancala nin couceala.