Gato Luaces, Miguel

Gato Luaces, Miguel

Realizador e guionista cinematográfico. Tras estudar dirección na Escuela Oficial de Cinematografía de Madrid, iniciouse no Cine Club Amateur da Coruña da man de José Ernesto Díaz-Noriega. Nesta etapa dirixiu as películas en formato afeccionado El mirón (1971) e El perro blanco (1972). Posteriormente, entrou a formar parte do grupo Enroba, creado por Enrique Rodríguez Baixeras, co que colaborou en distintos proxectos, e para o que escribiu o guión de A morte do mariscal (1973), en formato Super8, e O documento (1974). En 1975 dirixiu A Tola, curtametraxe en 16 mm basada nun relato de Francisco Taxes, con quen escribiu o guión. Unha vez disolto o grupo, realizou unha serie de proxectos en formato profesional. En 1976 escribiu o guión de dúas películas: Fendetestas (Antonio F. Simón) e O herdeiro, que tamén dirixiu. En 1977 dirixiu Os cigarróns (Viejas costumbres gallegas) e A rapa das bestas. En 1990 realizou unha serie documental para TVE sobre Pérez Galdós. En 1991 dirixiu o capítulo piloto dunha serie para televisión, Pesquisas: O caso das galiñas aforcadas. Publicou El cine de autor en España (1978), en colaboración con J. Hernández Les. Escribiu numerosos artigos en distintos medios, e colaborou en programas de televisión e dirixiu varios anuncios publicitarios.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ortigueira